O SEG comezou a desaparecer en xullo de 1936 e deixou de existir en 1940. Nun proceso ben confuso que imos analizar brevemente
O Seminario de Estudos Galegos (SEG) foi fundado hai un século (1923). Durante os seus case trece anos de vida libre desenvolveu– con máis entusiasmo que recursos– un notable e novidoso labor que cómpre coñecer e recoñecer. Con Galicia como obxecto central de estudo e co ánimo de axudar a transformala, funcionaron diversas seccións temáticas. Todo iso comezou a desaparecer en xullo de 1936 e deixou de existir en 1940. Nun proceso ben confuso que imos analizar brevemente.
Xullo de 1936, dunha intensa actividade á hibernación
Nas datas previas ao 18 de xullo de 1936 o Seminario despregaba unha ampla axenda, coas súas seccións ben activas, ingresos de novos socios, reunións, preparación de publicacións, etc. Nese mes tivera lugar unha nova xeira, unha das actividades interdisciplinares máis salientables do SEG, na que diversos socios percorreron Negreira, Barcala e A Baña, antes de entrar en Terras de Zas e de Soneira e rematar por Cee. Saíra á luz Engádega ás normas para a unificación do idioma galego e estaban listas outras publicacións. No terreo científico os tres laboratorios (o asociado ao Consultorio de Pragas do Campo, dirixido por Luís Iglesias, o de Xeoquímica, con Parga como director e o de Bromatoloxía, dirixido por Aniceto Charro) estaban en plena actividade. Ademais, en 1935, a Fundación Nacional de Investigaciones, Ensayos y Reformas de Madrid distinguira ao Laboratorio de Xeoquímica coa maior subvención das outorgadas a un laboratorio de nova creación.
A axitada actividade do Seminario deu paso á parálise. Algúns membros –residentes en Santiago– que por diversas razóns non sufriran represalias, sobre todo pola súa ideoloxía e posición sobre a rebelión militar (como os cregos Xesús Carro e Paulino Pedret e Luis Iglesias), encargáronse de manter a institución baixo mínimos
O 30 de maio houbera un cambio na Comisión Directiva, o anterior presidente, Luis Iglesias fora nomeado reitor da universidade compostelá e substituírao Ramón Otero Pedrayo. Xesús Carro ocupaba a secretaría xeral, continuando como secretario de actas Sebastián González García-Paz. A raíz da sublevación do 18 de xullo a represión afectou directamente ao Seminario. Nos anos seguintes uns 78 socios resultarían asasinados, sufrirían diversas represalias ou se exiliarían, entre eles Alexandre Bóveda, Isidro Parga e Daniel Castelao. Otero Pedrayo sería afastado da súa cátedra de Instituto en 1937.
Nese contexto, a axitada actividade do Seminario deu paso á parálise. Algúns membros –residentes en Santiago– que por diversas razóns non sufriran represalias, sobre todo pola súa ideoloxía e posición sobre a rebelión militar (como os cregos Xesús Carro e Paulino Pedret e Luis Iglesias), encargáronse de manter a institución baixo mínimos. Falamos de atender ás pingueiras do local e á correspondencia, prestar algunha maqueta do museo, e, só, dar á luz o libro sobre a parroquia de Velle.
O Seminario, na práctica, estaba en situación terminal, mais seguía a ser unha sociedade legal. É verdade que carecía de local, algo común en moitas asociacións. A institución tiña a súa sede (con biblioteca, coleccións e fondos documentais) nun local cedido pola Universidade compostelá no Colexio de Fonseca, edificio onde tamén estaba instalada a Facultade de Farmacia.
O incidente cos Máiz
O 21 de setembro de 1936 houbo unha denuncia contra o SEG dun catedrático da Facultade de Farmacia, como consta no libro de Rexistros desa facultade, no que hai unha carta dirixida á Comandancia Militar de Santiago nesa data na que se pide: «Que por insuficientes locales para laboratorio militar, sean desalojados los Estudios Gallegos». Luis Máiz Eleizegui contaba nesas xestións coa colaboración do seu tío, Antonio Eleizegui López, decano da Facultade de Farmacia e subdirector do Laboratorio
Coa sublevación militar entrou en escena un personaxe singular, Luis Máiz Eleizegui. Este militar farmacéutico, retirado do Exército en 1931 a raíz da lei Azaña, exercía de profesor de Física e Química do “Colegio de Huérfanos de la Inmaculada Concepción” en Madrid. Porén, aos poucos días do levantamento, dirixiuse á Comandancia Militar de Santiago para coordinar a sección de donativos de víveres.
