'Saber Galiza': o documental que narra a historia do Seminario de Estudos Galegos está de estrea

'Saber Galiza. O Seminario de Estudos Galegos', documental de Nós Televisión CC-BY-SA Nós Televisión

O documental Saber Galiza. O Seminario de Estudos Galegos estreouse este sábado, 7 de outubro, para conmemorar o 100º aniversario desta institución clave para a cultura e a ciencia galegas. 

Esta peza audiovisual está producida por Nós Televisión e realizada co apoio da Universidade de Santiago (USC), os Concellos de Compostela e Ames e mais o Museo de Pontevedra. Nel, e a través do relato de máis de quince persoas relacionadas coa cultura, o ensino e a historia galega, faise "unha viaxe ao longo do territorio e do tempo para divulgar a sabedoría, o legado e o arquivo do Seminario de Estudos Galegos, descoñecidos para a meirande parte das galegas e dos galegos", como lembra a canle produtora. 

O documental pretende "unha viaxe ao longo do territorio e do tempo para divulgar a sabedoría, o legado e o arquivo do Seminario, descoñecidos para a maioría"

O documental —realizado tras un importante traballo de recompilación de arquivos, investigación e entrevistas con expertos— estrouse este sábado ás 12 horas na propia canle de Youtube de Nós Televisión, en aberto para todos os públicos, e nas vindeiras semanas estará tamén dispoñible na plataforma de Movistar Plus+ para todo o Estado. 

O documental, de arredor de media hora de duración, afonda na historia do Seminario de Estudos Galegos, fundado en 1923 co impulso dunha parte do estudantado da USC, como Fermín Bouza-Frey ou Xosé Filgueira Valverde, que contaban coa colaboración de profesores como Armando Cotarelo, e ao que se sumaron intelectuais do galeguismo e profesionais, como Isidro Parga Pondal, que encabezará a sección de Xeoquímica.

"Con máis de 200 socios e socias activas e arredor de 400 persoas que actuaban de protectoras, o obxecto de estudo do Seminario de Estudos Galegos foi Galiza no seu conxunto", lembra Nós Televisión, que sinala que a metodoloxía da entidade céntrase "na investigación de campo, nas denominadas xeiras, e a publicación". O golpe de estado de 1936, lembran, marca diferentes destinos para quen integra o Seminario que, finalmente, é desfeito en 1941.

O documental inclúe entrevistas a unha quincena de persoas que nos van contando o que foi o Seminario de Estudos Galegos e nos amosan boa parte do arquivo que hai hoxe sobre el. 

Fotografía dunha xeira do Seminario de Estudos Galegos, no documental CC-BY-SA Nós Televisión

Así, na peza interveñen a vicerreitora de Cultura da USC, Pilar Murias Fernández; a bibliotecaria do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (CSIC), Isabel Romaní Fariña; o catedrático Henrique Monteagudo Romero; o director do Museo Terra de Melide, Xosé Manuel Broz Rei, e a arqueóloga do mesmo museo, Cristina Vázquez Neira; a directora do arquivo do Museo de Pontevedra, María Jesús Fortes Alén; o catedrático Ramón Villares Paz; o historiador Miguel Anxo Seixas Seoane; o conservador do Museo de Historia Natural da USC, Juan Manuel Cutrín Lobato, e a técnica do mesmo Museo, Xoana Pintos Barral; a  filóloga e investigadora María López Sández, e os estudantes da USC Antonio Platero Comesaña, Iago Casas Neo, Iria Peniza Rodríguez e Uxía Nieves Estévez. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.