San Simón: O resort da Memoria, a crueldade documentada e o imperativo ético do dato preciso

Fotograma do filme 'San Simón' ©

O exercicio memorialista esixe unha análise profunda das consecuencias éticas e políticas da xestión da nosa historia, unha xestión que deliberadamente optou por borrar os datos

Non é primeira vez, nin será a última, que visite a illa de San Simón. A miña reiterada presenza nese lugar, no seu formato actual de Resort de Convencións, lonxe de normalizar a paisaxe, agrava a miña reflexión cáustica. Non é só a negación arquitectónica, senón o triunfo da superficialidade sobre o rigor histórico. O exercicio memorialista esixe unha análise profunda das consecuencias éticas e políticas da xestión da nosa historia, unha xestión que deliberadamente optou por borrar os datos.
 

I.- A Estructura do Terror: Datos do campo de concentración

A crítica á reconversión do espazo non se basea nunha mera impresión, senón na evidencia de que a arquitectura da negación de Fraga e Portela soterraron un lugar clave na estrutura represiva franquista.

Illa de San Simón © César Portela

A crítica á reconversión do espazo non se basea nunha mera impresión, senón na evidencia de que a arquitectura da negación de Fraga e Portela soterraron un lugar clave na estrutura represiva franquista

A Xestión da masificación: San Simón non foi unha prisión menor. Dende o outono de 1936, operou como un campo de concentración especializado no tránsito e exterminio diferido. O seu pico de ocupación superou os 2.500 presos en momentos puntuais, nunhas condicións hixiénicas e de fame extrema. Moitos procedían das purgas en Galicia, pero tamén das frontes do Norte unha vez caídos no poder dos sublevados. O Upo Mendi é un dato crucial: os case 800 presos que transportou non eran simples prisioneiros; a súa chegada intensificou o carácter político e represivo do campo, ligándoo directamente á caída de Euskadi.

O Réxime carcerario: O día a día estaba rexido polo Regulamento de Prisións de 1930, pero aplicado baixo o terror do Bando de Guerra. Os presos, ademais da fame e o frio, estaban sometidos a traballos forzados (limpeza, construcíón de camiños, incluso fora da illa, etc) e eran pasto da arbitrariedade. Os seus expedientes, cando existían, era a miudo xulgados en Vigo polo Consello de Guerra Permanente, que ditaba sentenza de morte ou longas penas, moitas delas revisadas con extrema dureza. Esta burocracia do terror é o que a arquitectura do resort fai desaparecer.

A illa de San Simón no filme de Miguel Ángel Delgado, 'San Simón' ©

II.- A Despolitización cifrada: A negación da responsabilidade institucional

O filme San Simón, no seu afán de divulgación, incorre en imprecisións estratéxicas que, por matizadas que sexan as súas intención, teñen consecuencias políticas graves ao diluir a responsabilidade institucional

O filme San Simón, no seu afán de divulgación, incorre en imprecisións estratéxicas que, por matizadas que sexan as súas intención, teñen consecuencias políticas graves ao diluir a responsabilidade institucional.

A Matización temporal das sacas: A película erra ao vincular o cesamento das sacas coa prisión do inspector Fernando Lago Búa e o médico Francisco Bustelo en novembro de 1936. O rigor esixe precisar que as execucións extraxudiciais continuaron de forma organizada ata marzo de 1937. A detención destes dous responsables (ao presionar a un amigo persoal do xeneral Martinez Anido pero que actuaban baixo o seu paraugas) non significou a fin da represión. O erro político da película reside en presentar as sacas como un “exceso” individual, en lugar de como a implementación instituciional e sistemática das directrices de Mola de limpeza. A memoria, para ser efectiva, debe sinalar o plan, non só aos executores.

A crítica final, por máis matizada que se faga, non pode evitar a condena á reconciliación banal que subxace no epílogo do filme

A Ética da omisión e a humillación documentada: A timidez dramática (ausencia de cacheos na chegada das “madriñas”, escenas de chegada dos presos como se fosen de excursión, etc.) non é só unha cuestión estética, senón unha omisión ética da humillación cotiá. Os cacheos ás mulleres que levaban comida era un rito de poder para quebrantar a moral tanto das familias como dos presos. A falta de representación desta crueldade específica, xunto coa omisión do Upo Mendi no relato, resta credibilidade e peso moral ao relato.

 

III.- A Consecuencia política: A Defensa da equidistancia

A crítica final, por máis matizada que se faga, non pode evitar a condena á reconciliación banal que subxace no epílogo do filme. A complexidade emocional que se busca coa nostalxia do preso de confianza, Acuña Lamas, resulta, no plano político, nunha equidistancia moral inaceptable.

Se a illa é un resort e o filme minimiza a responsabilidade, a pegada emocional irrefutable que San Simón debería deixar na sociedade -unha pegada contra o fascismo- é disipada

O perigo da neutralidade: O que artisticamente se busca como ambivalencia, políticamente tradúcese en neutralidade. Esta neutralidade harmoniza perfectamente coa visión aséptica do resort de Fraga -un espazo sen conflicto-, e coa narrativa da Transición que evitou o xuízo de responsabilidades. Non podemos aceptar esta igualación. A memoria debe ser asimétrica a favor da vítima e militante contra o verdugo. O recurso á ambigüidade final é o xeito máis sutil e evitar a confrontación directa coa natureza criminal e ilegal do levantamento militar de 1936.

A miña recorrencia a San Simón, e a miña crítica a estas representacións, parte da convicción de que o rigor nos datos non é un capricho académico, senón o alicerce ético fundamental. Se a illa é un resort e o filme minimiza a responsabilidade, a pegada emocional irrefutable que San Simón debería deixar na sociedade -unha pegada contra o fascismo- é disipada. O rigor, enténdase ben, é o único que impide que as boas intencións se convertan en colaboradoras involuntarias do esquecemento.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.