A Audiencia de Pontevedra xulga dous ex-alcaldes do PP de Nigrán por amañar o contrato municipal do lixo

Casa do Concello de Nigrán, onde foron alcaldes os populares Alfredo Rodríguez e Avelino Fernández CC-BY-SA HombreDHojalata

A Fiscalía pide un ano de cadea e varios de inhabilitación para Alfredo Rodríguez e Avelino Fernández e outras penas e multas para responsables da empresa Cespa por uns feitos ocorridos en 2004 

A Audiencia Provincial de Pontevedra, a través da súa sala con sede en Vigo, comezará a xulgar esta semana a dous ex-alcaldes do PP de Nigrán, Alfredo Rodríguez e Avelino Fernández, e a varios empregados municipais e da empresa Cespa por amañar en 2004 en favor desa firma o contrato municipal de recollida do lixo e limpeza viaria. A Fiscalía pide para Rodríguez e Fernández polo delito de prevaricación un ano de cadea e cinco de inhabilitación para cada un e polo delito de suborno outro cinco anos de inhabilitación e multas de 50.000 e 4.000 euros respectivamente. 

Vista xeral de Nigrán CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral - Xunta de Galicia

Avelino Fernández foi alcalde de Nigrán polo PP entre 1987 e 1995, e en 1999 deixou a formación e fundou o seu propio partido, o PINN, co que posteriormente deu apoio á alcaldía que ocupou o tamén popular Alfredo Rodríguez Millares, no cargo entre 2003 e 2007 tras ser director xeral do Celta

Segundo a Fiscalía, que admite demoras durante a instrución do caso, Rodríguez recibiu da empresa implicada 102.000 euros e Fernández 88.000

Foi durante o mandato de Rodríguez Millares cando este, segundo a Fiscalía, impuxo os pregos de condicións do concurso do lixo. Uns pregos que non foron elaborados por ningún técnico municipal e cuxa autoría se descoñece. Posteriormente, sempre segundo a Fiscalía, os implicados na trama tomaron sucesivas decisión durante o concurso que acabaron supoñendo a adxudicación do mesmo a Cespa.

A cambio, responsables da empresa asinaron, para que Cespa operase neles, “varios contratos de alugueiro de locais” que eran titularidade dos políticos implicados “en condicións moi vantaxosas para os arrendadores”. Segundo a Fiscalía, Alfredo Rodríguez acabaría recibindo de Cespa pola adxudicación do contrato 102.000 euros, e Avelino Fernández 88.000 euros.

Cidade da Xustiza de Vigo CC-BY-SA Xunta de Galicia

A causa chega a xuízo tras unha longa investigación na que a propia Fiscalía admite demoras que poderían beneficiar aos acusados. Foi incoada en 2014 e “sufriu paralizacións á espera de informes periciais de abril de 2015 a setembro de 2018”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.