O Ministerio de Transportes presenta o proxecto do último treito da Autovía das Rías Baixas, que permitirá evitar a moi perigosa A-55, limitada a 60 por hora
Entre finais dos anos 90 do pasado século e comezos deste quedaron rematadas as dúas grandes autovías de conexión de Galicia coa Meseta, a A-6 ata A Coruña e a A-52 ata Vigo. Pero esta última non chegou a Vigo senón que rematou no Porriño, obrigando a que os dez quilómetros restantes ata a cidade sigan realizándose pola moi perigosa e antiga N-120, desdobrada con dous carrís por sentido e renomeada A-55, un dos maiores puntos negros da Península que a Adminitración só é quen de combater con radares e limitacións a 60 quilómetros por hora.
Agora, un cuarto de século despois do remate do resto da autovía, o Ministerio de Fomento vén de expoñer ao público un proxecto para o treito O Porriño-Vigo de 6 quilómetros de lonxitude de nova construción nos que se inclúe un túnel de 4 quilómetros. A actuación tería un custo global duns 420 millóns de euros.
O proxecto para rematar a A-52 na súa entrada a Vigo quedou aparcado durante anos malia a sinistralidade rexistrada na estrada actual. En 2018 Mariano Rajoy anunciou a súa intención de retomar esa actuación, en medio de críticas do seu propio partido polo desleixo do Goberno de España coa estrada actual. Pero tiveron que pasar seis anos do actual executivo de Pedro Sánchez para que o ministerio presente á fin un proxecto que vaia máis alá das promesas e declaracións.
O documento agora exposto ao público avalía tres posibles trazados diferentes e opta por un que se inicia a continuación do nó do Porriño no que enlazan actualmente a A-52 e a A-55. A partir dese punto a nova infraestrutura sepárase cara ao oeste da A-55 e en ascenso inicia un túnel pouco antes de cruzar coa AP-9 que catro quilómetros máis adiante acaba saíndo en Vigo, pouco antes do actual nó de Baruxáns. No termo municipal vigués a infraestrutura descorrería ao norte do río Eifonso, reducindo así impactos ambientais a respecto doutras alternativas estudadas máis ao sur.
A alternativa seleccionada polo ministerio ten un orzamento estimado de licitación de preto de 390 millóns de euros, aos que habería que engadir outros 28,5 millóns en expropiacións e afeccións, que se consideran significativas nunha zona xa amplamente urbanizada.