Ao mes seguinte, o 20 de agosto, Luis Máiz xa era o director do Laboratorio de Farmacia Militar localizado en Fonseca, nas dependencias da Facultade de Farmacia e co persoal docente ao seu mando. Ao pouco tempo intentou facerse co local que albergaba o Seminario no mesmo edificio para estender a superficie dese laboratorio. O 21 de setembro de 1936 houbo unha denuncia contra o SEG dun catedrático da Facultade de Farmacia, que repetiría o 5 de outubro, como consta no libro de Rexistros desa facultade, no que hai unha carta dirixida á Comandancia Militar de Santiago nesa data na que se pide: «Que por insuficientes locales para laboratorio militar, sean desalojados los Estudios Gallegos». Luis Máiz Eleizegui contaba nesas xestións coa colaboración do seu tío, Antonio Eleizegui López, decano da Facultade de Farmacia e subdirector do Laboratorio. O secretario do SEG, Xesús Carro, opúxose a esas peticións. Finalmente, semella que os locais do Seminario non foron ocupados polo laboratorio militar, que cesou a súa actividade ao remate da guerra, en 1939.
O incidente cos Máiz non causou a morte do SEG. Podería ocasionar –se o desaloxo se tivese levado a efecto– a saída do seu patrimonio do Colexio de Fonseca, o que naqueles momentos constituiría un grave problema para a súa conservación. Pero o intento de ocupación amosa a presenza de poderosos inimigos da entidade. Dentro e fóra de universidade, Luis Máiz non tiña nada que ver –como vimos– coa institución académica.
Unha liquidación con interrogantes
O martes 9 de abril de 1940 reitor da Universidade de Santiago de Compostela convocou a uns representantes do Seminario. Quen foron os asistentes? Non hai dúbida sobre a presenza de dous: o reitor Ruiz e o secretario do SEG, Xesús Carro. Este seminarista, practicamente a única fonte coñecida do acontecido, indicou que polo Seminario acudiron «directivos y algunos elementos residentes en Santiago». Coidamos que se podía tratar dos citados Luis Iglesias e Paulino Pedret. Por documentos posteriores semella que o presidente da entidade, Otero Pedrayo, tamén estivo alí.
O martes 9 de abril de 1940 reitor da Universidade de Santiago de Compostela convocou a uns representantes do Seminario. O primeiro que trasladou aos asistentes a autoridade académica foi que o Seminario «estaba fuera de la ley». A razón era, segundo el, «porque no se habían renovado los cargos de la Comisión Directiva
O reitor Carlos Ruiz del Castillo, catedrático de Dereito Político, fora responsable de organización da CEDA en Galicia na II República e apoiara a José Calvo Sotelo. Ocupou o reitorado de 1939 a 1942, pasando a director do Instituto de Estudios de Administración Local (1940), procurador nas Cortes franquistas e presidente do Consejo Nacional de Educación (1962). Unha persoa do Réxime. Quen comunicou aos seus interlocutores do SEG o tema da reunión: «arreglar la estabilidad del Seminario y salvar su labor y todos los materiales». Porén o primeiro que trasladou aos asistentes a autoridade académica foi que o Seminario «estaba fuera de la ley». A razón era, segundo el, «porque no se habían renovado los cargos de la Comisión Directiva, no se habían tampoco cumplido los demás requisitos señalados en el Reglamento». Engadindo que sabía que o gobernador civil non pensaba aceptar a renovación.
Sorprende o contraditoria que resulta esa mensaxe tal como foi formulada. Que estabilidade pode acadar unha institución se está ilegalizada? Pero tamén nos intriga que os presentes no acto, polo que coñecemos, aceptaran sen máis o veredicto do reitor. Unha afirmación que chocaba co feito de que a institución gozaba de identidade administrativa propia, pois tiña vixentes os seus estatutos, o regulamento aprobado internamente en decembro de 1930 e polo Goberno civil –como correspondía– en xaneiro de 1931 e –como veremos– a lei non amparaba esa ilegalización.
