13 concellos aínda non remitiron os seus datos económicos de 2015 ao Consello de Contas

Sede do ente © Consello de Contas

Coristanco, Negreira, Antas de Ulla, Quiroga, Sarria, Castro Caldelas, Celanova, Manzaneda, A Pobra de Trives, Verín, Cuntis, Rodeiro e A Illa de Arousa. Estes 13 concellos aínda non lle remitiron ao Consello de Contas os seus resultados económicos correspondentes a 2015, como están obrigados a facer antes do 15 de outubro do ano seguinte (2016, neste caso). Estas localidades expóñense a perder o dereito a recibir subvencións da Xunta, de non presentar a información. Nesta situación tamén se atopan 15 mancomunidades e dúas entidades menores.

Coristanco, Negreira, Antas de Ulla, Quiroga, Sarria, Castro Caldelas, Celanova, Manzaneda, A Pobra de Trives, Verín, Cuntis, Rodeiro e A Illa de Arousa aínda non remitiron a información

O Decreto 193/2011 fixa no seu artigo 4 a "rendición das contas xerais ao Consello de Contas como requisito para a concesión de subvencións", sinlando iso si que "excepcionalmente, o Consello da Xunta de Galicia poderá autorizar a exención do cumprimento do requisito establecido no parágrafo anterior naqueles supostos en que a non concesión da subvención puidese afectar o normal desenvolvemento dos servizos públicos esenciais". De feito, ata a entrada en vigor dese decreto a porcentaxe de localidades que entregaban esta información en tempo en forma era moi inferior. No caso das contas de 2009 (que debían ser remitidas ao longo de 2010) só o 33% das entidades locais cumpriu coa súa obriga, elevándose a proporción o ano seguinte ata o 68% e ata o 76% no 2013.

Ademais destes 13 concellos que aínda non enviaron os seus resultados económicos, entre as localidades que si o fixeron o Consello de Contas detectou "defectos graves" na información remitida por 7 deles, que aínda deben ser solventados. Outros 155 presentan "defectos leves" e os datos de 7 concellos deben ser aínda analizadas por este organismo.

As contas do ano 2014 xa foron entregadas por todos os concellos, aínda que 7 aínda presentan "defectos graves", segundo o Consello de Contas. É o caso de Rodeiro, Riós, Triacastela, Riotorto, O Incio, Antas de Ulla e Brión. Nas contas rendidas por outras 187 localidades sinaláronse "defectos leves".

 

Sede do ente © Consello de Contas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.