O Estado ofrece máis cartos de IRPF e IVE ás comunidades e Galicia disporía de 600 millóns máis

A ministra de Facenda, María Jesús Montero, presenta o novo modelo de financiamento autonómico CC-BY-SA Ministerio de Facenda

O Goberno de España deu a coñecer este venres a súa proposta para a reforma do modelo de financiamento autonómico que aumenta a porcentaxe de cesión ás comunidades do IRPF do 50% actual ao 55% e do IVE, do 50% ao 56,5%, un cambio polo que os recursos deste sistema aumentarían en arredor de 16.000 millóns para o ano 2027. 

O Goberno de España propón aumentar a porcentaxe de cesión ás comunidades do IRPF do 50% actual ao 55% e do IVE, do 50% ao 56,5%

A esta cifra habería que engadirlle, segundo explicou a ministra de Facenda, María Jesús Montero en rolda de prensa, outros mecanismos de compensación para os territorios peor financiados que incrementarían o financiamento autonómico en case 21.000 millons, concretamente 20.975 en 2027. O importe sería por un total de 224.507 millóns para ese ano con este novo modelo que poría fin ao actual, que leva 17 anos vixente e estaba pensado para un lustro. 

Segundo Montero, a proposta —cos seus novos mecanismos compensatorios— reduce as diferenzas en financiamento entre a comunidade mellor e a peor financiada dos 1.500 euros por habitante axustado do sistema actual aos 700. Con todo, a tamén vicepresidenta negouse a detallar en como quedaría esa diferenza por territorios ou os detalles do financiamento de cada autonomía. 

Si os deu o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, nunha rolda de prensa posterior á da ministra. Nela aclarou que Galicia aumentaría en case 600 millóns de euros (587) os seus recursos co novo modelo de financiamento autonómico, cifra que supon "un 7,6% máis que a poboación real" do país, polo que a comunidade sería "unha das máis beneficiadas por este criterio de poboación". Sería o noveno maior incremento entre as comunidades. 

O novo modelo suporía incrementar en 21.000 millóns o financiamento autonómico e un aumento de case 600 millóns para Galicia

"É como se Galicia tivese 205.000 habitantes máis dos que aparecen no padrón", explicou Blanco respecto á reformulación que o Executivo central fixo do que se coñece como poboación axustada, que determina o número de habitantes de cada territorio para ter en conta nos cálculos, ponderando variables que inflúe no custo de prestación dos servizos ou no financiamento, como a dispersión, factor que baixa á hora de valorar, ou o envellecemento, que si se terá máis en conta. 

Blanco falou dun modelo que "beneficia sobradamente e dunha maneira extraordinaria a Galicia" e pediu a Rueda que "deixe a un lado o discurso partidista" para "poñer a camiseta de presidente da Xunta" para que el e o seu partido en Galicia "avalen" un sistema que "supón dar un paso adiante tras 17 anos de vixencia dun que xa non cumpre as necesidades de España.

O delegado do Goberno de España detallou que eses case 600 millóns máis equivalen a "case catro veces o orzamento da Xunta de Galicia para construír vivenda" deste 2026 e que permitirían "subvencionar durante dez anos o alugueiro social das 22.000 familias galegas que se atopan en lista de espera por unha vivenda protexida".

"Financiamento récord"

"En sete anos de Goberno de Pedro Sánchez, Galicia recibiu un 40% máis de recursos para financiar servizos públicos que nos sete anos de Rajoy. Más de 18.000 millóns de diferenza", lembrou Blanco, que engadiu que só no último ano "Galicia recibiu 14.000 millóns de euros de financiamento". 

Tamén confiou en que Alfonso Rueda sexa quen de "recoñecer o financiamento récord" que recibe Galicia e de "estar á altura para aproveitar esta oportunidade histórica". E advertiu de que "rebaixar impostos aos máis ricos por valor de 800 millóns como presume o presidente da Xunta non é a mellor fórmula". 

O delegado do Goberno de España en Galicia, Pedro Blanco, explica o novo modelo de financiamento CC-BY-SA Delegación do Goberno de España en Galicia

Antes, en rolda de prensa, a ministra María Jesús Montero advertiu dunha proposta de novo modelo de financiamento cuns "principios irrenunciables" para o Goberno de España: incrementar os recursos autonómicos para blindar o Estado de benestar, reforzar a autonomía e a corresponsabilidade fiscal, garantir a solidariedade interterritorial, respectar a singularidade e achegar unha maior transparencia e sinxeleza ao modelo. 