Outro elemento –ben curioso– a ter en conta é que entre os documentos preservados por Carro non se atopa ningunha comunicación escrita dirixida ao SEG polas autoridades aludindo á súa situación administrativa nese período. A lei que rexía esa cuestión era a de asociacións de 1887, que sufrira algunhas modificacións (e que estivera en suspenso na ditadura de Primo de Rivera) pero que seguía vixente. Nela non figuraba como causa de liquidación dunha entidade –loxicamente– a falta de renovación de cargos, unha irregularidade corrixible. Si que indicaba, artigo 12, que o gobernador civil podía acordar «especificando con toda claridad los fundamentos en que se apoya, la suspensión de las funciones de cualquier asociación cuando de su acuerdo o de los actos de sus individuos como socios resulten méritos bastantes para estimar que deban reputarse ilícitos o que se han cometido delitos que deban motivar su disolución». Mais, sería o xulgado quen decretaría a disolución das asociacións (artigo 15). Evidentemente, o momento político desde o 18 de xullo de 1936 era excepcional, de feito –como vimos– un militar dirixía a docentes universitarios na Facultade de Farmacia, mais os sublevados tamén tiñan que seguir certas normas legais e aparencias.
Incautación ou apropiación indebida?
A continuación –na conversa co reitor– entrou en escena un tema que sería recorrente nos anos seguintes: «salvar o que se poida do Seminario». Nesa liña, segundo Carro, Ruíz del Castillo propuxo que os fondos do SEG se incorporaran, xuntos, á universidade compostelá. Os seminaristas aceptaron, «siempre que se salvase el Seminario». Realmente, asumida a disolución, falarían de conservar a biblioteca, documentación e museo do SEG. Algo importante, sen dúbida, mais –como comentaremos– iso non era o Seminario. Porén, malia ese acordo inicial, unha orde de maio dese ano 1940 do Director General de Enseñanza Superior y Media, obrigou a representantes do Seminario, Carro e Iglesias, a que o 1 de agosto entregaran as chaves da biblioteca e oficinas ao xefe da biblioteca universitaria, Manuel Pérez Búa. Á disolución de facto de abril sucedeu, pois, a perda dos fondos en agosto e, semella, a do museo en xuño de 1941.
A continuación –na conversa co reitor– entrou en escena un tema que sería recorrente nos anos seguintes: «salvar o que se poida do Seminario». Nesa liña, segundo Carro, Ruíz del Castillo propuxo que os fondos do SEG se incorporaran, xuntos, á universidade compostelá
Sinalemos que o artigo 27 do regulamento do Seminario indicaba que en caso de liquidación os seus fondos fosen parar á Universidade de Santiago, pero –obviamente– iso só acontecería se existía unha previa disolución legal. Ou en tempos excepcionais, unha orde executiva do poder político, da que non hai constancia. Xa que logo, como podemos cualificar o paso forzado dos fondos do SEG á universidade? Incautación parécelle un termo moi forte a algún, mais iso supón a «toma de posesión por un tribunal ou outra autoridade competente, de cartos ou bens doutra clase». ¿Era a universidade (Ministerio) a autoridade competente para facerse co patrimonio dunha entidade legal ou de discutible legalidade? Entendo que non. Nese caso, ¿non deberíamos falar dalgo que ten tipificación de delito, a apropiación indebida, facerse con algo de valor que fora confiado de xeito lexítimo, coa lóxica obriga de devolvelo? Obviamente, se a universidade compostelá accedeu aos fondos do Seminario de xeito irregular, o posterior traspaso dos mesmos, non estaría viciado?, foi ilegal?
Liquidado, de facto, en agosto de 1940, sospeito que realmente a morte legal do Seminario debería ter lugar – desde o contexto xurídico do franquismo– máis tarde. O Boletín Oficial do Estado publicou o 6 de febreiro de 1941 o Decreto de 25 de xaneiro asinado por Francisco Franco «sobre regulación del ejercicio del derecho de asociación». Na liña represiva do Réxime o artigo coarto obrigaba ás asociacións existentes a presentar documentación nun mes e agardar a súa aprobación. É obvio que o SEG non sería aceptado, pero ata marzo de 1941 podería ter sido legal, en situación irregular.
Que política existía para Carro?
Xesús Carro foi unha figura clave no derradeiro período da vida do Seminario, nas xestións que realizou e na creación e uso da súa documentación. Após, cando se creou o Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento seguiu tendo acceso aos documentos, nalgún momento levou algúns para a súa casa (por que?) e hoxe están en paradoiro descoñecido. Os escritos que deixou sobre o proceso de disolución do SEG son a principal, case única, fonte utilizada en posteriores análises sobre o asunto. Neles salienta o feito de que a política ten unha mínima relevancia, o que sorprende especialmente porque naquel tempo esa dimensión da vida social mantiña unha notable presenza.
