A Audiencia rexeita xulgar o ex-senador do PP acusado pola Fiscalía de mentir en defensa dun narco

Carlos Mantilla nun acto co ministro Luis de Guindos Dominio Público Google+ Carlos Mantilla

A Audiencia Provincial de Pontevedra vén de acordar o sobresemento da investigación aberta contra o ex-senador do PP Carlos Mantilla por supostamente mentir como perito xudicial en defensa dun narcotraficante. A xuíza instrutora propuxera a apertura de xuízo oral e o pasado xuño a Fiscalía emitira o seu escrito de acusación no que pedía ano e medio de prisión. Porén, o caso non chegará a xuízo por entender a Audiencia que os “indicios” relatados por xuíza e fiscal son “insuficientes”. A actuación pericial de Mantilla, di o tribunal, puido non ser rigorosa, pero ao seu ver non foi intencionada.

O tribunal di que os “indicios” contra Carlos Mantilla pola súa actuación como perito  son “insuficientes” e que puido actuar con pouco rigor pero non de xeito intencionado

Mantilla, avogado e economista e destacado dirixente do PP vigués durante tres décadas, nas que foi deputado e senador, actuou en 2014 como perito economista nun xuízo no que Juan Carlos González Martín, alias Culebras, resultou condenado por narcotráfico e branqueo. A Fiscalía acusou a Mantilla de mentir en defensa do narco xustificando como aforros os seus ingresos procedentes de actividades ilícitas e pediu para el ano e medio de cárcere, nove anos de inhabilitación como perito e multa de 3.000 euros.

Mantilla recorreu e o xoves da pasada semana a sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra con sede en Vigo emitiu un auto no que lle dá a razón. Segundo a Audiencia, os “indicios” recollidos pola xuíza instrutora como consecuencia do relato do fiscal “estímanse insuficientes para continuar o procedemento, pois non cabe confundir a deficiencia, insuficiencia, inexactitude ou lixeireza, se se quere, na elaboración dun ditame técnico, coa falsa testemuña que se imputa”. O tribunal di que “o feito de que non se achegue cos informes [de Mantilla no xuízo contra o narco] documentos e extractos que xustifiquen a procedencia do diñeiro poderá afectar á consideración do informe como carente de rigorosidade pero non de falsidade”. A Audiencia tamén engade que o propio tribunal que xulgou o narco non outorgou valor ao informe que realizou Mantilla “por estimarse que tiña moi pouco rigor científico, e iso non obstante non comportou que se emitise un informe baixo falsa testemuña” por parte daqueles xuíces.

“Como delito eminentemente intencional se requirirá non só a obxectiva falta de verdade na declaración ou ditame, senón ademais o dolo directo, consistente en coñecer a falsidade e querer así expresala”, di tamén a Audiencia

O tribunal tamén di, da acusación que pesaba sobre Mantilla, que “como delito eminentemente intencional se requirirá non só a obxectiva falta de verdade na declaración ou ditame, senón ademais o dolo directo, consistente en coñecer a falsidade e querer así expresala”. Por todo iso, a Audiencia considera que os “indicios” achegados por xuíza instrutora e fiscal “non son suficientes” para xulgar a Mantilla e acorda o sobresemento provisional das actuacións contra el.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.