2017: O ano dos plenos locais retransmitidos en directo?

Pleno da Deputación provincial da Coruña © Deputación da Coruña

Non son demasiados aínda os concellos que de forma habitual retransmiten os seus plenos municipais a través da rede. Porén, isto xa é unha realidade en seis das sete cidades (todas agás Vigo) e vilas como Lalín, Sada, Bergondo, Xinzo de Limia, Ribadavia, O Porriño, Ponteareas ou Miño, entre outros. Tamén nas catro deputacións provinciais, uníndose Pontevedra e A Coruña a Lugo e Ourense, que xa o facían na lexislatura anterior.

Son aínda casos illados, pero en 2015 eran moitos menos e nos últimos meses vimos asistindo á continuada incorporación de novas localidades, e a debates abertos e mocións en moitas outras. No remate da presente lexislatura serán moitos máis concellos os que se incorporen a este instrumento de transparencia e difusión do debate político local. Un avance notable, se temos en conta que ata hai ben pouco mesmo os grupos políticos e veciños atopaban moitas dificultades para gravar e transmitir eles mesmos os plenos, e nalgún caso seguen atopando obstáculos. En agosto de 2015 o Tribunal Supremo deixou claro que gravar os plenos municipais é un dereito cidadán. Mesmo así, no regulamento do pleno aprobado por Vigo o pasado ano faise depender este dereito de gravación dunha autorización do alcalde.

Un dos concellos que xa retransmite os plenos é Ponteareas, que mesmo mellorou recentemente o sistema de gravación dos plenos, coa instalación de cámaras de alta definición robotizadas de seguimento dos intervintes e mellora do sistema de intervención e audio existentes, incrementando a calidade dos vídeos das sesións plenarias. As sesións plenarias de Ponteareas pódense seguir en directo a través da web do concello, Youtube, Periscope, Twitter e, dende este 21 de marzo, tamén por Facebook Live. Benito Márquez, concelleiro de Novas Tecnoloxías e Transparencia, destaca as melloras introducidas, co obxectivo de "dar unha maior difusión e transparencia aos plenos municipais". “A retransmisión dos plenos en directo non so a través da páxina web municipal, senón tamén das redes sociais fará que moita máis xente se achegue á xestión municipal e ás decisións máis importantes que son as que se toman nas sesións plenarias”, salienta.

Dende a pasada lexislatura xa se gravaban os plenos e se ofrecían a través da páxina municipal nos días posteriores a celebración das sesións, pero sempre en diferido. Ademais, explica Márquez, “o sistema establecido para tal efecto era unha única cámara obsoleta herdada da antiga televisión municipal. Moitas veces sucedía que con este sistema tan arcaico algún individuo movía a cámara cara un lado e se ninguén se decataba, gravaba a parede, como sucedeu, por exemplo, coa sesión plenaria de investidura de xuño de 2015”.

Sada e O Porriño veñen de sumarse a esta práctica e Ponteareas mellorou a calidade dos seus equipos

O Porriño vén de sumarse a esta práctica, retransmitindo este mes de marzo o seu primeiro pleno; ademais, as sesións anteriores serán almacenadas e poderán consultarse en calquera momento. Tamén Sada comezou este mes de xaneiro a retransmitir os seus plenos. Uns meses antes fixérano Xinzo de Limia ou Bergondo, que se uniron a Ribadavia, Miño, A Estrada ou Lalín, que comezara xa en decembro de 2015.

 

As 4 deputacións e 6 das 7 cidades

As catro deputacións provinciais xa retransmiten en directo os seus plenos que, ademais, quedan almacenados para o seu visionado en calquera momento. As provinciais orientais -Lugo e Ourense- foron pioneiras neste senso, poñendo en marcha esta iniciativa xa na pasada lexislatura. En setembro de 2016 uniuse a Deputación de Pontevedra e en xaneiro deste ano fíxoo a da Coruña.

A cidadanía tamén pode seguir os plenos municipais das cidades da Coruña, Ourense, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Ferrol

A cidadanía tamén pode seguir os plenos municipais das cidades da Coruña, Ourense, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Ferrol. Non así o de Vigo, a pesar de ter sido demandado en varias ocasións polas forzas da oposición. A cidade olívica é unha das poucas grandes urbes de todo o Estado que non retransmite os seus plenos e mesmo limita a posibilidade de que o fagan as forzas políticas representadas ou o público asistente. O pasado mes de xuño o regulamento do pleno elaborado polo goberno local foi aprobado cos únicos votos a favor do PSOE.

 

O que di a lei

En 2015 o Tribunal Supremo ratificou que gravar os plenos municipais é un dereito cidadán, nun ditame que sinalaba que prohibir a gravación dos plenos implicaba vulnerar os dereitos constitucionais de expresión e información. O tribunal explicaba que nos plenos se tratan asuntos de "interese xeral" que afectan á veciñanza, polo que gravar e difundir estas sesións axuda á creación "dunha opinión libre". Subliñaba, así mesmo, que estes dereitos non poden estar restrinxidos aos profesionais dos medios de comunicación, senón que son "titularidade" do conxunto da cidadanía.

En 2015 o Tribunal Supremo ratificou que gravar os plenos municipais é un dereito cidadán

En Galicia foron moitos os concellos (Ponteceso, Cambados, Arteixo, Moraña, Cualedro ou Gondomar) que nalgún momento tentaron mesmo prohibir as gravacións nos plenos. Porén, a Lei de Bases do Réxime Local deixa claro no seu artigo 70 que as xuntanzas dos plenos do Concello son públicas. De igual xeito, o decreto de 1986 que regula a Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais ratifica no seu artigo 88 que estas sesións son públicas e mesmo prevé que "para ampliar a difusión auditiva ou visual do desenvolvemento das sesións poderán instalarse sistemas megafónicos ou circuítos pechados de televisión".

Pleno municipal de Lalín © Concello de Lalín
Pleno municipal do Porriño © Concello do Porriño
Benito Márquez, concelleiro de Novas Tecnoloxías e Transparencia de Ponteareas © Concello de Ponteareas
Pleno da Deputación provincial de Lugo © Deputación de Lugo
Pleno da Deputación provincial da Coruña © Deputación da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.