Xesús Carro foi unha figura clave no derradeiro período da vida do Seminario, nas xestións que realizou e na creación e uso da súa documentación. Após, cando se creou o Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento seguiu tendo acceso aos documentos, nalgún momento levou algúns para a súa casa (por que?) e hoxe están en paradoiro descoñecido
Mais a política xa actuaba no seo do propio Seminario. Nos anos previos á sublevación militar o galeguismo político sufrira unha importante división cun sector maioritario seguindo no Partido Galeguista, que se integraría na Fronte Popular, e outro minoritario –conservador– agrupado en Dereita Galeguista, onde figuraban Xosé Filgueira Valverde e Vicente Risco. Otero Pedrayo non estaba de acordo na colaboración coa Fronte Popular pero se mantivo no Partido Galeguista. Esas diferencias afectaban ao SEG, así, nos cambios na Comisión Directiva en maio de 1936 coa marcha da presidencia do conservador Iglesias («descomprometido» en terminoloxía de Isaac Díaz Pardo), persoas como Filgueira e Francisco Javier Sánchez Cantón apostaron por Otero Pedrayo para a presidencia, como antes fixeran por Carro na secretaría xeral.
O comentado incide nun elemento central á hora de valorar a propia natureza do Seminario. Falo da diversidade de proxectos, ideas, compromisos e ideoloxías presentes no seu seo. Algo que se visualizou ben despois da disolución. No caso dos principais persoeiros das seccións científicas, Luis Iglesias deixou a reitoría da Universidade de Santiago de Compostela pero seguiu na cátedra e en 1965 promovería o nomeamento de Francisco Franco como doutor honoris causa da institución. Ramón María Aller continuou coas súas observacións astronómicas, ingresando en 1940 como docente na universidade. Institución da que foi expulsado Isidro Parga en 1936.
Conscientemente ou non, na súa narración Carro evitou un factor fundamental no tema, o político, e centrou a súa crítica nunha cuestión corporativa e persoal: os «inimigos na universidade». Unha liña argumental que sería acollida –con bastante éxito e de xeito acrítico– posteriormente
Volvamos ao momento da disolución do SEG, o que nos retrotrae de novo á entrevista do día 9 de abril co reitor. Nela hai un personaxe clave que se move entre sombras, o gobernador civil. Xesús Carro sitúao ao principio do seu relato pero despois desaparece como por arte de maxia e nunca explica quen é e o seu papel e posición. O militar coruñés Emilio Aspe Vaamonde ocupaba o cargo desde novembro de 1939, momento no que substituíu a Julio Muñoz Rodríguez de Aguilar (quen promovera a «Junta propazo de Meirás» para Franco»). A súa determinación no caso do Seminario, segundo o reitor, era a de non permitir a renovación. Obviamente estamos fronte unha decisión totalmente política por parte do máximo representante do poder político na provincia e xefe provincial do «Movimiento Nacional»: o partido único («Falange Española Tradicionalista y de las JONS») e o sindicato único (Sindicato Vertical). Cargo polo que formou parte do «Consejo Nacional» do partido. Na práctica sería nin máis nin menos que a persoa que liquidou –en representación– ao SEG.
A case desaparición do gobernador no relato de Carro resulta coherente coa versión que este ofrece sobre a fin do Seminario. En diferentes momentos culpou a «elementos emboscados» na universidade compostelá como os responsables da súa morte. Seguro que a institución tiña inimigos entre a comunidade universitaria que desexaban rematar co Seminario e xa vimos o intento do decano de Farmacia de ocupar os locais. Porén, nin eles nin o reitor gozaban da competencia legal para decidir a disolución do SEG, todo o máis poderían incitalo nesa dirección. Conscientemente ou non, na súa narración Carro evitou un factor fundamental no tema, o político, e centrou a súa crítica nunha cuestión corporativa e persoal: os «inimigos na universidade». Unha liña argumental que sería acollida –con bastante éxito e de xeito acrítico– posteriormente.
