Este domingo Praza.gal avanzou en exclusiva que un informe encargado pola Xunta que será presentado o xoves propón sete posibles fusións de concellos en toda Galicia. Sobre ese documento pronunciouse este luns o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para presentalo como un "exercicio de transparencia" sobre o que pediu "debater" pero asegurando que o seu Goberno só impulsará as unións de concellos que sexan "voluntarias".
O presidente incide en que o estudo avanzado por Praza.gal foi "encargado pola Xunta" pero "non é da Xunta nin quere dicir que a Xunta asuma todos os postulados", pero deféndeo como "un exercicio de transparencia" sobre o que debater
O informe foi encargado pola Xunta hai tres anos, cando Rueda era o conselleiro con competencias en administración local, á Fundación Juana de Vega e foi realizado en colaboración coas tres universidades. Propón sete posibles fusións: de Santiago e Teo; Noia e Lousame;Sanxenxo e Meaño; Alfoz e O Valadouro; O Pereiro de Aguiar e Nogueira de Ramuín; e, xunto a eles, dúas propostas que implican a concellos dezaos, unha para toda a comarca (Agolada, Dozón, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces) e outra só para Lalín, Rodeiro e Dozón.
O documento tamén inclúe unha enquisa na que a cidadanía valora máis outras melloras da xestión municipal que a fusión de concellos, opción que é rexeitada cando o concello implicado é o da propia persoa enquisada.
Rueda elude apostar por ningunha das sete fusións propostas e di que "non se producirá ningunha fusión se os concellos non están de acordo"
Ante este documento, o presidente foi preguntado, na súa comparecencia posterior ao Consello da Xunta deste luns, como valora as sete propostas, cal ve máis factible e que vai facer a Xunta co informe. Rueda eludiu apostar por ningunha das sete fusións propostas e incidiu en que "é un informe encargado pola Xunta, non é da Xunta nin quere dicir que a Xunta asuma todos os seus postulados". "Pero é bo debatelo", engadiu a continuación, presentando o documento como un "exercicio de transparencia".
O presidente lembrou as dúas fusións impulsadas polos gobernos de Alberto Núñez Feijóo na pasada década -Oza dos Ríos e Cesuras en 2012 e Cerdedo e Cotobade en 2016- e amosou a súa opinión de que "é bo seguir debatendo deste tema". "Teño clarísimo que hai parámetros que imos seguir mantendo, a voluntariedade absoluta é un primeiro requisito fundamental", asegurou, para sentenciar que "non se producirá ningunha fusión se os concellos non están de acordo".
"Estas propostas que hai son propostas dos que fixeron o estudo e está ben debatelo como escenarios ideais", dixo Rueda, matizando que "cada unha responderá a criterios diferentes, e haberá criterios comúns", pero que "non significa que vaian ir adiante se non hai a vontade inequívoca como pasou coas fusións que xa saíron adiante".