Na análise de Fedea Galicia melloraría o seu financiamento en 89 euros por habitante, un avance moi por debaixo do aumento medio (+341) e moito máis lonxe das subas experimentadas polas seis comunidades autónomas máis favorecidas polos cambios
A presentación, o pasado venres, da proposta do Goberno do Estado para a reforma do modelo de financiamento autonómico deu paso a un intercambio de declaracións, valoracións, gabanzas e críticas, e de análises e contraanálises sobre o efecto real dos cambios. Quen gaña? Quen perde? E, sobre todo, quen gaña máis cunha proposta que incrementa os cartos dispoñibles para o conxunto das comunidades autónomas grazas á cesión dunha parte maior de IVE e IRPF.
Este mércores a Fundación de Estudios de Economía Aplicada (Fedea) publicou unha análise detallada dos efectos da reforma realizada polo seu director, Ángel de la Fuente, cunha simulación a partir dos últimos datos anuais dispoñibles, correspondentes ao ano 2023. O documento destaca que a proposta reduce as diferenzas existentes entre as comunidades mellor e peor financiadas, con avances significativos para algúns dos territorios que ocupaban os derradeiros lugares na análise de Fedea, como Murcia e a Comunidade Valenciana, pero tamén para outros xa ben situados, como Cataluña, Baleares ou Madrid.
Galicia ficaría por debaixo do financiamento medio (3.593 euros por habitante), situándose como a décima comunidade autónoma mellor financiada, só por diante de Andalucía, Asturias, Murcia, Castela-A Mancha e Aragón
Nesta análise de Fedea Galicia melloraría o seu financiamento en 89 euros por habitante, un avance moi por debaixo do aumento medio (+341) e moito máis lonxe das subas experimentadas polas seis comunidades autónomas máis favorecidas polos cambios: Cataluña, Comunidade Valenciana, Murcia, Baleares, Madrid e Andalucía. Iso si, o informe de Fedea destaca que Cantabria, A Rioxa, Estremadura e Castela e León non incrementarían a súa achega por habitante, cunha evolución polo tanto peor que a galega.
Cos cambios aplicados, segundo Fedea, Baleares, Canarias (primadas pola súa condición insular) e Cataluña pasarían a ser as comunidades mellor financiadas, por diante de Cantabria, Madrid e A Rioxa, todas elas por riba da media (3.731 euros por habitante). Galicia ficaría por debaixo do financiamento medio (3.593 euros por habitante), situándose como a décima comunidade autónoma mellor financiada, só por diante de Andalucía, Asturias, Murcia, Castela-A Mancha e Aragón.
Galicia aumentaría en case 600 millóns de euros (587) os seus recursos co novo modelo de financiamento autonómico. Trátase dunha cifra inferior á doutras comunidades autónomas, pero que mellora os 500 millóns de aumento que en novembro reclamaba o Conselleiro de Economía
Co actual modelo de financiamento, caducado dende o ano 2014, Galicia é sétima comunidade autónoma que recibe máis euros en relación á súa cifra de poboación axustada (tendo en conta elementos como a idade media, dispersión xeográfica ou insularidade), cun dato lixeiramente por riba da media (3.504 fronte a 3.390 euros).
Esta posición relativa -e os cambios entre un e outro modelo- obsérvanse con máis claridade no índice de financiamento efectivo por habitante, con base 100 na achega por habitante para o conxunto do sistema autonómico. Galicia pasaría, así, dun nivel 103,3 (por riba da media) no modelo actual a un nivel 96,3 coa reforma proposta.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, cualificou de "intolerable" a proposta e dixo que con ela Galicia quedaría "na cola das comunidades autónomas en canto ao financiamento"
Galicia aumentaría en case 600 millóns de euros (587) os seus recursos co novo modelo de financiamento autonómico. Trátase dunha cifra inferior á doutras comunidades autónomas, pero que mellora os 500 millóns de aumento que en novembro reclamaba o Conselleiro de Economía. Queda lonxe, iso si, do nivel do déficit de financiamento que presentan os servizos básicos co sistema actual, máis de mil millóns de euros anuais, segundo o apuntado polo Consello de Contas nos seus informes.
A proposta presentada polo Goberno do Estado recibiu críticas por parte de todas as comunidades autónomas, agás de Cataluña, a única que oficialmente apoia o novo reparto, a pesar de non ser a única gran beneficiada. Este mércores, no marco da xuntanza do Consello de Política Fiscal e Financeira, a ministra de Facenda, María Jesús Montero, lembrou que no caso de que a reforma sexa aprobada, cada comunidade autónoma poderá decidir que acollerse a ela ou continuar coa achega financeira do modelo anterior.
Ana Pontón sinalou que a posición do BNG en materia de financiamento "pasa por darlle a Galiza a chave dos seus cartos a través dun concerto económico como xa teñen vascos e navarros que lle permita xestionar o 100% dos seus recursos"
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, cualificou de "intolerable" a proposta e dixo que con ela Galicia quedaría "na cola das comunidades autónomas en canto ao financiamento". Rueda cargou especialmente -na mesma liña que outros dirixentes territoriais do PP- contra un susposto trato de favor do Goberno do Estado a Cataluña e afirmou que o novo repatar está “dirixido a beneficiar clarísimamente a uhna comunidade autónoma”
Polo BNG, Ana Pontón sinalou que a posición da formación nacionalista en materia de financiamento "pasa por darlle a Galiza a chave dos seus cartos a través dun concerto económico como xa teñen vascos e navarros que lle permita xestionar o 100% dos seus recursos". A líder do Bloque cargou tamén contra o presidente da Xunta e afirmou que “Galiza non estivo representada no CPFF porque Rueda non ten unha posición de País, senón partidista”. “Rueda non ten alternativa de financiamento porque a súa alternativa é poñer o Partido Popular por diante de Galiza”, engadiu Pontón, que propuxo abrir unha negociación bilateral co Goberno estatal para conseguir un “financiamento xusto e adaptado” ás necesidades do País.
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acusou a Rueda de "carecer de alternativa" ao modelo de financiamento e de "limitarse a facer o que manda o PP de Madrid"
Pola sua banda, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acusou a Rueda de "carecer de alternativa" ao modelo de financiamento e de "limitarse a facer o que manda o PP de Madrid". O líder dos socialistas galegos dixo que a proposta presentada no Consello de Política Fiscal e Financeira “apunta boa letra, e agora hai que afinar a música”, engadindo que toca “non dalo por ben feito” sen “discutir e negociar” porque,
apuntou, “eu creo que para Galicia é mellorable”. En todo caso, Besteiro subliñou que a proposta, que suporía 587 millóns de euros adicionais para Galicia, é superior aos 500 millóns que o pasado mes de novembro reclamaba o conselleiro de Economía.