O movemento partidario, organizativo e cultural en favor do idioma permaneceu en silencio desde os inicios da década dos dez deica os últimos meses do pasado ano 2024
O movemento partidario, organizativo e cultural en favor do idioma permaneceu en silencio desde os inicios da década dos dez deica os últimos meses do pasado ano 2024, agás conmemoracións cíclicas e denuncias de abusos.
O debate lingüístico desapareceu do Parlamento galego, dos concellos, dos medios de prensa e da sociedade. Durante as mobilizacións indignadas tampouco houbo un só momento no que se falase disto. Nas eleccións políticas deste decenio e medio, autonómicas, ou municipais, a lingua non acadou nunca unha presenza relevante.
A situación era esa a finais de 2023, hai un ano e medio, cando faltaba pouco para as novas eleccións autonómicas de 2024. Naquel momento podía aventurarse que se tivese habido unha maioría alternativa ao PP, a xestión volvería ser errática, como a do Goberno Bipartito.
Cando faltaba pouco para as novas eleccións autonómicas de 2024, podía aventurarse que se tivese habido unha maioría alternativa ao PP, a xestión volvería ser errática, como a do Goberno Bipartito
O programa do BNG carecía de concreción, recollía enunciados xenéricos, sen substanciación práctica e o do PSdeG, con duascentas medidas, non facía mención ningunha á lingua.
Como era posíbel que gañasen, fíxenlles chegar a Ana Pontón e a Xosé Ramón Besteiro un documento con propostas moi concretas, aplicábeis. Pártese do criterio fundamental, dispensando, de que non se pode facer todo ao mesmo tempo. Faltan por esa causa tantos aspectos por recoller no documento, que até pode parecer unha mutilación.
Mais cómpre restrinxir o campo de actividade valorando as limitacións, de orzamentos, de persoal especializado, de tempo propiamente. Sopesando a correlación de forzas e tendo en conta a posíbel saturación da cidadanía ante o exceso de mensaxes.
É un esquema. Non hai explicacións. Non se desenvolve apenas a proposta para o ensino. Irán aparecendo nos artigos seguintes.
Como era posíbel que gañasen, fíxenlles chegar a Ana Pontón e a Xosé Ramón Besteiro un documento con propostas moi concretas, aplicábeis
Pode haber mellores propostas, sen dúbida ningunha. Se agromasen agora sería estupendo, un grande paso adiante. Iso si, sabendo que son para catro anos, marcando prioridades e comprobando que sexan realizábeis.
A continuación reproduzo en dous apartados o máis importante do que lles comuniquei. Cómpre ter sempre presente que está escrito no remate de 2023, inmediatamente antes de que Afonso Rueda convocase as eleccións. Cando todo o mundo permanecía en silencio.
Primeira parte do documento
Pensar no Plan Xeral de Normalización Lingüística é unha fantasía e pensar en contar co PP en calquera destas instancias, outra
Esvaeceuse a vontade e estendeuse a idea de que non somos capaces de articular nada novo ante o declive da lingua. Ao mesmo tempo todos sabemos, de facto, tacitamente, que é imposíbel actuar usando como fundamentos moitos dos vellos alicerces tácticos.
Non serve o Plan Xeral de Normalización Lingüística, baseado nunha unanimidade de forzas que non existe e en obxectivos ideais, distantes da realidade nosa. Os plans municipais, coa mesma filosofía, fracasaron, chegaron a aprobarse sen que despois se practicasen. Eran unha mímese, neste caso errónea, da política catalá. Pensar no PXNL é unha fantasía e pensar en contar co PP en calquera destas instancias, outra.
Nada se sabe entre a cidadanía galega sobre estímulos para o uso da lingua, non se ten xa memoria de iniciativas, campañas, actividades destinadas a favorecer o seu uso, especialmente desde o poder autonómico, que debería ser o principal motor.
O goberno do PP envolveu a política de lingua na cultural, facendo desta última unha simulación favorecedora da lingua galega, cando en realidade consiste nunha táctica, moi meditada, de deixar facer, deixar correr
O goberno do PP envolveu a política de lingua na cultural, facendo desta última unha simulación favorecedora da lingua galega, cando en realidade consiste nunha táctica, moi meditada, de deixar facer, deixar correr. Un darwinismo social para as linguas, baixo un manto discursivo amábel. A posición, de facto, consiste en que o estatus quo non se modifique. Déixase que cada lingua funcione coas súas capacidades de uso, sen intervir. Por iso a consecuencia é un acelerado deterioro da situación do galego ante a lingua dominante, con grande capacidade de impoñerse por mor da súa potencia.
As forzas activas a prol do galego están extenuadas. A iniciativa corresponde ao PP, hexemónico tamén neste campo, onde practica exclusivamente a amabilidade cultural, un clientelismo que sufraga o que sexa demandado en publicacións feitas en galego e asuntos semellantes, festas das castañas, etc.
Nas eleccións autonómicas hai posibilidades de desbancar o PP. A derrogación do decreto de ensino aprobado polo goberno de Feijó rectificando o do Bipartito, aquel que motivou as mobilizacións impulsadas por Galicia Bilingüe, polo PP de facto, con Afonso Rueda axitando e manifestándose, sería quizais unha decisión errónea. No ensino é posíbel acadar a meta do 50% de materias impartidas realmente en galego en primaria e secundaria, sen necesidade de modificar profundamente o actual decreto. Sempre considerando o tempo de catro anos. Debe terse en conta ademais que nunca ningún decreto de ensino regulador de aulas en galego, bo ou malo, chegou a esa meta nin remotamente.
