Unha desclasificación parcial que chega tarde

O tenente-coronel Antonio Tejero, no asalto ao Congreso © RTVE

Nos textos e audios agora coñecidos faltan elementos básicos para poder xulgar o valor real desas probas: onde foran atopadas, quen as tivo arquivadas e, no seu caso, quen as elaborou. Calquera persoa investigadora de acontecementos históricos non ficaría totalmente satisfeita coa calidade do que agora se fixo público

O 23-F de 1981 ten sido lembrado e avaliado en moitas ocasións durante os últimos anos. Resultaba previsíbel que o momento actual requirise algo mais: 45 anos é unha cifra que xa se achega moito a unha distancia temporal simbolicamente relevante e, ademais, o contexto político estatal e internacional convidaba a fuxir, sequera parcialmente, da rutina conmemorativa. Esa foi, seguramente, a razón pola que o goberno que preside Pedro Sánchez decidiu desclasificar algúns documentos relativos a ese intento de golpe de Estado. Unha medida de alcance limitado (hipotecada, ademais, pola pendente mudanza da vella lexislación franquista sobre segredos oficiais) que supón, en todo caso, un implícito recoñecemento da demora inxustificada practicada durante tantos anos.

Nos textos e audios agora coñecidos faltan elementos básicos para poder xulgar o valor real desas probas: onde foran atopadas, quen as tivo arquivadas e, no seu caso, quen as elaborou. Calquera persoa investigadora de acontecementos históricos non ficaría totalmente satisfeita coa calidade do que agora se fixo público. É verdade que é mellor esta limitada transparencia que a ocultación practicada anteriormente mais tamén é certo que o revelado non solventa definitivamente algunhas das incógnitas pendentes no desenvolvemento daquela rebelión militar (singularmente as que fan referencia á eventual pasividade da Xefatura do Estado ante os preparativos golpistas dos meses anteriores).

A maioría da esquerda organizada non foi quen de interpretar acaidamente os sinais que agromaban sobre a conspiración golpista e, xa que logo, non tiveron a capacidade requirida para preparar un movemento de resposta social á altura da gravidade do que se estaba preparando nos cuarteis

Hai un aspecto do sucedido naquel lonxano 1981 que debería merecer maior reflexión por parte dalgunhas persoas que desexan, agora, analizar ese pasado incómodo. Refírome a un fenómeno certamente chamativo: daquela, a maioría da esquerda organizada non foi quen de interpretar acaidamente os sinais que agromaban sobre a conspiración golpista e, xa que logo, non tiveron a capacidade requirida para preparar un movemento de resposta social á altura da gravidade do que se estaba preparando nos cuarteis. O sector da esquerda mais comprometido co pacto da transición (PSOE e PCE) seguramente tiñan información suficiente para coñecer o nivel de risco polo que atravesaba o modelo político instaurado despois da morte de Franco pero non quixeron recoñecelo publicamente porque iso depreciaba o relato que construíran sobre o tránsito da ditadura ao sistema constitucional de 1978. Para agravar aínda mais ese comportamento, algúns dirixentes socialistas da época (Enrique Múgica, por exemplo) non agacharon a súa participación irresponsábel en manobras desestabilizadoras pilotadas por un militar destacado -Alfonso Armada- que presumía de ter fío directo co propio titular da Monarquía. A equipa encabezada por Felipe González apostou por buscar un atallo no camiño cara a Moncloa e decidiu contribuír ao illamento de Adolfo Suarez sen considerar os beneficios que podían obter os militares que pretendían interromper o proceso político vixente.

O 23-F de 1981 certificou a debilidade do titular da Monarquía a respecto dos sectores militares golpistas; o serio desgaste que padecía a UCD de Adolfo Suárez; as presas de F. González por chegar á presidencia do goberno; a perda de capacidade mobilizadora do PCE dirixido por Santiago Carrillo e a impotencia da esquerda radical

Por outra banda, no seo da esquerda que non tiña participado no pacto constitucional houbo unha convicción maioritaria de que o proxecto da transición dispuña dunha consistencia capaz de resistir calquera hipótese golpista. Pensábase que o acordo e a coordinación entre as elites políticas partidarias, os poderes económicos, os aparatos de seguridade (Exército, policía, Garda Civil...) e os gobernos dos principais Estados occidentais non permitía pensar na posibilidade dun intento involucionista. Neste sector do rupturismo organizado non se detectaba tanto unha carencia de vontade de loita democrática coma un grave descoñecemento da realidade do que estaba sucedendo ao seu arredor. Pensaron que non había fendas no conglomerado político-económico-militar-internacional que promovía e/ou apoiaba o proceso de cambio deseñado na transición posfranquista. Xa que logo, non foron quen de preparar unha resposta á dinámica golpista que se fixo especialmente visíbel co asalto ao Parlamento protagonizado por Tejero.

O 23-F de 1981 certificou a presenza de varias circunstancias significativas: a debilidade amosada polo titular da Monarquía a respecto dos sectores militares golpistas; o serio desgaste que padecía a UCD de Adolfo Suárez; as presas de F. González por chegar á presidencia do goberno; a perda de capacidade mobilizadora do PCE dirixido por Santiago Carrillo e a impotencia da esquerda radical para artellar unha alternativa sólida fronte a semellante situación crítica.

A conspiración antidemocrática seguiu activa no interior das Forzas Armadas. Poucos días antes das eleccións xerais do 28 de Outubro de 1982 informouse do desmantelamento dun denominado "golpe dos coroneis". A consecución dunha ampla maioría absoluta por parte do PSOE de Felipe González -202 escanos no Congreso- constituíu un punto e aparte na dinámica política que se viña desenvolvendo dende a morte de Franco, no mes de Novembro de 1975. O perigo golpista desapareceu do primeiro plano da vida pública aínda que seguiron vivas algunhas das pegadas antidemocráticas daqueles anos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.