Nasas e 'el turronero', condenado por estafa: por que Bertín Osborne, Albert Rivera e Luis Figo acabaron nun centro comercial en Nigrán

Foto oficial da Xunta da inauguración do parque comercial Nasas en Nigrán CC-BY-SA Xunta de Galicia

O empresario gaditano José Luis López Fernández, sentenciado en 2011 nunha trama de pensións fraudulentas coñecida pola implicación da muller de Jesulín de Ubrique, leva tempo presentando os seus proxectos rodeado de caras coñecidas

Bertín Osborne, Luis Figo, Albert Rivera ou os toureiros Fran Rivera e José Padilla foron algúns dos asistentes o pasado 1 de decembro á inauguración do novo centro comercial Nasas, en Nigrán. A súa presenza viralizouse nas redes sociais e mesmo levou a un enfrontamento en Twitter entre o ex-futbolista portugués e o deputado de Compromís Joan Baldoví. Pero a razón da presenza de todas esas caras populares en Nigrán era unha persoa menos coñecida en Galicia, o empresario gaditano José Luis López Fernández, el turronero, un “emprendedor”, como se define a si mesmo, que comezou vendendo seguros e reconverteuse en promotor inmobiliario de proxectos como o agora inaugurado.

El turronero, o alcume co que é coñecido no seu Ubrique natal e que el mesmo emprega, adoita presentar os seus proxectos acompañado de amizades como as que congregou en Nigrán. Foron precisamente outras amizades as que o implicaron nunha trama de obtención de pensións fraudulentas da Seguridade Social pola que foi condenado en 2011 por falsidade documental e estafa, un proceso coñecido porque unha das persoas beneficiadas era a muller do toureiro Jesulín de Ubrique.

Centro comercial Nasas en Nigrán © Concello de Nigrán

A figura de José Luis López, el turronero, vén sendo descrita nos últimos anos na prensa estatal e andaluza, pero ata o de agora non acadara relevancia en Galicia. Nacido en 1963 en Ubrique, o seu alcume ten orixe nun negocio familiar, pero el iniciouse no sector da venda de seguros para despois pasar á promoción inmobiliaria, segundo el mesmo conta na web da Fundación López Mariscal, que impulsa coa súa familia para realizar actividades benéficas.

A través da empresa López Real Inversiones 2021 SL, el turronero vén desenvolvendo en diversos lugares do Estado proxectos inmobiliarios e comerciais de pequeno ou mediano tamaño, asociados en moitos casos a franquías como supermercados e restaurantes de comida rápida. No caso de Nigrán, un dos seus proxectos máis grandes, instalado no parque empresarial Porto do Molle, desenvolvido pola Zona Franca de Vigo, o seu complexo inclúe tendas de Eroski, Decathlon, Leroy Merlin, Kiabi ou Sprinter e locais de hostalería con franquicias como McDonalds ou KFC, ademais de establecementos locais.

José Luis López Fernández, "el turronero", na inauguración do seu centro comercial en Nigrán á esquerda de Alfonso Rueda e acompañado tamén polo delegado do Estado na Zona Franca, David Regades, e o alcalde de Nigrán, José González CC-BY-SA Xunta de Galicia

Segundo o relato da sentenza do 'caso Karlos', que implicou a María José Campanario, "el turronero" intercedeu ante outro dos condenados para tratar de conseguir pensións de incapacidade para amizades

López Fernández adoita saír nos medios de comunicación andaluces con todo tipo de persoas famosas invitadas a algunha das súas festas ou presentacións empresariais. Chenoa, Susanna Griso, Isabel Gemio, Paz Padilla ou Mario Conde son algúns dos nomes que comparten informacións e reportaxes con el turronero. Pero a prensa tamén se vén facendo eco de diversas condenas e casos xudiciais nos que estivo implicado, o máis rechamante o que supuxo a súa condena hai dez anos no denominado caso Karlos

Aquela foi unha trama de fraude na obtención de pensións da Seguridade Social coñecida pola implicación de María José Campanario, esposa do toureiro Jesulín de Ubrique, de cuxa familia, oriúnda da mesma vila, é amigo el turronero. López Fernández foi condenado en xullo de 2011 pola Audiencia Provincial de Cadiz nunha sentenza ratificada un ano máis tarde polo Tribunal Supremo. Segundo o relato xudicial, el turronero intercedeu ante outro dos condenados pola trama para tratar de conseguir unha pensión de incapacidade para varias amizades, entre elas a familia Campanario. Iso supuxo a súa condena como cooperador necesario dun delito continuado de falsidade en documento oficial en concurso medial cun delito continuado de estafa, polo que foi condenado a dous anos de cadea, na que non ingresou, e unha multa de preto de 5.000 euros.

Con estes antecedentes, el turronero contou na inauguración do seu centro comercial en Nigrán coa presenza entre outros de Bertín Osborne, Luis Figo, Albert Rivera ou os toureiros Fran Rivera e José Padilla. E tamén coa presenza do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, do delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades, e do alcalde de Nigrán, Juan González. A propia Xunta divulgou un comunicado e varias fotos oficiais do acto coas autoridades acompañadas de varios deses invitados.

A Xunta divulgou con varias fotos oficiais a presenza de Rueda na inauguración e salientou "o atractivo que supón para o Val Miñor" o novo parque comercial e a creación de postos de traballo

Na nota de prensa o Goberno galego salientou que Rueda “valorou o atractivo que supón para o Val Miñor” o novo parque comercial que “suporá unha oportunidade para o emprego”, cunha previsión de “350 postos de traballo directos e outros 150 indirectos”.

O propio Rueda divulgou a inauguración na súa conta de Twitter asegurando que o novo complexo "é o exemplo de que grandes marcas e comercio local poden convivir" e deu ao empresario "ánimo e grazas por investir en Galicia".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.