Na exculpación do papel decisivo do poder político franquista na desaparición do Seminario por parte de Carro este incluíu no seu relato un curioso incidente. Emilio Caruncho de la Iglesia, secretario provincial de artesanía do partido único solicitou ao Seminario en febreiro de 1941 un informe sobre a riqueza artesanal de cara a reclamar a capitalidade de Santiago nese ámbito. Carro respondeulle explicando que o Seminario deixara, inxustamente, de funcionar. Caruncho lamentouse do acontecido con «tan benémerita y prestigiosa entidad» e indicoulle que comunicaría á Xefatura provincial a solicitude de que se resolva a «anómala» situación. Pois ben, a anécdota de Caruncho foi utilizada por Carro para salientar, a modo de declaración, o seguinte: «Con los citados documentos transcritos, puede perfectamente verse que el enemigo, o enemigos de Seminario, obra en sentido contrario al de la Falange española tradicionalista y de las JONS». Usou os comentarios conxunturais de Caruncho, quen ocupaba un papel subalterno no poder político, para esa forzada afirmación.
¿Por que Carro, en contradición cos feitos, evitou calquera referencia á implicación das autoridades franquistas na liquidación do Seminario? Non deberíamos descartar que o secretario do Seminario estivera condicionado pola súa propia posición ideolóxica. O feito é que en momentos de tanta represión non só non se coñece que sufrira ningunha sanción polo réxime franquista senón que este o distinguiu en diversas oportunidades
Nos seus escritos Carro intentaba negar o perfil político –galeguista e republicano– do Seminario. Porén, lembremos que para o Partido Galeguista o SEG era unha institución de referencia, a súa dirección animaba aos militantes a involucrarse nas actividades da institución e mesmo nos estatutos figuraba o Seminario como destinatario do patrimonio do partido en caso de disolución. No plano público era ben coñecida a presenza en postos relevantes do SEG de destacados militantes galeguistas e republicanos e mesmo a estreita relación da institución –desde o propio 1931– co estatuto de autonomía. Ese compromiso co galeguismo político estaría perfectamente identificado para os que desde xullo de 1936 se dedicaron a reprimilo1. Sobre todo actuando contra os relacionados coa Fronte Popular, máis tamén con persoas como Otero Pedraio.
¿Por que Carro, en contradición cos feitos, evitou calquera referencia á implicación das autoridades franquistas na liquidación do Seminario? Unha explicación obvia sería que o seminarista –precisamente polo contexto represivo dominante– fose precavido nos seus escritos públicos ou quixera establecer certa complicidade co poder para acadar un trato benévolo na xestión dos restos do SEG. Porén esa razón non abonda –baixo o noso punto de vista– para explicar a súa posición. Entre outras cousas porque nos seus escritos privados, na correspondencia, Carro mantiña esa mesma postura: a culpabilidade única da universidade e ningunha mención á responsabilidade do poder político fascista.
En realidade, non deberíamos descartar que o secretario do Seminario estivera condicionado pola súa propia posición ideolóxica. O feito é que en momentos de tanta represión non só non se coñece que sufrira ningunha sanción polo réxime franquista senón que este o distinguiu en diversas oportunidades. Falo do nomeamento xa en decembro de 1938 como delegado especial para informar da arte relixiosa en Santiago pola Junta Técnica del Estado, que –en realidade– era o Goberno dos sublevados instalado en Burgos. Ademais, en 1940 foi designado apoderado do servizo de Defensa do Patrimonio Artístico Nacional e unha Real Academia da Historia submisa ao réxime nomeouno académico correspondente en 1941. Non, Carro –como mínimo– non estaba mal visto polas autoridades franquistas e a súa situación de privilexio non parece obedecer só ao feito de ser crego. Pola contra, na correspondencia que mantivo con algúns exiliados galegos amosaba unha complicidade con eles, con alusións aos traidores ou coa cualificación de asasinato para referirse á morte de Ángel Casal. En fin, cumpriría aplicar con rigor o estudo crítico das testemuñas do secretario do SEG, contrastándoas con outras fontes e sen esquecer o contexto.
