A abstención galega xa non é o que era

Papeletas dunhas eleccións galegas CC-BY-SA Merixo

En apenas dous anos o electorado galego estará chamado ás urnas en catro ocasións para renovar a composición dos parlamentos europeo, español e galego e mais dos concellos. No inicio deste longo ciclo electoral a sombra da abstención paira sobre os partidos políticos en xeral e sobre as formacións do ámbito da esquerda en concreto, en cuxo seo a posibilidade dunha baixa participación é vista como sinónimo de permanencia do PP á fronte das institucións por desmobilización do electorado progresista. Isto sucede nun contexto no que, cando menos ata os anos nos que a crise económica golpeou con maior virulencia, os datos din que a abstención deixou de ser un feito diferencial do país a respecto do resto do Estado.

"Sempre houbo o discurso de que a abstención era maior en Galicia e isto achacábase a cuestións dispares", explica o experto en análise electoral Carlos Neira. "Dende a cultura caciquil ao tempo meteorolóxico, a distancia aos colexios electorais ou o inchado dos censos electorais por non depuración" eran factores que implicaban un maior desapego da poboación galega polas urnas. A isto, detalla, veuse engadindo a "nebulosa administrativa" que supón o voto da emigración. Pero isto mudou dende mediados da década pasada, cando "abstención e participación se igualaron" case "perfectamente, agás en eleccións puntuais". "Aquel discurso histórico caeu en desuso" e "o que habería que ver agora é se hai cambios na situación da post crise".

Dende os anos 90 e ata 2012 en ningún proceso electoral, con excepción das europeas, a abstención superou o 40%

Unha ollada aos datos confirma a explicación do experto. Se ben é certo que dende a recuperación do dereito ao sufraxio, a finais dos anos setenta, nunca votou en Galicia máis do 70% do censo, non o é menos que dende comezos dos noventa en ningún proceso electoral, con excepción das eleccións europeas, a abstención pasou do 40% agás nas autonómicas de 2012, as da segunda vitoria do PP de Alberto Núñez Feijóo en plena crise, cando optou por non achegarse ás urnas máis do 45% das persoas que tiñan dereito a facelo. Os comicios á Eurocámara sempre foron caso aparte e en tres das cinco ocasións a abstención ficou por riba do 50%.

As maiores taxas de participación en Galicia producíronse nas xerais de 1996 e 2004

Historicamente, as eleccións nas que a poboación galega participa máis activamente son as xerais, considerados comicios "de primeira orde" entre a poboación, en verbas de Neira. "Por moito que lles interese ás forzas propias do país ou ao nacionalismo, as eleccións autonómicas non deixan de ser de segunda orde para a media da xente". Nesta liña, as porcentaxes de abstención máis baixas de Galicia producíronse en tres eleccións xerais: as de 1996 (28,6%, primeira vitoria de Aznar) e as de 2004 (29,03%, primeira vitoria de Zapatero). Comicios como estes foron procesos electorais "de moita tensión", sinala o experto, e contribuíron a que os niveis de participación galego tendesen a converxer cos do Estado.

Dous grupos clave para gañar

O comportamento electoral da poboación galega a respecto da abstención non só mudou cuantitativamente, senón que tamén trocou de protagonistas na última década. Para Carlos Neira a primeira mostra clara deste fenómeno produciuse nas eleccións municipais de 2007, cando o PP que lle facía oposición ao bipartito no Parlamento de Galicia "consegue recuperar algunhas cidades", e a súa intensidade foi maior en 2009, cando Feijóo logra que a dereita retorne á Xunta. "Había unha abstención estrutural en determinadas eleccións", sobre todo nas autonómicas, dun electorado "urbanita e de dereitas que rexeitaba o PP de Fraga, o PP rural". Estes electores "non participaban con Fraga, pero si o fixeron con Aznar nas xerais ou con Feijóo nas autonómicas".

A mobilización do electorado progresista e conservador das cidades é clave para a abstención xeral e para a conformación de maiorías

Así as cousas, este "voto a maiores" que, procedente das cidades, contribuía a rebaixar as taxas de abstención galegas deixou de ser "o voto progresista e mozo que mantiña gobernos progresistas" nos concellos e na Xunta, senón un voto eminentemente conservador e "españolista". A abstención, polo tanto, igual que non é un trazo definitorio de Galicia no conxunto do Estado, tampouco o é da poboación rural e vilega a respecto do resto do país. "Segundo se mova a participación deses dous grupos", "o voto urbano progresista e mozo" e o voto urbano máis conservador haberá máis ou menos posibilidades de que, por exemplo, haxa unha maioría de esquerdas en Galicia. "Se participan os dous", as taxas de participación e abstención de Galicia e do Estado tenden a igualarse.

Colexio electoral en Lugo CC-BY-SA Merixo

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.