Unha visión do financiamento autonómico dende Galicia

Xuntanza do Consello de Política Fiscal e Financeira © Ministerio de Facenda

Non debera sorprender en demasía o sucedido no último Consello de Política Fiscal e Financeira que rematou sen acordo e con fondas discrepancias entre os representantes das CCAA e o goberno español (PSOE/Sumar). Non debera sorprender si temos en conta que das comunidades que estiveron presentes unha maioría (once) están gobernadas polo Partido Popular (PP), nalgúns casos co apoio de Vox

Non debera sorprender en demasía o sucedido no último Consello de Política Fiscal e Financeira que rematou sen acordo e con fondas discrepancias entre os representantes das CCAA e o goberno español (PSOE/Sumar). Non debera sorprender si temos en conta que das comunidades que estiveron presentes unha maioría (once) están gobernadas polo Partido Popular (PP), nalgúns casos co apoio de Vox. Non debera sorprender por que estes partidos coase dende o día seguinte a que se formara o goberno de progreso decidiron adoptar unha estratexia de acoso e derribo do mesmo para o que contan co apoio dunha parte relevante do poder xudicial e dos medios de información e opinión. 

Unha estratexia partidista que sumada a súa visión contraria a dun Estado das Autonomías (especialmente por parte do Vox) non podía dar outros froitos que o desacordo entre as partes -goberno e oposición- en materia de financiamento autonómico. Unha estratexia partidista que fai que, ao día hoxe, sigamos sen coñecer cal é proposta sobre esta materia das dereitas españolas e, moi en concreto do Partido Popular (PP) a pesar de gobernar en moitas das CCAA como, por caso, sucede con Galicia. En realidade aos dirixentes populares, con (Alberto) Nuñez Feijoo ao fronte, que as Comunidades Autónomas gobernadas polo seu partido e que os seus cidadáns poidan saír beneficiados por unha reforma do sistema de financiamento autonómico lles resulta indiferente. Todo se condiciona, como sinalaba ao principio, a unha estratexia de frontal oposición, de desgaste do goberno de quenda.
 

Un correcto funcionamento do Estado das Autonomías

Para un mellor funcionamento do Estado das autonomías consagrado na Constitución Española polo seu título VIII, é fundamental que tamén funcione correctamente o sistema de financiamento autonómico

Para un mellor funcionamento do Estado das autonomías consagrado na Constitución Española polo seu título VIII, é fundamental que tamén funcione correctamente o sistema de financiamento autonómico. Varias son as razóns entre as que compre destacar tanto que as CCAA deben ter liberdade para levar adiante as súas políticas como que o Estado debe garantir que tódolos cidadás dos pobos de España teñan os mesmos dereitos e deberes -por caso o aceso aos servizos públicos e o pago de impostos-. 

Non menor relevancia ten o principio democrático de que tódalas administracións públicas de estado deben render contas diante dos seus cidadáns. En relación a este punto a experiencia nos mostra como entre moitos rexedores autonómicos a hora de tratar o financiamento autonómico rexe a mentalidade de que o debate debe centrarse no gasto -como repartir o pastel- deixando de lado os ingresos -os impostos- o que, en parte, explica moitas das diverxencias que aparecen con reiterada frecuencia nas xuntanzas do Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF). Dinámica esta que sería necesario cambiar por outra na que as CCAA na medida en que son beneficiarias dos grandes impostos estatais (IRPF. IVE...) teñen tamén que participar na súa xestión. Algo que se parece fácil no caso do IRPF será mais difícil no IVE pero, ben e certo, que se non se estuda e afronta non se soluciona. 

