O delegado gobernamental, Pedro Blanco, fai balance dun ano no que Galicia "contou con máis recursos ca nunca" procedentes do Estado, resalta
Tras o balance xeral de Pedro Sánchez a mediados de mes, o Goberno de España pecha o ano divulgando territorialmente as razóns polas que, afirma, está a "cumprir". No caso galego o encargado de expoñelo foi o delegado do Executivo, Pedro Blanco, quen mantén que o informe Cumprindo xa non fala de "intencións", senón de "resultados" porque co gabinete de Sánchez "Galicia progresa e o país avanza na axenda económica e social".
Tras un exercicio marcado, outra volta, polas denuncias de supostos agravios a Galicia por parte da Xunta, subliña Blanco que durante 2025 o Goberno galego "contou con máis recursos ca nunca" procedentes do Estado. "Superáronse os 14.000 millóns, unha cifra récord" no sétimo ano con Pedro Sánchez na Moncloa. Nestes sete anos "Galicia recibiu un 40% máis recursos que nos sete anos de Rajoy, 18.284 millóns de euros máis", resalta.
Nesta liña, avanza Blanco, en 2026 a Xunta recibirá 11.633 polo financiamento autonómico entre fondos correspondentes a ese ano e calculos á alza de 2025 -polo incremento da recadación estatal-, "un 7,4% máis". Ademais, advirte, se o Goberno de Alfonso Rueda quere poderá beneficiarse da "condonación da débeda que alcanza 4.010 millóns, o que suporá reducir o endebedamento de Galicia un 33%".
"Estes fondos permiten impulsar 1.555 vivendas en construción"
Esas achegas, engadidas aos "máis de 4.300 millóns mobilizados en Galicia" dos fondos europeos de recuperación pola COVID -"a Xunta ten aínda máis de 700 millóns sen executar", advirte-, combínanse coas actuacións financiadas e executadas directamente polo Estado no noso país. A combinación de fondos, exemplifica Blanco, concrétanse en políticas como as de vivenda, con case 550 millóns procedentes dos Plans Estatais, 400 do Plan de Recuperación ou máis de 45 dirixidos ao Bono Alugueiro Mocidade". "Estes fondos permiten impulsar 1.555 vivendas en construción e a rehabilitación de 16.028 fogares", resume o delegado sobre actuacións que financia ou cofinancia canda a Xunta.
As encargas a Navantia, o financiamento para o sector do automóbil ou as obras ferroviarias e de transición ecolóxica son, segundo Blanco, outras mostras de como "cumpre" un Executivo do que tamén parte "un incremento orzamentario do 156%" en bolsas de estudo dende 2019 ou "o compromiso coa memoria democrática, cun investimento de máis de 660.000 euros destinados a exhumacións e recuperación da dignidade das vítimas". "As políticas deste Goberno están mellorando a vida dos galegos e galegas con máis emprego, máis investimentos e máis oportunidades", sostén.