Neste ano 2025 temos que ser agradecidos cos emigrantes que en Montevideo ---o 3 de setembro de 1950--- fundan un programa de radio para lembrar a Castelao (falecido en xaneiro na capital arxentina) pois merecen as maiores distincións e recoñecementos
Neste ano 2025 temos que ser agradecidos cos emigrantes que en Montevideo ---o 3 de setembro de 1950--- fundan un programa de radio para lembrar a Castelao (falecido en xaneiro na capital arxentina) pois merecen as maiores distincións e recoñecementos. A emisión de SEMPRE EN GALICIA, nas mañás dos domingos, ten a singularidade de que se realiza enteiramente en galego. Quere dicir que milleiros de descendentes da nosa emigración aprenderon ou entenderon o significado da nosa cultura diferenciada por medio da radio e así foi como se achegaron a emotividade da terra de Rosalía de Castro.
Quero suliñar que somos afortunados. O paso do tempo non foi quen de esvaecer o sentimento galego e na capital da República Oriental do Uruguai seguimos a ter herdeiros que non queren esquecer as súas raíces. A maioría dos nosos descendentes non se deixan envelenar polas trapalladas interesadas de partidos políticos que ofenden aos que buscan un futuro mellor pero aplauden e defenden aos que se benefician da explotación dos máis desfavorecidos. Os nosos netos montevideanos saben que os seus esforzados avós, suaron na Banda Oriental (a terra do moi nobre Artigas) para erguer un niño onde acubillarse e manter quentes os recordos da aldea na que naceron.
O agradecemento a quen mantivo o idioma galego nun programa radiofónico desde 1950 debe ir acompañado de actividades nas que a colectividade emigrada poida aplaudir e sentir que Galicia non esquece aos devanceiros sementadores de galeguidade
Coido que Montevideo é o lugar máis axeitado para unha celebración (tendo en conta que no pasado mes de xaneiro non houbo ningún acto con participación de autoridades no Centro Galego de Bos Aires) na que se lembre a Castelao por medio da entrega de premios e distincións a SEMPRE EN GALICIA e tamén coa organización dun evento que sexa unha Festa Maior da nosa cultura na capital uruguaia. O agradecemento a quen mantivo o idioma galego nun programa radiofónico desde 1950 debe ir acompañado de actividades nas que a colectividade emigrada poida aplaudir e sentir que Galicia non esquece aos devanceiros sementadores de galeguidade. A xeito de suxestión e sen más intención de que sexa un exitoso festexo, creo que ademais da actuación dun grupo ou solista galego debemos de convidar a miña boa amiga Cristina da Pastoriza (Cristina Fernández Fernández) para que emocione coa súa voz aos asistentes ao recital do aniversario número 75.
Sigo tendo moi presente a música das gaitas que saía dunha radio Philco que estaba na cociña do pequeno apartamento que meu pai alugara na rúa Pantaleón Artigas. O meu pai díxome que era unha audición de radio feita por xente que nacera en Galicia que eran emigrantes coma nós
Eu sinto que levo dentro un pequeno anaco sentimental de SEMPRE EN GALICIA que comezou a instalarse en min o domingo 30 de novembro de 1958. O meu desembarco (collido da man da miña nai) tivo lugar o xoves 27 despois duns longos vinte días de navegación no Cabo de Hornos desde o porto da Coruña. Os anos foron pasando pero sigo tendo moi presente a música das gaitas que saía dunha radio Philco que estaba na cociña do pequeno apartamento que meu pai alugara na rúa Pantaleón Artigas, no barrio de Aires Puros. Era pola mañá e pasaban uns minutos das nove e media (aínda estaba na cama xa que nunca fun moi madrugador) cando me espertan os sons dunhas gaitas. Érgome axiña para achegarme a cociña onde os meus pais estaban a almorzar.
A miña sorpresa foi que aqueles gaiteiros soaban igualiño que o grupo que viñera a tocar a Tines na festa da Ermida Vella. O meu pai díxome que era unha audición de radio feita por xente que nacera en Galicia que eran emigrantes coma nós. Contou que todos os domingos a emisora Radio Carve emitía este programa que escoitaba desde que chegou a Montevideo. Foi o pontevedrés Paco Esperón que era o dono da pensión na que viviu antes da nosa chegada (situada na rúa Yaguarón, perto do Palacio Lexislativo) o que lle falou da audición da que era un fiel seareiro. Quixera estar en setembro en Montevideo para poder berrar forte: Graciñas, SEMPRE EN GALICIA!