 

Carencias do actual sistema 

Entre moitos rexedores autonómicos a hora de tratar o financiamento autonómico rexe a mentalidade de que o debate debe centrarse no gasto -como repartir o pastel- deixando de lado os ingresos -os impostos-

O actual sistema de funcionamento autonómico réxese pola Lei 22/2009 do 18 de decembro (BOE nº 305 do 19/12/2009) e del podemos afirmar que aínda que a filosofía e os principios básicos son moi correctos (tódalas CCAA han de ter os recursos suficientes para poder prestar similares prestacións aos seus cidadáns) presenta importantes carencias que se deben corrixir e reformar (non se trata de que tódalas CCAA presten os mesmos servizos senón de que teñan as mesmas oportunidades) e que paso a detallar a continuación.

1. Hai no actual sistema un déficit claro de suficiencia financeira -derivado tanto da crise económica de 2009 como das políticas de axuste fiscal- que lle impide a moitas CCAA dispor dos recursos necesarios para o exercicio das súas competencias.

2. O actual sistema presenta tamén un déficit tanto de autonomía de ingreso, como de transparencia e de responsabilidade fiscais que impiden, por caso, que as CCAA teñan que render contas diante dos seus cidadáns. En relación o primeiro dos déficits (autonomía de ingreso) sinalar que se debe a que, na maior parte dos impostos que reciben, as CCAA non teñen capacidade normativa para, por caso, subilos ou baixalos. Unha situación que a moitas comunidades -como sucede, por caso, con Galicia e Madrid- lles permite eludir responsabilidades tributarias xa que so deben responder dos tributos sobre os que teñen capacidade normativa que son os menos.

3. Hai un problema de equidade xa que non garanta de forma satisfactoria a igualdade de acceso aos servizos públicos básicos para tódolos cidadáns. Seguramente este sexa o asunto mais grave e, xa que logo, mais difícil de resolver. Dificultade que se ve agravada pola existencia dun dobre réxime fiscal: foral e común.

O sistema foral privilexia claramente as comunidades -Pais Vasco e Navarra- que o teñen xa que, a igualdade de competencias, reciben un 60-70% de maior financiamento por riba da media das CCAA do réxime común. No sistema común, pola súa parte, hai fallos claros no apartado da nivelación (que debe garantir que tódalas CCAA independentemente do seu nivel de renda teñan os recursos necesarios para poder prestar os mesmos servizos aos seus cidadáns). O actual sistema de cálculo das necesidades básicas de gasto é moi deficiente xa que provoca entre as CCAA grandes diferencias tal que poden chegar a un 40% entre as mellores e as peores financiadas.

4. Dada a diferente dinámica de ingresos e gastos segundo as administracións públicas -central, autonómica, local- hai unha grande desequilibrio vertical por que é distinta segundo a administración de que se trate. Desequilibrio difícil de resolver pero que se debe estudar.

5. Finalmente o sistema trata por igual a tódalas autonomías sen ter en conta as importantes diferencias que existen entre elas como, por caso, a existencia de comunidades históricas como Galicia e Catalunya ademais do Pais Vasco.

 

Algunhas apartacións dende Galicia a reforma do sistema

As apartacións de Galicia a reforma do actual sistema de financiamento autonómico poden variar en función de si se considera que a condición de comunidade histórica debe ter a súa concreción a nivel financeiro e fiscal ou si, por caso, se considera que Galicia é unha comunidade mais do Estado das Autonomías.
 

1. Galicia como comunidade histórica

Se se parte de considerar a Galicia unha comunidade histórica, posición de quen isto escribe, resulta coherente dende o punto de vista financeiro e fiscal reivindicar para Galicia un sistema de financiamento singular (que non sería o mesmo que o copo que de ningures debera interesar) que quede fora do réxime común

Si se parte de considerar a Galicia unha comunidade histórica, posición de quen isto escribe, e sin que se entre en contradición co que establece a Constitución Española en relación, por caso, as competencias das CCAA (Art. 148 C.E.), resulta coherente dende o punto de vista financeiro e fiscal reivindicar para Galicia un sistema de financiamento singular (que non sería o mesmo que o copo que de ningures debera interesar) que quede fora do réxime común (pódese utilizar como referente o acordo pactado entre o PSC e ERC) e que debe servir para que Galicia poida chegar a recadar, por si mesma, tódolos tributos que se pagan nesta comunidade. 