"Este modelo é máis solidario que o modelo actual vixente", advirte a ministra Montero

"Na medida na que a recadación aumenta pola cesión de máis tributos, a solidariedade territorial tamén aumenta. Este modelo é máis solidario que o modelo actual vixente", dixo Montero, que avisou de que "non pode existir un modelo a medida para unha comunidade autónoma". "Establécese un sistema que se adapta e dá resposta ás realidades dispares da España autonómica", lembrou. 

Ademais, e preguntada polo principio de ordinalidade tras avanzarse o xoves o acordo entre ERC e o Executivo central, Montero advertiu de que o sistema "tende" a ese principio e si se cumpre no caso de Catalunya, pero non no doutras comunidades. 

Respecto ao cálculo por territorios, Andalucía sería a comunidade onde máis se incrementarían os recursos, con case 5.000 millóns extras, seguida de Catalunya (4.686), Comunitat Valenciana (3.669) e Madrid (2.555). A continuación situaríanse Castilla-La Mancha (1.248 millóns máis), Murcia (1.248), Aragón (629 millóns), Canarias (611), Galicia (587), Balears (412), Castilla y León (271), Asturias (248) e La Rioja (25). 

As únicas que perderían recursos serían Cantabria e Extremadura, tal e como detallou Montero, por ser os dous territorios mellor financiados, aínda que non sufrirán mingua ningunha grazas a mecanismos de compensación anunciados pola ministra. O incremento sería de 46 e 216 millóns respectivamente. 

Montero pide o apoio do PP

Agora, o seguinte paso, tras a presentación pública da proposta, será levala ao Consello de Política Fiscal e Financeira do vindeiro mércores, no que Montero se reunirá cos conselleiros de Facenda de todas as comunidades, que na súa maioría —gobernadas polo PP— xa amosaron o seu malestar pola negociación bilateral aberta con Catalunya. Logo celebraríanse reunións bilaterais con cada autonomía para despois aprobarse no Consello de Ministros para que poida empezar o trámite no Congreso como lei orgánica. O obxectivo do Goberno de España é o modelo entre en vigor o ano que vén, pero todo dependerá de se acada os apoios. 

Unha oficina da Axencia Tributaria © Ministerio de Facenda

"A nova proposta acentúa a discriminación con Galiza, rebaixando o peso de criterios como o envellecemento e a dispersión", advirte Ana Pontón (BNG)

Por iso, a ministra Montero pediu ao PP que apoie o novo sistema porque "beneficia" as súas comunidades xa que "non hai agravio territorial". Así, lembrou que o 70% dos recursos adicionais irían para territorios en mans dos populares, aínda que advirte. "De nada serviría poñer enriba da mesa case 21 millóns de euros se o destino deses recursos van ir á iniciativa privada polo interese privatizador do Partido Popular", dixo quen avisou da implantación de mecanismos para limitar os efectos do dumping fiscal dalgunhas autonomías. 

A Xunta criticou que o "modus operandi" do Estado fose "o mesmo que o da condonación da débeda: o Goberno central pacta previamente un sistema con ERC e logo trata de extrapolalo ao resto de comunidades autónomas". En palabras do conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, o Executivo central pacta con Catalunya "o que é de todos". 

"Esta non é a forma de facer as cousas; sobre os detalles, sobre os números teremos que analizalos para formular as propostas que consideremos mellores para os intereses de Galicia", insistiu Corgos, mentres o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, preguntou a Rueda se vai defender 587 millóns máis cada ano para Galicia ou, polo contrario, "vai seguir facéndolle o xogo a Feijóo". 

A Xunta asegura que o Goberno de España "pacta con Catalunya o que é de todos"

Desde o BNG, a súa portavoz nacional, nas súas redes, asegurou que "a nova proposta de financiamento acentúa a discriminación con Galiza, rebaixando o peso de criterios como o envellecemento e a dispersión". "Un punto de partida inaceptable que non imos apoiar. Nun tema esencial, aínda non coñecemos a proposta de Rueda para que Galiza gane", dixo. 

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, intervén nun acto en Vigo CC-BY-SA Xunta

O deputado nacionalista Néstor Rego, pola súa banda, rexeita a proposta por “insuficiente, centralista e lesiva para a Galiza”. "Non é nin un punto de partida”, di quen cualifica a proposición como “un exercicio de maquillaxe do modelo actual”. 

“Non estamos diante dun novo sistema de financiamento, senón do mesmo modelo centralista e centralizado con pequenos retoques” subliña Rego.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.