Un relato sobre o PSG: memorias dun “militante de aluvión” (e V)

Cartel do PSG en 1980 © UAB

(A Xosé Manuel Beiras Torrado, o meu profesor e camarada, in memoriam)

As eleccións xerais de 1977 foron un golpe sumarísimo para o Partido Socialista Galego, pois colleitou uns resultados moi pobres ao sumar só 27.197 votos, que representaban o 2,42% dos emitidos e que serían insuficientes para obter deputados

5. O “canto do cisne”

As eleccións xerais de 1977, as primeiras logo de corenta anos dunha das máis crueis ditaduras do século XX, que ían debuxar o novo escenario político democrático e con el o papel que os diferentes partidos políticos galegos ían desempeñar na transición cara á democracia, foron un golpe sumarísimo para o Partido Socialista Galego (PSG), pois colleitou uns resultados moi pobres ao sumar só 27.197 votos, que representaban o 2,42% dos emitidos e que serían insuficientes para obter deputados. Uns resultados que aparecerían aínda mais sangrantes se temos en conta os obtidos tanto polo PSOE (175.127 votos, o 15,58% dos emitidos que lle outorgaban 3 deputados), como polo PSP (53.067, 4,72% e 0 deputados). Comprensible o trauma que estes resultados provocaron nas filas do PSG cuxa ferida aumentaría ao comprobar os obtidos polos partidos da FSP que se aceptasen a oferta do PSOE de ir en coalición como por caso en Catalunya: a alianza PSC-PSOE resultaría ser a forza mais votada na comunidade catalá (870.362 votos que representaban o 28,61% dos votos e lle deron 15 deputados). Para facer xustiza cos compañeiros de Catalunya (PSC) hai que sinalar que estes (cos que se mantiñan unhas relacións fraternais) dende uns meses antes das eleccións xerais xa nos viñan avisando (PSG) sobre o resultado que anticipaban as enquisas electorais: unha advertencia que non sería tomada en consideración.

Unha análise máis polo miúdo dos resultados obtidos nos daría unha lectura complementarias que viría afondar aínda mais na ferida. Así puidemos comprobar como nas provincias máis rurais, que teoricamente deberían ser as máis galeguistas, os resultados obtidos foron tamén moi probes: 2.080 votos (1,24%) en Lugo, 2.458 votos (1,53%) en Ourense. Uns moi modestos resultados que se repetirían tanto nos polos industriais da época: Ferrol (2.700 votos: 6,3%), Fene (496 votos: 7,66%), Porriño (70 votos: 1,50%) e Vigo (1.957 votos: 1,83%), como na costa tal que, por caso, Camariñas (283 votos: 5,69%), Carnota (24 votos: 0,82%), Muros (41 votos: 0,89%), Ribeira (157 votos: 1,70%), Moaña (35 votos: 0,48%), Bueu (71 votos: 1,42%) e Vilagarcía (234 votos: 1,80%). Uns resultados globais e particulares que deixaban pouca marxe á esperanza de que o PSG chegase a ser o que pretendía ser: un partido de masas con importante presenza nas clases traballadoras. Un impacto político que se vería multiplicado por un problema interno que, ademais do golpe afectivo que causou na militancia, deixaría descabezado o PSG: unha dolorosa doenza do seu principal referente político tal que o retiraría do escenario político durante varios anos.

Un espertar á realidade, que levaría a que no seo do PSG foran agromando dúas visións distintas sobre o futuro desta organización. Unha delas -a mesma que defendera a alianza electoral co PSOE e que apoiaba quen isto escribe- puxo enriba da mesa a opción de iniciar contactos coa Federación Socialista Galega (PSOE) cara a coñecer a viabilidade dunha unión orgánica entre ambas organizacións políticas ao estilo do que sucedera en Catalunya e que tan bos resultados electorais conseguira. A segunda sería, inicialmente, partidaria de manter o PSG como partido independente aínda que non moito máis tarde iniciase unha progresiva integración na UPG. As dúas opcións buscaban manter o espírito do “vello” PSG, aínda que defendían vías distintas que finalmente conduciron a resultados orgánicos e políticos diferentes, como serían o PSdeG (PSOE) no caso dos primeiros, o BNG nos segundos, sen que en ningún caso quedase rastro orgánico daquel “vello PSG”.

Nos case cincuenta anos que levamos de autonomía, as esquerdas galegas, agás algunhas excepcións conxunturais (1987-1990, 2005-2009), non foron quen de romper o dominio afogador das dereitas galegas (primeiro a UCD, a continuación o PPdeG). Nunha parte non menor é froito da carencia dunha organización política que recollendo o mellor do vello PSG

Non quedaría rastro orgánico pero si ideolóxico e político porque como se puido comprobar nos anos posteriores, tanto a FSG (PSOE) como a UPG víronse moi beneficiadas da incorporación dos cadros políticos do PSG, algo que se plasmou tanto na conversión do primeiro no PSdeG (PSOE), un partido político cunha estratexia e unha dirección política autónomas, como no caso do segundo na súa conversión nunha nova organización (BNG) máis aberta e plural. Cambios que darían os seus froitos nas sucesivas convocatorias electorais (municipais, autonómicas e xerais).

Volvendo o PSG cabería facer dúas reflexións finais sobre o impacto que na historia política recente de Galicia puido ter a desaparición do PSG. A primeira xorde da análise da realidade política galega nos anos que levamos de democracia. A segunda das posibles conclusións a que nos leva esa análise.

En relación á primeira, parte dunha evidencia: nos case cincuenta anos que levamos de autonomía, as esquerdas galegas, agás algunhas excepcións conxunturais (1987-1990, 2005-2009), non foron quen de romper o dominio afogador das dereitas galegas (primeiro a UCD, a continuación o PPdeG). A segunda, que esta impotencia pode levar a pensar a algúns, como a quen isto escribe, que nunha parte non menor é froito da carencia dunha organización política que recollendo o mellor do vello PSG, socialdemocracia (emprego e benestar) e galeguismo (soberanía), asuma como propias as reivindicacións que se derivan dos problemas creados pola mundialización neoliberal (desigualdade, feminismo, medio ambiente, pacifismo) cunha mirada que partindo de Galicia tome en consideración a situación en España, Europa e o Mundo o que conduce á necesidade de formular unha política de alianzas a eses niveis.

Pero isto esixiría unha reflexión que se sae do marco das miñas reflexións sobre o PSG e que precisa dun debate que deixo para outros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.