Rogelio Martínez estaba acusado de fraude en fondos europeos por certificar unha obra non realizada, pero o tribunal considera que non se demostrou que cumprise coa súa obriga de verificar o destino dos cartos e polo tanto que estaba a asinar unha falsidade
A Audiencia Provincial de Ourense vén de absolver a Rogelio Martínez, home de confianza de Feijóo en Ourense e delegado da Xunta en Ourense entre 2009 e 2015, cando xa estaba imputado, e outras dez persoas, dos delitos de prevaricación, malversación de fondos públicos e falsidade documental polos que estaban acusados por certificar como realizada unha obra que non se fixo, uns feitos que chegaron a xuízo 20 anos despois de producirse.
A Audiencia considera probado que a obra executada non se corresponde coa prevista cando obtivo fondos europeos, pero absolve os acusados por falta de probas suficientes como para consideralos autores de delitos por eses feitos. O tribunal chega a dicir que Rogelio Martínez non cumpriu coa súa obriga de supervisar o destino dos fondos e polo tanto non se lle pode acusar de ser coñecedor de que estaba asinando unha falsidade ao certificar que a obra si se fixera. “O incumprimento destas obrigas xera un marco de responsabilidade distinto ao cuberto polo tipo penal de falsidade que é obxecto de imputación”, di a sentenza, sen precisar os xuíces se ese outro “marco de responsabilidade” é o político.
“Resulta palmario, como se acreditou na proba practicada, e recoñecen os mesmos acusados, que as obras non se realizaron conforme ao proxectado”, di a Audiencia
Rogelio Martínez era alcalde da Arnoia e como tal presidente do grupo de acción local Ceivam cando en 1999 un empresario pediu a esa entidade unha subvención para construír unha planta de biomasa no marco dun programa sufragado con fondos comunitarios. O proxecto tiña un orzamento duns 13 millóns das daquela pesetas, algo menos de 80.000 euros, e a subvención acadaba a metade do mesmo. En 2006, coa Xunta en mans do bipartito, o BNG denunciou que a obra non se executara segundo o previsto senón que só se reconstruíra un galpón, pero que Martínez certificara igualmente os traballos non realizados. Tras un longo proceso de dilacións, arquivos e reaperturas do procedemento, no que a Asociación para o Progreso do Ribeiro, ligada ao PSdeG, quedou como única acusación, Martínez foi xulgado a comezos deste mes de xuño.
“Resulta palmario, como se acreditou na proba practicada, e recoñecen os mesmos acusados, que as obras non se realizaron conforme ao proxectado”, di agora a Audiencia, que engade que “non se puido acreditar en autos de forma directa” que Martínez e os seus compañeiros na xestión de Ceivam “tivesen coñecemento real das obras realizadas. Feito que foi negado polos acusados que non se puido acreditar testificalmente ou a través doutro medio indiciario”.
“O incumprimento destas obrigas xera un marco de responsabilidade distinto ao cuberto polo tipo penal de falsidade que é obxecto de imputación”, sinala a sentenza
Nesa liña, a Audiencia considera que existía por parte de Ceivam a “necesidade de verificar un control previo ao pagamento da subvención, e polo tanto o coñecemento da disfunción entre ambas realidades (proxecto e realidade material)”, pero engade que “unha cousa é o marco obligacional que asumen os integrantes do órgano de xestión na administración do diñeiro público [Martínez e os seus compañeiros], e outra cousa distinta é o grao de cumprimento desas obrigas”. A Audiencia salienta que “ningunha proba se verificou que evidencie que se deu cumprimento a esa obriga e polo tanto se era coñecedor que se verificara unha obra distinta á proxectada”. Isto é, non se pode dicir que Martínez asinase falsamente o certificado de que a obra estaba feita porque non se pode probar que cumprise coa súa obriga de verificar o destino dos cartos.
Para a Audiencia “o incumprimento destas obrigas xera un marco de responsabilidade distinto ao cuberto polo tipo penal de falsidade que é obxecto de imputación”. Porén, a sentenza non aclara cal sería ese outro “marco de responsabilidade” a aplicar a Martínez polo seu incumprimento.