O estudo encargado pola Xunta sobre fusións inclúe unha enquisa a mil persoas que deron 7,7 puntos sobre 10 á opción de mellorar a xestión municipal e 5,4 á de remodelar o mapa municipal
O estudo sobre fusión de concellos encargado pola Xunta á Fundación Juana de Vega e avanzado por Praza.gal que propón sete posibles unións inclúe tamén unha enquisa para coñecer a opinión da cidadanía galega sobre este tipo de procesos e outras medidas de mellora do funcionamento municipal. Foi realizada por Sondaxe en febreiro de 2022 con mil entrevistas entre maiores de idade e permite comprobar como a cidadanía aproba por pouco a posibilidade de reducir o número de concellos e considera máis útiles outras medidas de mellora da xestión municipal.
A pregunta sobre como valora cada enquisado de 0 a 10 a idoneidade de reducir o número de concellos incrementando o seu tamaño tivo un resultado medio de 5,6. O 16,7% dos enquisados amosáronse absolutamente en contra da medida, valorándoa cun 0, mentres unha cifra similar, o 16,8%, deulle o seu respaldo pleno, valorándoa cun 10. Polo medio, pouco máis do 30% deu unha puntuación entre 6 e 9, un 20% deu un 5, amosándose así "indiferente", e pouco máis dun 15% valorou a medida con entre 1 e 4 puntos.
A enquisa permitiu comprobar que os votantes do PP son os máis proclives ás fusións, seguidos dos do PSOE, mentres que os do BNG están próximos aos valores da baixa e nula crenza nesa medida.
Dentro das varias posibilidades de remodelación do mapa municipal a fusión voluntaria de concellos recibe unha valoración xeral de algo menos de 7 puntos, pero a pregunta pola fusión do propio concello da persoa enquisada fai baixar a puntuación a 4,6
Ademais de preguntar directamente polo mapa de concellos, a enquisa tamén ofreceu comparar as medidas nese eido da reestruturación municipal con outras. Así, os enquisados valoraron máis as medidas de mellora da xestión municipal (media de 7,7 puntos) ou a transferencia de máis fondos doutras administracións (7) que a idea de remodelar o mapa municipal (5,4 puntos de media, valoración similar ao 5,6 obtido cando se preguntou directamente pola idoneidade desa medida). Por detrás, cunha media de 4,5 puntos, quedou a proposta de incrementar a recadación.
Canto ás posibles actuacións en materia de planta municipal, a medida máis apoiada pola cidadanía consultada foi a de manter o actual mapa e procurar outras formas colaborativas entre concellos (7 puntos), mentres que no outro extremo a desaparición de concellos foi a menos valorada (2,1 puntos). Polo medio, de maior a menor preferencia situáronse a fusión voluntaria de concellos, potenciar a comarca, deixar a situación actual (5,4 puntos), a fusión obrigatoria dos concellos pequenos e a fusión obrigatoria de concellos grandes e/ou pequenos.
A veciñanza ve consecuencias tanto positivas como negativas da fusión de concellos, con tensións políticas e sociais e mellora da capacidade económica
Malia que a fusión voluntaria de concellos resultou ser só a segunda opción elixida pola cidadanía en materia de planta municipal, con algo menos de 7 puntos e por detrás de buscar outras colaboracións entre municipios como as mancomunidades, en abril de 2022, dous meses despois de realizarse a enquisa, a Xunta tentou orientar xa a opinión pública cara a esa opción. Naquel momento divulgou unha nota de prensa asegurando que "a cidadanía ten unha predisposición favorable á fusión voluntaria dos concellos (83%)", sen detallar de onde tiraba esa porcentaxe e obviando o resto de opcións da enquisa.
Aquela nota de prensa da Xunta tamén admitía que as porcentaxes de aceptación das fusións "diminúen cando a pregunta se fai sobre o propio concello", aínda que "tamén neste caso máis da metade da poboación (un 56%) estaría a favor da fusión", mentres que "tan só un 37% da poboación sería partidaria de realizar fusións obrigatorias".
Fronte a aquela nota de prensa, agora pode coñecerse a pregunta concreta que foi realizada á cidadanía: "Persoalmente, estaría máis ben a favor ou máis ben en contra de que fusionaran o seu concello con outro ou outros". A media xeral foi de 4,63 puntos, pero a Xunta optou por elixir outro dato, o de que o 56,5% das persoas entrevistadas deu 5 ou máis puntos na súa resposta. Nesa pregunta, o 30% das persoas deu un 0, isto é, amosouse completamente en contra da fusión do seu concello, fronte a algo menos do 15% que se amosou completamente a favor (10).
Canto ao que implicaría unha fusión de concellos, a enquisa amosa que a poboación cre que tería consecuencias tanto positivas como negativas. Así, a posibilidade de que haxa tensións políticas e sociais foi a máis contemplada pola cidadanía (6,5 puntos), seguida da mellora da capacidade económica dos concellos (6,2), a mellora na prestación de servizos á cidadanía (5,9) e que poida haber un distanciamento da cidadanía respecto da administración local (5,6).