A primeira área metropolitana de Galicia -e a segunda en todo o Estado- quedou constituída este xoves en medio dun enorme balbordo. A asemblea de constitución da entidade supramunicipal que agrupa os concellos da zona de Vigo acabou por se converter nunha algarada e cruzamento de acusacións entre alcaldes tras debater sen acordo sobre o Plan de Transporte e logo de que os representantes do PP decidisen abandonar a sesión. Xa cos edís populares fóra, o rexedor vigués, Abel Caballero, foi elixido primeiro presidente do ente.
Caballero foi elixido presidente da Área cos votos a favor de PSOE, BNG e as mareas tras o abandono da sesión do PP
Ao final, Caballero contou co único voto en contra da Agrupación de Electores de Redondela tras a marcha dos alcaldes do PP e co voto favorable de PSOE, BNG e Marea para que asumise a presidencia. Todo logo dun primeiro acto oficial da área metropolitana que durou unhas tres horas, estivo cargado de reproches e diferenzas e no que o rexedor de Vigo acusou os populares de boicot. Non só do acto en si, senón que foi máis aló e sinalou a Núñez Feijóo e Alfonso Rueda de querer atrancar o propio ente xa desde o inicio.
Os problemas comezaron cando os socialistas se decataron de que non sería Caballero -como agardaban- quen presidiría a Mesa de Idade e, xa que logo, quen dirixiría a asemblea. Arturo Grandal (PP), alcalde de Salvaterra do Miño, era o maior da sesión polo que foi o encargado. Daquela, comezou un debate sobre a polémica do Plan de Transporte polo que tanto o secretario da Área como o PSOE protestaron ao entender que non se estaba a seguir a orde do día.
O PP aproveitou o seu control da Mesa para permitir o debate sobre o transporte que os socialistas lembraron que non estaba na orde do día
Varios alcaldes do PP lembráronlle aos socialistas que o ditame do Consello Consultivo de Galicia condiciona a creación da Área á integración do Plan de Transporte, polo que non se debería seguir adiante ata que Vigo se unise a el. Pola contra, Caballero insiste no seu desacordo coa repartición de custos e apunta aos tribunais para que decidan quen leva razón. Así, urxiu a constituír o ente supramunicipal ao ser este 1 de decembro o último día no prazo para facelo.
Os populares entenden que non se pode constituír a Área sen a integración de Vigo no Plan de Transporte
O presidente da Mesa de Idade, Arturo Grandal, solicitou un receso para consultar as medidas a tomar e tras o descanso intentou suspender o pleno ante as diferenzas sobre a posta en marcha da Área sen un acordo sobre o transporte metropolitano. Entendía que non se podía seguir adiante se non se confirmaba a integración de Vigo no Plan, pero o secretario -que tamén o é de Vigo e que o foi da Consellería de Economía con Javier Guerra- advertiu que non había "causa legal" para esa suspensión.
Foi daquela cando Grandal e todos os representantes do PP decidiron levantarse e marchar do pleno. Daquela, e coa ausencia dos populares, Caballero pasou a presidir a Mesa. Presentouse a candidatura -a del era a única- e saíu elixido presidente da área metropolitana cos votos a favor de PSOE, BNG e Marea.
O presidente da Mesa intentou suspender o pleno pero o secretario advertiu que non se podía e os populares abandonaron a sesión
"A área metropolitana segue; imos seguir porque hai cidadáns que queren que se constitúa e outros non, por iso marchan, pero a Área non queda rebentada, segue aí e ninguén vai ser capaz de derrubala, nin tan sequera Feijóo nin o PP", dixo Caballero antes de que fora proclamado presidente.
"Foi un espectáculo bochornoso dun grupo que quixo empañar un día histórico", dixo Pazos, alcalde de Cangas
Pola súa banda, Xosé Manuel Pazos (ACE), alcalde de Cangas e portavoz das confluencias, dixo que asistira a un "espectáculo bochornoso dun grupo que quixo empañar un día histórico". "Pero imos seguir loitando pola Áarea e a seguir insistindo en que Vigo se integre no transporte metropolitano nas condicións pactadas", insistiu. Desde o BNG, pola súa banda, cren que "se demostrou quen leva tantos anos boicoteando a Área".