A Audiencia da Coruña resta importancia penal ás demoras de tratamentos contra a hepatite C e ratifica o arquivo da causa

Doentes de hepatite protestan no Parlamento CC-BY-NC-SA BNG

O tribunal avala un ano despois a decisión do xuíz instrutor de pechar tres anos e medio de investigación por non haber relación causal entre a actuación de dous cargos do Sergas e os falecementos

A Audiencia Provincial da Coruña vén de emitir un auto no que ratifica o arquivo decidido hai un ano polo xuíz instrutor da investigación contra dous cargos do Sergas acusados de homicidio por atrasar fármacos contra a hepatite C. A Fiscalía e a plataforma de afectados recorreron aquela decisión que chegou tras máis de tres anos e medio de investigación pero agora a Audiencia ratifícaa e resta importancia penal ás demoras dos tratamentos. 

Na causa estiveron imputados o director de Asistencia Sanitaria e á subdirectora de Farmacia do Sergas. No arquivo ditado hai un ano o xuíz instrutor, Andrés Lago Louro, considerou que non se podía relacionar causalmente as mortes con decisións expresas dos imputados: “Non podemos afirmar que a morte ou falecemento dos pacientes lles sexa imputable causalmente aos investigados”, indicou o maxistrado, quen subliñou que “o falecemento sobreveu por causas alleas á demora, omisión ou dilación na tramitación das peticións ou solicitudes de aplicación dos novos fármacos”.

Cargos do Sergas investigados nunha imaxe da TVG e fragmentos do auto da Audiencia da Coruña © CRTVG e Praza Pública

Agora a Audiencia ratifica esa visión e, malia que admite que puido haber demoras ou erros na xestión dos tratamentos, réstalles importancia penal. “Non estamos tampouco ante unha análise de xestión sanitaria”, di o auto do tribunal, que sinala que “han de ser os concretos comportamentos dos investigados relativos a cada unha das peticións de tratamento e non datos globais da súa xestión os que poden fundar a apreciación de indicios de criminalidade

A Audiencia chega a dicir que “desde logo é claramente deficiente a forma en que se plasmou na acta [o] acordo ou consenso sobre que pacientes debían ser priorizados, pero non se advirte que existan indicios suficientes, despois de anos de instrución, sobre quen nos atopemos ante unha actuación unilateral e arbitraria dos investigados”.

A Audiencia admite que puido haber erros de xestión e deficiencias pero di que os tribunais non poden entrar neles senón só na causalidade penal

O tribunal analiza caso por caso os falecementos e admite demoras nalgúns deles, pero considéraas menores. Así, por exemplo, nun dos casos ve “nula a posible relevancia penal desta mínima posposición (de finais de abril a comezos de maio) a indicación dos querelados da eventual tramitación da petición de autorización [do tratamento], absolutamente razoable dada a trascendencia da nova proposta”.

A Audiencia conclúe tamén que “non é posible considerar acto prevaricador penalmente perseguible o mero atraso, supostamente intencionado, na tramitación de expedientes que terían accedido [á subcomisión que decidía os tratamentos] cando tras esa demora se ditase a decisión de aprobación do tratamento”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.