De Compostela a Ortoño: recrean a xuntanza fundacional do Seminario de Estudos Galegos cunha andaina e un xantar popular

Homenaxe fronte á Casa de Rosalía en Ortoño conmemorando o centenario do Seminario de Estudos Galegos © Museo do Pobo Galego

 

Fermín Bouza-Brey, Xosé F. Filgueira Valverde, Xosé Pena e Pena, Wenceslao Requejo Bouet, Lois Tobío e Alberto Vidán Freiría saíron de Compostela o 12 de outubro 1923 camiñando en dirección á casa na que pasou a súa infancia a poeta Rosalía de Castro, situada na Ortoño, no Concello de Ames. Alí agromou a idea de constituír un grupo dedicado á investigación da cultura galega. A eles sumáronse Xulián Magariños Negreira, Ramón Martínez López e Francisco Romero Lema para asinar a constitución do Seminario de Estudos Galegos (SEG) baixo a presidencia do profesor Armando Cotarelo Valledor. 

Cen anos despois, este xoves un grupo de representantes da cultura galega repetiu esa mesma andaina para conmemorar esta destacada efeméride, que marcou unha senda de coñecemento que continúa vixente na actualidade. O Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega e o Museo do Pobo Galego organizaron esta festa popular que partiu do paseo central da Alameda de Santiago ás nove da mañá.

Acto institucional no campo da festa de Ortoño © Concello de Santiago

Uns 12 quilómetros separan a capital do país da parroquia de Ortoño, onde pasado o mediodía se realizou unha homenaxe floral diante da que foi a casa da poeta. Alí fica unha placa para o recordo da constitución do Seminario de Estudos Galegos, cuxo labor foi continuado en grande medida polo Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, asociado ao CSIC. 

"O legado do Seminario de Estudos Galegos segue sendo excepcional e cen anos despois continuamos sendo debedores dese espírito", dixo o conselleiro

A andaina, que esgotou as prazas dispoñibles, deu paso a un acto institucional no campo da festa de Ortoño. A continuación, celébrase un xantar popular con música. Esta celebración popular é un dos actos centrais para conmemorar o centenario do SEG e conta coa colaboración do Concello de Ames, o Concello de Santiago de Compostela, a Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia, e coa Rede de Asociacións de Patrimonio como entidade adherida.

O presidente da Academia, Víctor F. Freixanes; a presidenta do padroado do Museo do Pobo, Concha Losada; e a presidenta do Consello da Cultura, Rosario Álvarez, encabezaron a andaina. O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, tamén participou neste acto que recrea a xuntanza fundacional celebrada un século atrás e referiuse ao Seminario de Estudos Galegos como "determinante na construción da identidade galega", "unha institución que supuxo un cambio no xeito de investigar, narrar e describir a historia de Galicia". 

Unha placa lembra a constitución do Seminario de Estudos Galegos en Ortoño © Museo do Pobo Galego

A Biblioteca de Galicia acolle ata o 31 de xaneiro a mostra As mulleres do Seminario de Estudos Galegos

Román Rodríguez lembrou que "foi a primeira estrutura de desenvolvemento cultural planificada en Galicia para desenvolver estudos galegos en exclusiva" e destacou que "maila súa corta existencia, o legado do Seminario de Estudos Galegos segue sendo excepcional e cen anos despois continuamos sendo debedores dese espírito". 

Arredor da celebración do centenario o Consello da Cultura celebrou un congreso dedicado a analizar o SEG,  publícase o libro de Aurora Marco Carmiña Sierra. A primeira muller do Seminario de Estudos Galegos (Alvarellos); os fondos procedentes do antigo Seminario de Estudos Galegos pódense consultar en liña no sitio web do Museo do Pobo; a exposición Luz na terra. A obra do Seminario de Estudos Galegos (1923-1936), comisariada por Ramón Villares, pode visitarse no Museo Gaiás da Cidade da Cultura ata o 7 de xaneiro; e a Biblioteca de Galicia acolle ata o 31 de xaneiro a mostra As mulleres do Seminario de Estudos Galegos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.