A Audiencia de Pontevedra constata "irregularidades administrativas" pero absolve dous ex-alcaldes do PP de Nigrán xulgados por corrupción

Casa do Concello de Nigrán, onde foron alcaldes os populares Alfredo Rodríguez e Avelino Fernández CC-BY-SA HombreDHojalata

O tribunal reduce a "simple sospeita ou mera conxectura" a acusación da Fiscalía de que os implicados foros subornados pola empresa adxudicataria do contrato do lixo

A Audiencia Provincial de Pontevedra, a través da súa sala con sede en Vigo, vén de absolver os dous ex-alcaldes do PP de Nigrán -Alfredo Rodríguez e Avelino Fernández- xulgados hai uns días acusados pola Fiscalía de prevaricación e suborno polo suposto amaño en 2004 do contrato municipal do lixo. A sentenza, con data do 9 de xuño, constata "irregularidades administrativas" na contratación, pero non considera acreditados os delitos.

Cidade da Xustiza de Vigo CC-BY-SA Xunta de Galicia

Avelino Fernández foi alcalde de Nigrán polo PP entre 1987 e 1995, e en 1999 deixou a formación e fundou o seu propio partido, o PINN, co que posteriormente deu apoio á alcaldía que ocupou o tamén popular Alfredo Rodríguez Millares, no cargo entre 2003 e 2007 tras ser director xeral do Celta.

Foi durante o mandato de Rodríguez Millares cando este, segundo defendeu a Fiscalía no xuízo, impuxo os pregos de condicións do concurso do lixo. Uns pregos que non foron elaborados por ningún técnico municipal e cuxa autoría se descoñece. Posteriormente, sempre segundo a Fiscalía, os implicados na trama tomaron sucesivas decisión que acabaron supoñendo a adxudicación a Cespa. A cambio, sempre segundo a acusación da Fiscalía responsables da empresa asinaron, para que Cespa operase neles, “varios contratos de alugueiro de locais” que eran titularidade dos políticos implicados “en condicións moi vantaxosas para os arrendadores”.

Porén, a Audiencia de Pontevedra non considera acreditados os delitos. "Ao longo do xuízo certamente quedou acreditada a existencia dunha serie de irregularidades administrativas", di o tribunal, que enumera como exemplos "a forma de aparición do prego de condicións, ausencia de expediente de contratación do mesmo, falta de estudo económico previo, custodia do expediente polo alcalde...". Pero segundo a súa valoración estas "non deixan de ser meras irregularidades" que non bastan para constatar o delito de prevaricación, que consiste na toma dunha decisión arbitraria con coñecemento de que é inxusta e contraria á lei.

Sentenza da Audiencia de Pontevedra que absolve de corrupción (prevaricación e suborno) os dous ex-alcaldes de Nigrán do PP CC-BY-SA Praza Pública

A Audiencia tamén desbota o delito de suborno e di que "o feito de que os locais obxecto dos contratos asinados por Cespa pertenceran a funcionarios do Concello non deixaría de ser unha simple sospeita ou mera conxectura insuficiente en Dereito Penal"

Xunto cos dous ex-alcaldes, a Audiencia tamén absolve ao resto de empregados municipais e da empresa Cespa acusados. A sentenza non é firme e contra ela cabe recurso de apelación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.