É preciso imaxinar un novo modelo de política de lingua, imaxinar un novo discurso e unha nova práctica, que ten moitas posibilidades de éxito, partindo dos recursos institucionais e dunha actitude xenericamente favorábel á nosa lingua por parte da poboación
É preciso imaxinar un novo modelo de política de lingua, imaxinar un novo discurso e unha nova práctica, que ten moitas posibilidades de éxito, partindo dos recursos institucionais e dunha actitude xenericamente favorábel á nosa lingua por parte da poboación.
Un novo modelo que necesitaría preferentemente da intelixencia de ambos partidos, BNG e PSdG. Asumindo que se trata dun asunto sensíbel e complexo, mesmo para a súa coordinación, necesitaría da colaboración e compromiso dos dous líderes principais. Que a política de lingua fose defendida por ambos coa intensidade precisa, para aplicala nos departamentos atinxidos e para transmitir unha mensaxe simbólica forte.
Debe ser un modelo altamente eficiente e moderadamente retórico, con medidas vistosas, que axuden á toma de conciencia e con avances efectivos. Medidas para catro anos, concretas, delimitadas e destinadas ao éxito. Hai moitas e pódense discutir, pero acó, a continuación, escóllense varias, suficientes, evitando tamén saturar a capacidade receptiva da cidadanía.
Medidas de política lingüística para o Goberno galego
- Regular a plena extensión do uso oral do galego cara o público nas administracións autonómica e local, coa implicación activa e decisiva das direccións xerais correspondentes, tendo en conta a posibilidade de estimular o esforzo entre os traballadores e traballadoras.
- Campañas nos medios de información e no ámbito dixital, coa colaboración principal dos organismos autonómicos correspondentes, destinadas a fomentar o recoñecemento dos galegos na súa lingua. A calidade e o uso. Unha actividade mellor elaborada e máis sutil que as desenvoltas deica agora. En realidade amplas campañas de dignificación da lingua entre o público, porque arestora estamos nese chanzo. Activar unha conciencia pública adormecida e acostumada, fóra de certos sectores, a pensar que a lingua só pode estar como está neste momento.
- Actividade continuada ao longo de catro anos de galeguización do comercio. Transformar a paisaxe visual das vilas e cidades, coa colaboración decisiva da consellaría correspondente, coa dos servizos de normalización lingüística dos concellos, e buscando activar a prol deste obxectivo todo o ciclo de actividade. Apoiando a modernización da imaxe, acompañada da incorporación do galego.
- Estudar as medidas máis eficientes para o ámbito dixital e actuar xa. Entendendo esa actuación como unha parte esencial de toda a política lingüística e máis tendo en conta a situación relegada na que se atopa. Buscar a colaboración de CITIUS, entidade universitaria.
- Separar Política Lingüística e Cultura. As actividades estritamente culturais deben ser asumidas por Cultura. Igualmente, os vínculos dos organismos lingüísticos, RAG, ILG, Centro Ramón Piñeiro, etc., deben estar soldados principalmente con Cultura. En todos os casos agás cando as actividades sexan moi concretamente de promoción directa da lingua. O organismo de política lingüística debería acoutar a súa actividade e dedicarse exclusivamente a ela. Nun lugar de confianza da persoa que presida a Xunta, e do correspondente vicepresidente ou vicepresidenta.
- A mensaxe ha ser sempre sinxela, comprensíbel e por tanto “destecnificada”. O código elitista, a transmisión entretecida de termos como “normativización” “normalización” “ámbitos”, “planificación” “ e decenas de conceptos especializados só complican a mensaxe que se pretende, que é outra. É imprescindíbel a “desfiloloxización” dunha actividade, dunha especialidade que é social, consistente en reforzar ou crear sólidas condutas de carácter estritamente cidadán.
- Cómpre traballar con amabilidade, distendida e comodamente. Un modelo que evite tensar as costuras das leis, dos decretos, mais buscando intensamente acadar os obxectivos propostos. Evitar no posíbel que a dereita poida atopar flancos por onde atacar, apelando a imposicións e outras, que non deberían ter receptividade con medidas como as presentes.
- Apoio forte ás iniciativas de base de todo tipo de entidades que teñan como finalidade o fomento da lingua galega.
- Traballar para converter as bibliotecas públicas e docentes en plurilingües, seguindo o ronsel da chamada Lei Paz Andrade, aprobada por unanimidade. Na sociedade actual, plurilingüe, os lugares de cultura débeno ser tamén. E o traballo debe consistir en estimular o que poderíamos chamar “catro cuartos” iguais, na compra de libros e outros soportes. En galego, castellano, portugués e inglés. E acompañar o ciclo de actividade desde as editoras deica a chegada do libro á biblioteca, especialmente no caso da industria portuguesa e brasileira.
- Grande Premio da Lusofonía en Galicia, extraordinariamente dotado, convertendo o evento en lugar de encontros e sinerxías. (Débolle esta idea a Elias J. Torres Feijó).
- Incorporación ao currículo de Lingua e Literatura Galegas no ensino primario e secundario de lectura, comprensión e familiarización sistemática co portugués e o brasileiro.
- Materia de Lingua Portuguesa optativa en todos os centros de ensino medio.
- Información propagandística familiarizando os galegos co portugués e o brasileiro.
- Inclusión de programas desas nacionalidades nas emisoras públicas galegas.