O Instituto Padre Sarmiento
Na busca dunha posible continuidade do SEG Carro ofreceu a alternativa dunha entidade descafeinada, depurada de «elementos nocivos a la Patría». Nese camiño, a fins de 1943 algúns socios do antigo SEG non depurados e de perfil conservador ou mesmo filofranquista fixeron diversas xestións que rematarían na creación do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento (IEGPS)
Como vimos, desde 1940 non existía o SEG, polo que a partir desa data calquera acción emprendida por ex-seminaristas era unha iniciativa persoal. En xullo de 1941 semella que Carro trasladou un escrito a un destinatario xenérico «las instituciones públicas» solicitando retomar as actividades do SEG, algo un tanto estraño pois como el sabía xa non existía. Asemade, afirmou algo sobre o que –sorprendentemente– non se pronunciara un ano antes. Dixo que se a disolución era irreversible que se fixera legalmente a entrega á universidade, recoñecendo desa forma algo que xa afirmamos: que o traspaso dos fondos fora irregular. Na busca dunha posible continuidade do SEG Carro ofreceu nese escrito a alternativa dunha entidade descafeinada, depurada de «elementos nocivos a la Patría», argumentando, con razón, que outras institucións similares foron purificadas e continuaron o seu labor. A solicitude non prosperou, polo que se ve, nin un SEG depurado resultaba dixerible para o Réxime, ou algúns con influencia non tiñan interese niso. Era necesario algo novo, diferente ao vello Seminario. Como explicou o novo reitor Luis Legaz Lacambra, “aprovechando lo bueno que en aquella había [no SEG]”, ou sexa, eliminado, en terminoloxía súa, aos “separatistas”2.
Nese camiño, a fins de 1943 algúns socios do antigo SEG non depurados e de perfil conservador ou mesmo filofranquista fixeron diversas xestións que rematarían na creación do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento (IEGPS). Nese proceso xogaron un papel fundamental Franciasco Javier Sánchez Cantón e Xosé Filgueira Valverde (futuros directores do Instituto), que contaron coa colaboración de Xesús Carro. Xestións nas que tamén participou – en sintonía con Sánchez Cantón –o reitor Legaz Lacambra.
Cómpre subliñar que a diferencia do Seminario, entidade soberana, o IEGPS estaba integrado nunha institución, Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), con sede en Madrid e cunha identidade, naqueles tempos, que merece algún comentario. Os fascistas identificaron a Junta para Ampliación de Estudios (JAE) co réxime republicano e José Ibáñez Martín, Ministro de Educación, explicaría na inauguración do curso universitario 1940-41 que sepultada a Institución Libre de Enseñanza e «aniquilado su supremo reducto, la JAE», era preciso basear en principios cristiáns a ciencia española3. Coa referencia intelectual do reaccionario Marcelino Menéndez Pelayo, o que se pretendía era eliminar dous séculos de historia, tirar ao lixo a Ilustración e o liberalismo e conectar cos ideais do Antigo Réxime.
Ibáñez Martín decidiu crear un novo organismo que centralizara o conxunto da investigación científica (entendida nun sentido moi amplo). E para esa misión botou man dun vello amigo e correlixionario, José María Albareda Herrera. Crearíase o CSIC por lei de 24 de novembro de 1939, con Albareda como Secretario Xeral, quen xogaría un papel decisivo na institución e na penetración do “Opus Dei” nos medios académicos. No discurso de inauguración da nova institución Ibáñez reiterou unha visión sectaria, reaccionaria e imperial do coñecemento que debía ser obxecto do CSIC: «Nuestra ciencia actual, en conexión con la que en los siglos pasados nos definió como nación y como imperio, quiere ser ante todo católica»4.
Así era a institución na que Sánchez Cantón e Filgueira integraron o IEGPP que eles deseñaron, xurdida ao abeiro do franquismo, do nacionalcatolicismo, ben allea ao espírito e práctica do SEG. Mais foi presentada, por algúns, como unha especie de obra benéfica de salvación e de certa continuidade do Seminario. Sobre a primeira cuestión cómpre unha pregunta: que se salvou? Da parte patrimonial (museo, biblioteca e documentos) que –lembremos– estaba custodiada pola universidade (non perdida), foi parar ao IEGPP a biblioteca, a documentación e pezas do museo, se ben –como indicamos– por algunha razón, Carro levou parte á súa casa e Filgueira, inicialmente, tamén se fixo coas actas dos primeiros anos da institución e conservou algún outro material.
Canto a iniciativas, actividades ou proxectos do SEG, cales tiveron continuidade no IEGPP? Obviamente, desapareceu o que tiña relación coa actualidade. Do mesmo xeito, deixou de utilizarse durante moitos anos nin máis nin menos que o principal elemento identitario e cultural do país: o idioma
Canto a iniciativas, actividades ou proxectos do SEG, cales tiveron continuidade no IEGPP? Obviamente, desapareceu o que tiña relación coa actualidade. Do mesmo xeito, deixou de utilizarse durante moitos anos nin máis nin menos que o principal elemento identitario e cultural do país: o idioma. Cesaron as importantes xeiras e o funcionamento de varias seccións. Entre elas as científicas e os seus laboratorios asociados. Unha perda relevante que limitaba a aplicación dun elemento clave no labor do SEG, a interdisciplinariedade, e –ademais– coa eliminación da sección de Xeoquímica, botaba por terra unha liña de traballo de grande interese para o país, a conexión da investigación co mundo produtivo.