Un sistema que tería como elemento central a creación dunha Axencia Tributaria Galega, co persoal e os medios precisos para exercer como tal e non ser un satélite da Facenda española. Unha Axencia Tributaria que ademais sexa quen tanto de responsabilizarse da xestión tributaria no territorio galego como de coordinarse eficazmente coa Axencia Tributaria española (unha coordinación a xeito de consorcio para unha maior eficiencia e poder compartir información). Unha operación que vai esixir un traballo concienciudo e meticuloso pois tratase xa non so de non perder recadación senón de incrementala e ademais mellorar, por caso, a loita contra a fraude fiscal sen por elo perder eficacia na xestión diaria. Tratase tamén de que esta axencia autonómica sexa eficaz e autónoma.

Paralelamente as autoridades españolas e galegas deben calcular o custo dos servizos que o Estado presta en Galicia -tarefa nada fácil pero para o que se pode utilizar como referente o procedente vasco-. Unha vez calculado terá que verse que porcentaxe dos tributos recadados se corresponde con esa cantidade. Finalmente haberá tamén que calcular a contribución galega ao fondo de solidariedade con outras CC.AA.. 

Como se pode ver estamos diante dunha reforma con un fondo calado político que, como tal, esixirá tanto unha negociación específica da Xunta de Galicia co Goberno español canto un grande consenso interno político e social. Moi posiblemente sexa necesaria unha reforma do actual Estatuto de Autonomía.

Para evitar suspicacias compre subliñar que unha reforma financeira e fiscal deste tipo supón aliñarse cos modelos federais de Alamana, Canada ou os Estados Unidos. Tamén me atrevo a asegurar que axudaría a un mellor artellamento do Estado e unha maior harmonía entre as Comunidades Autónomas.

2. Galicia como unha autonomía más

Para corrixir a actual insuficiencia financeira o presente sistema necesita un incremento do financiamento xeral para así mellorar o nivel dos servizos públicos de competencia das CCAA

Si por caso se considera que Galicia é unha comunidade autónoma mais, incluso que o deseño anterior é inviable no curto e no medio prazo existe a opción de optar por avanzar ao través do sistema común introducindo unha serie de reformas nas carencias anteriormente citadas. Reformas como as seguintes:

Para corrixir a actual insuficiencia financeira o presente sistema necesita un incremento do financiamento xeral para así mellorar o nivel dos servizos públicos de competencia das CCAA.

Encol do déficit de autonomía de ingreso a reforma debe pasar por aumentala participación e a capacidade normativa autonómica sobre os tributos estatais (participación colexiada no caso do IVE), regulando independentemente os tramos (autonómico, estatal) e facendo que os cidadáns poidan visualizar con claridade canto é cada tramo de cada imposto.

O déficit de transparencia, que impide que os cidadáns podamos exercer unha maior poder de control fiscal das CCAA, pode reducirse cunha maior descentralización fiscal que ademais debería conducir a que si aquelas precisan de mais recursos sexan elas mesmas quen llos carguen os cidadáns e non o Estado. 

En relación ao déficit de equidade, seguramente o mais relevante, hai que partir de que o sistema foral é, certamente, unha anomalía democrática (o sistema do copo non ten parangón no mundo) que se pode superar establecendo que o Pais Vasco e Navarra contribúan a redistribución territorial (a través dun fondo estatal) pois non parece xusto que haxa apartacións a caixa común tan distintas. En relación as CCAA de réxime común hai que recoller o principio de singularidade de cada territorio (dispersión poboacional, envellecemento poboacional, poboación en idade escolar...-) para que o financiamento por habitante axustado (se exclúen o financiamento das competencias exclusivas) recibido por cada CCAA sexa o mesmo independentemente do lugar de residencia.

