A Xunta poderá impoñer a anexión dun concello en crise por outro saneado que acepte

Artigo da nova lei local que contempla a fusión dun concello en crise sen contar co seu acordo favorable CC-BY-SA Imaxe: Lameiro | Montaxe: Praza Pública

Mentres dure o proceso de fusión a deputación correspondente deberá facerse cargo "dos servizos mínimos necesarios"

Hai ano e medio o Goberno galego presentou un informe, avanzado en exclusiva por Praza.gal, no que analizou sete posibles fusións de concellos, ante o que o presidente Rueda asegurou que era unha simple análise de viabilidade e que só impulsaría as "voluntarias". Agora, tras anos de promesas, a Xunta vén de presentar o anteproxecto dunha nova Lei de Administración Local de Galicia e nel atribúese a posibilidade de impoñer a anexión dun concello en crise por parte doutro que estea saneado se este último o acepta, isto é, impoñendo a fusión ao concello máis débil.

A nova lei segue mantendo medidas da anterior para o "fomento" da fusión voluntaria de municipios, con diversas axudas económicas. Pero incorpora un novo artigo que faculta á Xunta a iniciar eses procesos "cando nun municipio o establecemento ou a prestación dos servizos mínimos resulte imposible ou de moi difícil cumprimento", para o que establece tres requisitos que se deben dar ao mesmo tempo: 

  • Que o concello "incumprise os obxectivos de estabilidade orzamentaria, débeda pública e regra de gasto durante os últimos cinco anos".
  • Que estea "en situación de reto demográfico".
  • Que fose "dispensado da prestación dos servizos públicos de prestación obrigatoria e que transcorrido o prazo máximo de duración desa dispensa, incluída a prórroga, incumprira a súa obriga de optar por unha das fórmulas de xestión asociativas" ou de fusión previstas na propia lei agora impulsada.

Para este tipo de fusión imposta "non será necesario acordo favorable" do concello en crise senón só dos demais concellos afectados. Isto é, na práctica produciríase unha anexión do concello en crise por outro concello veciño saneado.

A norma tamén establece que durante a tramitación destas fusións ou anexións "a deputación provincial correspondente subrogarase na prestación dos servizos mínimos necesarios".

Condicións para que un concello en crise poida ser anexionado por outro concello veciño solvente CC-BY-SA Praza Pública

Financiamento ponderado

O novo sistema de financiamento municipal pondera a poboación total cun 42,2% e a superficie cun 10,3%

A nova Lei de Administración Local tamén contempla un novo sistema de financiamento municipal que terá como principal instrumento un denominado Fondo Incondicionado Xeral no que serán ponderadas distintas variables: a poboación total (42,2%), poboación de 0 a 2 anos (4,2%), poboación de 16 a 65 anos (3%), poboación maior de 65 anos (10,2%), dispersión calculada segundo as entidades singulares de poboación (5,1%), superficie (10,3%), perda poboacional nos últimos cinco anos nos concellos declarados en situación de reto demográfico (5%) e o esforzo fiscal relativo que fai cada concello coa súa propia recadación (20%).

Ademais dese fondo xeral, haberá un Fondo Incondicionado por Gastos non Homoxéneos destinado a fomentar "investimentos en infraestruturas municipais de carácter estratéxico", a concellos que asuman "cargas singulares" como conservatorios ou grupos de emexencia supramunicipal, e fomentar as fusións, mancomunidades e outras formas de cooperación.

Rueda co conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, tras a aprobación este luns do anteproxecto de nova lei de administración local CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.