Asemade, na nova entidade abandonouse o obxectivo de divulgar, que figuraba como complementario ao de investigar no propio regulamento; así, entre outras iniciativas paralizadas (cursos de extensión, programas de radio, etc.), non se publicaron os manuais (monografías elaboradas cara o ensino elemental e á divulgación da cultura galega) previstos; entre eles había dous dedicados a disciplinas científicas, un á Flora e á Fauna e outro á Xeoloxía galegas. Non viron a luz diversas publicacións que xa estaban preparadas para a súa inmediata edición, como o libro de Ramón María Aller, Astronomía a ollo ceibe, e o de Castelao As cruces de pedra da Galiza. O mesmo pasou coa revista do SEG, Arquivos; o número 7 (dedicado a Pondal), estaba rematado, disposto para entrar en imprenta.
Publicouse iso si, o Codex Calistinus (pero non a versión galega), que recolleu Carro da imprenta de Ángel Casal. Realmente, o que salvou, o que tivo continuidade, na etapa inicial do IEGPS, foi a posibilidade de que algúns puideran seguir a realizar –con evidentes limitacións– os seus traballos intelectuais, que incluíron, sen dúbida, contribucións de interese. Loxicamente, diversos ex-seminaristas recoñeceron que o espírito do Seminario deixara de existir, falaban do compromiso cívico co país, pois o SEG na súa andaina demostrara que non quería ser só un centro de erudición desconectado da sociedade. De feito, de non ser polo golpe de Estado de 1936 bastantes dos socios activos do Seminario estaban chamados a xogar un papel dirixente na autonomía aprobada en xuño dese ano.
Un pasado ben presente
O tema que estamos abordando neste artigo non é algo que só afecte ao pasado; a súa sombra é ben alongada e chega ata o presente
O tema que estamos abordando neste artigo non é algo que só afecte ao pasado; a súa sombra é ben alongada e chega ata o presente. Se a día de hoxe consultamos a páxina web do IEGPS podemos ler: «Trala desaparición do Seminario de Estudos Galegos, “incautado” pola Universidade de Santiago o 1 de agosto de 1940 (segundo a memoria redactada o 14 de xullo de 1941 por Jesús Carro, secretario do propio Seminario), os membros superviventes da institución promoveron a súa creación no seo do CSIC...»5. Segundo o IEGPS o Seminario desapareceu, non foi liquidado polas autoridades franquistas. Algo lóxico, pois o tema político sigue ausente na súa explicación do acontecido (non houbo guerra, represión, etc.); a causa da disolución sería unha loita gremial, a versión de Carro convertida en dogma. E, atención, nin tan sequera se acepta a incautación, pois aparece posta entre comiñas. O singular texto induce a aceptar unha continuidade entre ambas entidades e, dalgún xeito, xustifica que os fondos pasasen ao Sarmiento.
A páxina web do CSIC6, a institución que alberga ao IEGPS tampouco é un exemplo de rigor histórico, pero polo menos ten a honestidade intelectual de situar no terreo político a disolución da JAE e a creación do CSIC, falar da persecución e aludir ao discurso reaccionario do CSIC dese momento.
O que acabamos de ler na páxina institucional do IEGPS non debería sorprendernos. Encaixa perfectamente co exposto repetidamente –cunha sorprendente impunidade intelectual– por quen foi durante uns 28 anos, ata 2022, director da institución, Eduardo Pardo de Guevara7.
Cómpre investigar
Gozamos de interesantes reflexións e valiosos estudos parciais mais carecemos dunha investigación completa. Pasaron moitas décadas desde que o Seminario deixou de funcionar, nese tempo desapareceron persoas que poderían ser ben útiles para explicar o seu percorrido. Varios ex-seminaristas tiveron medios e recursos dabondo para facelo eles mesmos ou promover o estudo doutros. Está aí, por exemplo, o caso de Xosé Filgueira Valverde
A liquidación do Seminario de Estudos Galegos situase nun escenario onde abondan as sombras. Coa miña análise pretendo animar –modestamente– a que corrixamos unha grave ausencia, a dun estudo rigoroso sobre a eliminación da institución, e mesmo sobre o seu labor de trece anos. Ao facelo sei que neste texto introduzo consideracións que esixen unhas matizacións que o farían moi extenso e, ademais, estou convencido de que algunhas das miñas apreciacións son ben discutibles.