Finalmente en relación ao déficit de suficiencia do sistema a reforma do actual sistema de financiamento autonómico debería vir acompañada dun Fondo Unico de Compensación destinado a compensar as diferencias respecto ao financiamento bruto asignado, e dunha profunda reforma fiscal que ademais de reducir a elevadísima fraude elimine o actual desequilibrio no tratamento fiscal entre as rendas de traballo e de capital.

 

Condicionantes para estas reformas

Calquera das dúas reformas anteriores, a pesares do seu moi diferente calado, precisarían dun moi amplo consenso político e social. Se nos anos transcorridos dende a anterior reforma (17 anos), con gobernos de distinto color pero nalgúns casos con maiorías absolutas, non foi posible unha mínima reforma, no escenario actual non cabe esperar cambios relevantes

Calquera das dúas reformas anteriores, a pesares do seu moi diferente calado, precisarían dun moi amplo consenso político e social, tanto a nivel de estado como de comunidades autónomas, algo que, hoxe por hoxe, non aparece no horizonte. Si nos anos transcorridos dende a anterior reforma (17 anos), con gobernos de distinto color pero nalgúns casos con maiorías absolutas, non foi posible unha mínima reforma, no escenario actual non cabe esperar cambios relevantes e como proba temos o sucedido no recentemente celebrado Consello de Política Fiscal e Financeira. Unha xuntanza que se celebrou logo do acordo sobre financiamento autonómico entre o Goberno español (PSOE/Sumar) e ERC (Esquerda Republicana de Catalunya) que intentaba marcar o territorio para avanzar nos posibles acordos que, no seo do Consello de Política Fiscal e Financeira, as CCAA acadaran sobre a reforma do actual Sistema de Financiamento Autonómico.

Unha xuntanza que rematou, como é ben sabido, sen acordo e coas espadas en alto por parte das dereitas a pesares de tratarse dunha reforma moi moderada (“un modelo continuísta”) pero que si supoñía un incremento moi notable de fondos (un incremento superior ao 32% con respecto ao ano 2023, segundo GESTHA), grazas a unha maior cesión na recadación do IRPF (55%) e o IVE (56,5%), que recibirían tódalas comunidades gobernadas polo Partido Popular. Unhas dereitas que, como estamos vendo, son quen de pasar de “falar catalán na intimidade” e chegar a acordos cos nacionalistas cataláns en materia de financiamento autonómico (Pacto de Majestic) a acusar a aqueles de “prófugos e separatistas” e a querelos ilegalizar por sediciosos -lembremos o sucedido con os dirixentes políticos do PROCESS-.

Cabería preguntarse cal foi en todos estes anos a apartación do PP ao financiamento autonómico? Mais aínda, cal é o modelo de financiamento para Galicia que defende o PPdeG?

Para rematar, un apunte final. Hai voces nas dereitas e parte das esquerdas que acusan as forzas catalanistas de sempre mirar so polo seus intereses particulares. Sin negar a parte de verdade que hai nesta acusación hai tamén que recoñecer que en tódolos avances habidos en España en financiamento autonómico foi decisivo o papel protagonista dos políticos cataláns. Como ben sinala Toni Castells -exConselleiro de Economía e Finanzas da Generalitat de Catalunya (2003-2010) e principal ideólogo da parte fiscal do Estatut de 2006-: “cada reforma do financiamento autonómico tivo un custo elevado para Catalunya que sempre liderou un debate no que se lle acusa de insolidaria pese a que o resto de territorios acaba aproveitándose unha vez o acordo se leva a cabo”. Lembremos, por citar un caso relevante, que as liñas centrais do actual sistema de financiamento autonómico, que supuxo no seu día un grande avance autonómico, foron obra na súa maior parte do citado Castells. 

Fronte a esta posición, tan pouco democrática, cabería preguntarse cal foi en todos estes anos a apartación do PP ao financiamento autonómico?. Mais aínda, cal é o modelo de financiamento para Galicia que defende o PPdeG?.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.