Transformar as bibliotecas en plurilingües

Mural on the side of the Fontainebleau Hotel (1980s). Richard Haas. Conhecido na época por pintar murais arquitetônicos que alguns chamavam de "trompe l'oeil" (em francês, "enganar o olho"). Dominio Público

Converter progresivamente as bibliotecas públicas de Galicia en plurilingües, con manexo indistinto e equilibrado en galego, castellano, portugués e inglés. Un proxecto innovador e moi  avanzado.

En 2023 transmitinlles aos candidatos do BNG e do PSdG á presidencia da Xunta posíbeis medidas de política lingüística para un hipotético goberno de coalición. Unha delas foi a de converter progresivamente as bibliotecas públicas de Galicia en plurilingües, con manexo indistinto e equilibrado en galego, castellano, portugués e inglés. Un proxecto innovador e moi  avanzado.

Todas as propostas, tamén esta, foron escollidas para executar en catro anos. No que dura unha lexislatura. A selección descarta outras igualmente importantísimas, unha infinidade. É unha renuncia necesaria, porque un cuatrienio é moi limitado, igual que limitadas son a dispoñibilidade orzamentaria e a capacidade institucional de xestión. Sen contar coa saturación que produciría nos cidadáns a emisión excesiva de estímulos.

A escolla das bibliotecas pode parecer arbitraria entre tan poucas medidas, até caprichosa, pero son entidades que resultan vitais. Un dos cernes da formación. As redes están cheas de material enganoso, promoven a lectura rápida, superficial e o consumo de lixo. As bibliotecas ofrecen recursos verificados e fiábeis, favorecen a comprensión de temas complexos e a elaboración de traballos minuciosos. Non se trata só de buscar, senón de atopar información sólida que alicerce o proceso de aprendizaxe. 

A biblioteca convida á lectura profunda e ao pensamento crítico. Fomenta a capacidade de análise e as habilidades esenciais, a calquera idade. Son ademais puntos de encontro, de comunidade. Serven para intercambiar ideas, trabar vínculos e mesmo para construír espazos solidarios.

Galicia ten unha forte conexión cultural e lingüística con Portugal, mais tamén económica, multiplicada nos últimos decenios, especialmente coa Rexión Norte, que arestora forma unha unidade de intereses con Galicia, por mor da asombrosa complementariedade. 

Os estándares portugués e brasileiro reforzan ademais a conciencia da nosa irmandade lingüística coa lusofonía. A proximidade facilita loxicamente a comprensión e conforma un riquísimo dote, un potente valor cultural que arestora non se aproveita. Con pouco esforzo abriríase para cada estudante e para cada cidadán un vasto universo de coñecemento. Todo isto está no espírito da chamada Lei Paz Andrade, aprobada no seu día por unanimidade no Parlamento Galego.   

O inglés é innecesario xustificalo. Permite a comunicación con todas as persoas de todas as partes. É a lingua franca global, facilita a aproximación a todas as culturas e deséxase dominala porque se converteu nun requisito practicamente imprescindíbel no mundo do traballo. 

Ambas incorporacións responden a dous mandatos sociais, podería dicirse, con forte demanda implícita, especialmente nas franxas de idade con formación máis elevada. As novas xeracións teñen unha predisposición absoluta para facer uso do inglés, do portugués e do brasileiro como ferramentas propias de comunicación. Saben que son instrumentos poderosos,  igual loxicamente que o galego e o castellano. 

Trátase pois de modernizalas, desde as infantís até as máis especializadas. Proporcionar acceso a estas linguas desde a primeira idade axudaría a formar cidadáns galegos máis competentes, enriquecería a vida cultural e educativa de Galicia. É unha aposta estratéxica polo coñecemento. 

Biblioteca da Cidade da Cultura CC-BY-SA Xunta de Galicia

Nas escolares o foco inicial debería ser a adquisición de material didáctico, literatura infantil e xuvenil adaptada á idade. Contidos quizais que apoien os currículos de idiomas, a aprendizaxe lúdica e o fomento da curiosidade cara ás variantes portuguesa e brasileira. Os recursos dixitais son especialmente valiosos.

As bibliotecas públicas municipais e provinciais teñen un maior abano de usuarios, nenos, xubilados, profesionais, estudantes. A colección ha ser máis diversa, con prensa, literatura xeral, divulgación, guías, contidos de ocio, aprendizaxe de idiomas.  

A adquisición equitativa require unha coordinación áxil. Cómpre detectar as demandas e ter capacidade para facer ofertas atractivas aos usuarios. Resulta fundamental o rol da Dirección Xeral do Libro e Bibliotecas, ou do órgano que corresponda. A necesidade de activar e reforzar canles de comunicación con condicións de entrega eficientes ás librarías é igualmente imprescindíbel, así como o acceso a catálogos amplos e o estabelecemento de acordos cos distribuidores e editoras dos mercados de lingua inglesa, de Portugal e de Brasil. 

A DXLB debería liderar a creación, ou adaptación, de plataformas dixitais de empréstimo dixital que integren contidos nos catro idiomas de forma sinxela e intuitiva para o usuario. Entendo que é este o organismo, mais podo equivocarme. Todos estes escritos son só bosquexos e convites para unha planificación rigorosa. 

Temos en Galicia excelentes bibliotecarios, comprometidos co seu traballo, persoas que se esforzan en dinamizar a lectura, mantendo clubs e creando comunidade. Este persoal é o motor fundamental para levar a cabo o cambio. 

Capacitar e sensibilizar os traballadores é básico para que poidan recomendar e orientar os usuarios sobre os materiais dispoñíbeis, especialmente en inglés e portugués, no aspecto técnico e no referente aos contidos. 

Tamén a colaboración co gremio dos libreiros, pois son principalmente as librarías máis próximas as principais fornecedoras. É necesaria a familiarización cos novos distribuidores, as novas editoras, as novas coleccións e os novos autores. A implementación debe ser progresiva, centrándose na adaptación, na formación e na difusión.

Campaña de lanzamento informando á cidadanía galega sobre a nova etapa nas bibliotecas, destacando os beneficios e a riqueza que supón. 

Este proxecto pódese desenvolver de xeito independente e provisorio nas bibliotecas da administración local. Tamén no ensino primario e secundario. Sen que a iniciativa teña que partir en ningún dos dous casos da administración autonómica. Os gobernantes municipais, os claustros de profesores e a colaboración sindical, son imprescindíbeis en calquera caso. É igualmente factíbel un plan conxunto de varios concellos e deputacións, como resulta evidente.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.