26-X: A recuncar

Papeletas das xerais nun colexio electoral de Santiago CC-BY-SA Praza Pública

Máis de 2,7 millóns de galegas e galegos (uns 2,3 censados no país e o resto desde fóra do Estado) teñen dereito ao voto este domingo nas eleccións xerais. Desde as 9 da mañá e até as 20 horas, os colexios electorais abrirán para escoller os representantes da comunidade autónoma nun novo Congreso dos Deputados e nun novo Senado, unha nova lexislatura tras a fallida que saíu do pasado mes de decembro. Á Cámara Baixa chegarán de Galicia vinte e tres deputados e deputadas  procedentes das catro circunscricións provinciais. Elixirase a representación galega nuns comicios con moitas incógnitas, desde a participación até a propia composición das Cámaras, pasando mesmo pola posibilidade doutra repetición electoral.

As solicitudes de voto por correo aumentaron un 32% en Galicia

Ás arredor de 4.000 mesas de todo o territorio galego chegarán milleiros de votantes no que se prevé que sexa, para poboación e formacións políticas, un ensaio xeral da transcendental cita coas urnas que os galegos terán nas autonómicas de outono. Tamén, durante a xornada, chegarán aos colexios electorais os sufraxios emitidos por correo. Nesta ocasión, foron máis de 72.000 as persoas que pediron empregar esta vía en Galicia o que supuxo un aumento do 32% nas solicitudes, 18.000 máis que o 20-D. 

A través de Praza.gal poderase seguir toda a xornada electoral , o reconto dos votos e a asignación de escanos e, asemade, a evolución do procedemento no resto do Estado contará cunha ampla cobertura en eldiario.es. Sobre as 22.30 horas os resultados serán definitivos, á falta de mínimas porcentaxes do censo sen contabilizar. 

Ese censo que, segundo os datos do INE, amosa tamén as peculiaridades do corpo electoral galego, onde para este 26-X están anotadas apenas 40.000 persoas de entre 18 e 19 anos. Xa que logo, un colectivo ben residual do total do censo, onde os mozos teñen cada vez máis relevancia. Uns datos nos que adoitan reparar os analistas, máis agora cando as enquisas indican a fenda xeracional e a diferenza ideolóxica entre os máis novos e os máis vellos en casos como o referendo no Reino Unido sobre o Brexit. 

Hai unha década, os mozos de entre 18 e 34 anos eran o colectivo máis numerosos do censo; agora é o menos relevante

No caso galego, hai unha década, nas eleccións galegas de 2005, o colectivo que abrangue os mozos de entre 18 e 34 anos estaba formado por algo máis de 642.000 persoas que o convertían no máis numeroso do censo galego. Na actualidade, son 425.322, máis de 220.000 persoas menos. O seguinte grupo de idade con máis peso, o de 50 a 64 anos, supera a mocidade en máis de 100.000 persoas o de entre 35 e 49, en case 200.000. Como vén sucedendo dende 2008, o sector da poboación con máis peso no electorado galego é o das persoas maiores de 65, que con 664.000 mulleres e homes son xa practicamente un terzo do corpo electoral do país.

Poderán votar por primeira vez este domingo 10.070 persoas residentes en Galicia que chegaron aos 18 anos de idade dende que se pechou o censo para as xerais de decembro. Atópanse na mesma situación 21.528 mozas e mozos a respecto das municipais do pasado ano, e 92.645 que non puideran votar nas xerais do 2011 por seren aínda menores de idade.

En Galicia xa poden votar máis mulleres maiores de 85 anos que as que teñen entre 30 e 34 anos

En Galicia, a pirámide electoral está tan invertida como a da poboación en xeral. As mozas e mozos son poucos, cada vez menos, e a 'base' da pirámide ascende ata as galegas e galegos de 40 a 44 anos. Esta radiografía das persoas con dereito ao voto amosa tamén que en Galicia poden votar case 100.000 mulleres máis ca homes e que a preponderancia feminina medra a medida que sobe a idade. Este factor, unido ao envellecemento da poboación, dá lugar, por exemplo, a que en Galicia xa poidan votar máis mulleres maiores de 85 anos que as que teñen entre 30 e 34 anos.

Todos estes datos explican tamén por que os partidos insisten -e insistiron moito nesta campaña- en atraer o voto das persoas maiores. Moito máis no caso da esquerda porque, a priori, é a que máis afastado ten a este sector da poboación. Así o amosa, por exemplo, a enquisa postelectoral do CIS a respecto das xerais de decembro. Ao cruzar as respostas sobre o recordo de voto -a forza política que as persoas enquisadas din que elixiron- coas variables demográficas obsérvase como o PP só segue preponderando con claridade entre as persoas maiores de 65 anos, cun 35% de recordo de voto, dez puntos máis que a segunda forza neste sector da poboación, o PSOE, e vinte e oito puntos máis que a terceira, Podemos e as súas confluencias.

O PP é o partido maioritario entre os maiores de 65 e o terceiro entre o electorado máis mozo

Na banda contraria, a do electorado máis mozo, o panorama é radicalmente diferente. A suma do reconto de voto de Podemos xunto a En Marea, En Comú e Compromís rolda o 30% do recordo de voto, o PSOE é segunda forza, co 16%, e o PP é terceira, co 14%. Podemos e as confluencias mantéñense en cabeza ata a franxa de idade de entre 45 e 54 anos, cando son substituídos na primeira posición polo PSOE, tamén primeira forza no recordo de voto nas mulleres e homes de entre 55 e 64 anos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.