O conselleiro de presidencia di agora que o estudo que suxire 7 fusións "non é unha proposta dun partido, é unha proposta dun goberno", mentres os responsables do informe rebaixan o seu alcance
En Galicia hai hoxe 313 concellos, e a Xunta vén de presentar un estudo, encargado á Fundación Juana de Vega e coa colaboración das tres universidades, que suxire fusionar 16. A proposta foi avanzada en exclusiva o pasado domingo por Praza.gal e este xoves foi presentada oficialmente polo Goberno galego nun "congreso", pero cun limitado interese por parte dos concellos.
No hotel de Santiago elixido pola Xunta para a presentación e debate do estudo, con capacidade para 180 persoas, apenas se congregaron 120, fundamentalmente concelleiros e alcaldes do PP, unha moi pequena parte dos varios milleiros de representantes municipais que hai nos 313 concellos galegos. E declaracións cruzadas de varias das persoas que interviron non contribuíron a dar máis alcance ao informe.
Inicialmente a Xunta programara a participación no acto deste xoves dun alcalde do BNG, o de San Sadurniño, e ningún do PSdeG. O primeiro decidiu non acudir ao comprobar que das 16 persoas que ían intervir só unha era unha muller. E os socialistas responderon organizando este martes un acto cos seus alcaldes e alcaldesas para facer ver que gobernan a maioría dos principais municipios do país.
Malia marxinar así aos partidos da oposición, o acto deste xoves abriuno o conselleiro de Presidencia e responsable de administración local, Diego Calvo, reprochando "que as outras formacións políticas non queiran entrar neste debate" do mapa municipal e asegurou que a agora presentada "non é unha proposta dun partido, é unha proposta dun goberno". Unha afirmación contraria á que fixo o luns o presidente Rueda, que se distanciou do documento salientando que "é un informe encargado pola Xunta, non é da Xunta nin quere dicir que a Xunta asuma todos os seus postulados".
Pero este xoves aínda houbo máis versións sobre a paternidade ou alcance do estudo. O reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, asegurou que "este informe representa a posición duns universitarios, solventes e rigorosos, pero non é a posición da universidade, nós non temos que resolver este debate".
O director da Fundación Juana de Vega di que o estudo non fai propostas, "facemos un estudo de casos, os escollidos foron eses, podían ser outros"
Só uns minutos despois o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade, á que a Xunta encargou o estudo hai tres anos por 72.600 euros, aseguraba a respecto das 7 fusións analizadas no documento que "non se trata de propostas, nós non facemos un estudo de propostas, facemos un estudo de casos". "Os escollidos foron eses, podían ser outros", engadiu, sen aclarar por que se elixiron eses concellos e non outros, o que tampouco fai o documento.
O que si asumiron todos foi que a aposta xeral é polas fusións voluntarias. "A Xunta non vai fusionar a ninguén, que quede claro", asegurou Diego Calvo. "Non se fixo un estudo para fusionar obrigatoriamente a ninguén, seguimos crendo que o camiño é a voluntariedade", sentenciou. Unhas verbas que parecen asumir os resultados da enquisa elaborada para o estudo, na que a cidadanía consultada di que ve máis útiles outras melloras da xestión municipal que as fusións e se manifesta abertamente en contra desa posibilidade se afecta ao seu propio concello.