O Consello da Cultura Galega afirma, con razón: «A creación do Seminario de Estudos Galegos supuxo, antes de máis, un salto cualitativo decisivo na configuración dun campo específico de estudos galegos, multidisciplinario pero articulado arredor dunha idea moderna, integral e integradora de Galicia»8. Se o SEG foi esa entidade tan importante para o país, deberíamos coñecer ben a súa historia. Gozamos de interesantes reflexións e valiosos estudos parciais mais carecemos dunha investigación completa. Pasaron moitas décadas desde que o Seminario deixou de funcionar, nese tempo desapareceron persoas que poderían ser ben útiles para explicar o seu percorrido. Varios ex-seminaristas tiveron medios e recursos dabondo para facelo eles mesmos ou promover o estudo doutros. Está aí, por exemplo, o caso de Xosé Filgueira Valverde, fundador do SEG, director do IEGPS, con acceso á documentación e ás testemuñas directas, alcalde no franquismo, con múltiples e poderosas influencias na cultura galega na Ditadura, na Transición e na Democracia, mesmo conselleiro de Cultura e presidente do Consello da Cultura Galega.
Non se levou a cabo esa investigación. Esa ausencia e a persistencia dun relato tan confuso e inzado de interrogantes trasladan á sociedade galega un retrato do mundo académico e cultural ben pouco favorecedor. O único que se achegou ao tema da liquidación con intención de revisar esa historia foi o noso «outsider» nacional: Isaac Díaz Pardo
Non se levou a cabo esa investigación. Esa ausencia e a persistencia dun relato tan confuso e inzado de interrogantes trasladan á sociedade galega un retrato do mundo académico e cultural ben pouco favorecedor. O único que se achegou ao tema da liquidación con intención de revisar esa historia foi o noso «outsider» nacional: Isaac Díaz Pardo. Fíxoo primeiro en 1987, dedicando un capítulo do seu libro Galicia hoy, á desaparición do SEG, afirmando –coa inxenuidade que ás veces o caracterizaba– que era tempo de falar claro, pois «han prescrito ya todos los plazos de prudencia histórica y política». Isaac, cos seus recursos, encargou a Alfonso Mato que fose ao IEGPS para ordenar e transcribir os documentos do SEG alí conservados, o que deu lugar a un valioso libro9. Mais o propio Mato –que realizou unha valoración inicial do material– recoñeceu que a súa contribución era só un primeiro paso no estudo do labor do SEG.
Precisamos, reitero, unha investigación rigorosa sobre o Seminario. Asemade, que a Administración pública galega sexa a única titular dos seus fondos localizados no IEGPS, reparando a súa subtracción comezada en 1940. Este ano, no que conmemoramos o centenario do SEG, semella un momento idóneo para afrontar en serio eses asuntos pendentes. Porque temos dereito a coñecer a nosa historia e, sobre todo, por respecto á memoria das persoas que entregaron o mellor deles no vello Seminario.
Notas
1 Expresouno ben claro, por exemplo, o reitor Luis Legaz Lacambra na súa correspondencia, en 1943, con José María Albareda (https://www.youtube.com/watch?v=Ygnd5XuOI_I, 2 hs, 42 minutos).
2 Carta a José María Albareda de 26 de xaneiro de 1943 (https://www.youtube.com/watch?v=Ygnd5XuOI_I, 2 hs, 42 minutos).
3 http://uvadoc.uva.es/handle/10324/29172
4 https://www.csic.es/sites/default/files/1940_1941.pdf
5 https://iegps.csic.es/iegps-inicio/historia/:
6 https://www.csic.es/es/el-csic/sobre-el-csic/historia
7 Véxase: Pardo de Guevara, E. (2023): Do Seminario ao Instituto. O que din os documentos. Varios (2023): Luz na Terra. O Seminario de Estudos Galegos, unha institución de alta cultura, Santiago de Compostela: Xunta de Galicia/Fundación Cidade da Cultura de Galicia, pp 201-211.
8 http://consellodacultura.gal/mediateca/extras/CCG_ac_2023_congreso-seminario-estudos-galegos-DEF.pdf
9 Mato Domínguez, A. (2001): O Seminario de Estudos Galegos. O Castro-Sada, A Coruña, Ediciós do Castro.