As fusións que vén de presentar a Xunta non son froito das conclusións dos investigadores senón que estes as elixiron 'a priori' como mostras representativas de Galicia para simular os efectos de cada unión pero sen chegar a recomendala
O pasado 19 de setembro a Xunta presentou un estudo encargado á Fundación Juana de Vega no que colaboraron as tres universidades que analiza sete posibles fusións de concellos, avanzadas en exclusiva uns días antes por Praza.gal. Pero por que esas sete fusións, que puxeron no foco aos concellos implicados e as súas corporacións municipais, e non outras? O documento non o di, pero as fusións en cuestión foron elixidas a priori, hai tres anos, cando a Xunta encargou o estudo, e non son froito das conclusións do mesmo.
Así pode comprobarse no convenio por 72.000 euros asinado o 11 de novembro de 2021 polo daquela vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, e a Fundación Juana de Vega. Aquel documento xa detallaba algunhas análises concretas que debía facer o estudo, entre elas "potenciais experiencias de fusión en Galicia: os municipios da comarca do Deza, Santiago de Compostela-Teo, Noia-Lousame, Sanxenxo-Meaño, Valadouro-Alfoz, Pereiro de Aguiar-Nogueira de Ramuín, etc." E esas foron exactamente as fusións finalmente analizadas, sen ningún etcétera máis.
Segundo as varias fontes consultadas na Xunta, a Fundación Juana de Vega e entre os autores, non foi o Goberno galego quen impuxo que fusións se debían analizar senón que estas foron propostas polos propios autores do estudo. Antes de asinarse o convenio houbo conversas previas e o esquema do mesmo "redactouno o equipo de investigación coordinado pola Fundación despois de diversas reunións". "A decisión foi tomada polo equipo de investigación das tres universidades galegas conformado e coordinado pola Fundación Juana de Vega para realizar este traballo, e obedece única e exclusivamente ao criterio deste equipo", din desde a fundación, asegurando que "ninguén nos impuxo nada".
Segundo un dos autores, escolleron mostras "representativas" de distintos tipos de fusión que foran publicando nos medios nos últimos anos
No congreso de presentación do documento o pasado día 19 o director da fundación e coordinador do estudo, José Manuel Andrade Calvo, salientou que as sete fusións analizadas no documento "non se trata de propostas, nós non facemos un estudo de propostas, facemos un estudo de casos" e que "os escollidos foron eses, podían ser outros".
Nin o convenio asinado hai tres anos nin o estudo agora feito público indican por que se escolleron eses sete casos e non outros, pero un dos investigadores implicados na selección previa á sinatura do convenio aclara algo a cuestión. Segundo di, a partir de casos de posibles fusións que se foran publicando nos medios de comunicación nos últimos anos tentaron elixir varios que fosen mostras "representativas" de distintos tipos de fusión que se poderían dar para así analizar as súas consecuencias fundamentalmente económicas.
Así, a fusión de Santiago e Teo, posta sobre a mesa en 2019 polos daquela alcaldes dos dous concellos, sería representativa das posibles unións dunha das sete cidades con algún dos seus concellos veciños. A fusión de Sanxenxo con Meaño sería representativa dun concello con algo menos de 20.000 habitantes que así lograría superar esa cifra. Mesmo algunha das moitas posibles opcións representativas dunha fusión de concellos de máis reducido tamaño foi elixida polo feito de que algún dos autores do estudo reside nun deses concellos, o que facilitaba un coñecemento moito máis directo para o estudo a elaborar.
"O que domina é unha hipótese académica", di un dos investigadores, que coincide coa Fundación Juana de Vega en desbotar unha intervención da Xunta para que as fusións incluídas hai tres anos no convenio fosen exactamente as mesmas, nin máis nin menos, que as finalmente analizadas.
O estudo non explicita o criterio de selección e malia primeiro distanciarse del, a Xunta acabou empregándoo para cargar contra a oposición facéndoo seu: "non é unha proposta dun partido, é unha proposta dun goberno"
O feito é que o informe finalmente elaborado e divulgado non di nada sobre o criterio de selección deses sete e non outros "estudos de caso", o que varias fontes coñecedoras deste tipo de documentos cualifican como unha "mala praxe". Pero tamén unha fonte da Fundación Juana de Vega lamenta que o estudo tardase tres anos en ver a luz, sen propostas de fusións tras todo ese tempo de estudo senón só "estudos de caso", e que o fixese rodeado da polémica previa sobre a falta de mulleres entre as persoas participantes no congreso de presentación organizado pola Xunta.
Neste contexto, o presidente Rueda, o mesmo que hai tres anos asinou en persoa o encargo do estudo coas sete fusións a estudar xa prefixadas, distanciouse delas cando foi preguntado pola súa propia valoración desas sete unións en concreto e cal vería con máis posibilidades. "É un informe encargado pola Xunta, non é da Xunta nin quere dicir que a Xunta asuma todos os seus postulados", dixo o presidente, que tampouco foi quen de dicir que fará agora o seu Goberno co estudo máis alá de insistir en que "non se producirá ningunha fusión se os concellos non están de acordo".
Pero tras esas palabras de Rueda distanciándose do documento, no congreso de presentación do estudo o seu sucesor como conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, decidiu criticar aos partidos da oposición por non participar naquel acto co argumento de que a alí presentada "non é unha proposta dun partido, é unha proposta dun goberno".