A publicación dun informe encargado pola Xunta que propón sete posibles fusións de concellos en toda Galicia, avanzado en exclusiva por Praza.gal, trouxo de volta un vello debate sobre a organización municipal no país e a conveniencia de reducir o número de concellos. Na actualidade, son 313, despois das fusións promovidas nos últimos anos entre Oza dos Ríos e Cesuras (2013) e Cerdedo e Cotobade (2016).
Os 313 concellos galegos son apenas o 3,8% dos 8.131 existentes en todo o Estado e comunidades autónomas como Castela e León, Castela-A Mancha, Aragón, Navarra, A Rioxa ou Cataluña teñen municipios moito menos poboados
Nos últimos anos houbo numerosas propostas para avanzar noutras fusións, na procura de entidades de maior tamaño e con máis poboación que poidan ofrecer mellores servizos aos seus habitantes e cun custo menor. O Observatorio Municipal Galego, da Rede Localis, autor dalgunha destas propostas, subliñaba o pasado ano nun informe que os concellos pequenos gastan o mesmo que os grandes en servizos básicos malia ofrecer menos á súa veciñanza.
Hai moitos concellos en Galicia? Pois depende de con que se compare. Os 313 concellos galegos son apenas o 3,8% dos 8.131 existentes en todo o Estado. Galicia conta cunha poboación moi dispersa e suma máis de 30.000 entidades singulares de poboación, case a metade de todas as que existen no Estado Español. Porén, esta dispersión non se traduce nun número de concellos particularmente elevado, pois os termos municipais galegos aglutinan no seu interior un gran número de parroquias e, dentro delas, centos de núcleos.
Non parece que o número de concellos existentes nun territorio, a súa superficie ou o seu número de habitantes teñan que seguir unhas regras fixas. Semella que neste caso máis que o tamaño dos concellos, importa como se usen, é dicir: as súas competencias, servizos, financiamento e coordinación
Os concellos galegos están, polo tanto, moito máis poboados que os de Castela e León, Castela-A Mancha, Aragón, Navarra, A Rioxa ou Cataluña e tamén que os franceses. En cambio, son máis pequenos e teñen menos habitantes que os de Portugal, o Reino Unido ou, por poñer outro exemplo, Murcia ou Canarias.
Así pois, non parece que o número de concellos existentes nun territorio, a súa superficie ou o seu número de habitantes teñan que seguir unhas regras fixas. Semella que neste caso máis que o tamaño dos concellos, importa como se usen, é dicir: as súas competencias, servizos, financiamento e coordinación.
O debate sobre a redución do número de concellos non é exclusivo de Galicia e dáse tamén no resto do Estado español dende hai anos. Porén, a realidade é que nas últimas décadas o número de municipios existentes en España non só non diminuíu, senón que mesmo aumentou un chisco, pasando dos 8.097 de 1996 aos 8.131 actuais. O incremento concentrouse en Andalucía (+15), Estremadura (+6), Castela-A Mancha (+4) e Cataluña (+3), pero tamén Aragón, Canarias, Castela e León e País Vasco aumentaron as súas subdivisións.
Nas últimas décadas o número de municipios existentes en España non só non diminuíu, senón que mesmo aumentou un chisco. O incremento concentrouse en Andalucía (+15), Estremadura (+6), Castela-A Mancha (+4) e Cataluña (+3). Galicia o único territorio no que o número de concellos se reduciu dende 1996
Galicia o único territorio no que o número de concellos se reduciu dende 1996, de 314 e 313, nun período no que primeiro se produciu a escisión da Illa de Arousa, que en 1997 formou un termo municipal de seu, separado de Vilanova de Arousa e xa na pasada década as fusións de Oza-Cesuras e Cerdedo-Cotobade. Estas fusións racharon a anterior tendencia de aumento no número de concellos, que na década dos 80 dera lugar ao nacemento de Cariño e na dos 90 á de Burela.
En cambio, nas primeiras décadas do século XX o máis habitual fora a fusión de concellos (case sempre a través de absorcións a cargo das crecentes cidades), que provocou a desaparición de Oza, Serantes, Lavadores, Bouzas, Canedo, Conxo, Carril, Vilaxoán, Ponte Sampaio ou Xeve. Nesta ducia lembramos algúns destes concellos desaparecidos, e tamén outros, como Vilaoudriz, Acevedo do Río, Vilanova dos Infantes, Frea de Eirás ou Conzadoiro.
En Galicia non hai ningún concello con menos de 100 habitantes (no conxunto do Estado son máis de 1.300, o 17% do total) e só seis non chegan a 500 persoas empadroadas, mentres que no resto de España hai case catro mil, é dicir, a metade do total
O debate sobre a necesidade de levar a cabo fusións municipais centrouse ata agora especialmente nos concellos de menor tamaño, facendo fincapé nas dificultades que as entidades de menos de cinco mil, dous mil, ou mil habitantes teñen para ofrecer determinados servizos á súa poboación e tamén no maior custo que estes servizos supoñen para os concellos de menor tamaño.
Por iso, máis que a cifra total de concellos en cada lugar, se cadra resulta máis interesante observar o número destes concellos pouco poboados en cada territorio e o seu peso sobre o conxunto. Galicia conta con 313 concellos e Castela e León con 2.248; Cataluña e Castela-A Mancha teñen case mil e Aragón máis de 700; Navarra suma case 300 e A Rioxa 174. Pero cantos deles teñen menos de 5.000 habitantes? Cantos superan os mil habitantes? Cantos non chegan a 500 residentes?
O 64% dos concellos galegos teñen menos de 5.000 habitantes, fronte ao 84% dos concellos do conxunto do Estado. Porén, a gran diferenza atopámola dos municipios menos poboados: apenas o 11,5% dos galegos teñen menos de mil habitantes, fronte á media española do 61,5%
As estatísticas de cada comunidade autónoma amosan que os concellos galegos non están particularme pouco poboados, se os comparamos cos do resto do Estado español. Non hai ningún con menos de 100 habitantes (no conxunto do Estado son máis de 1.300, o 17% do total) e só seis non chegan a 500 persoas empadroadas: Negueira de Muñiz, A Teixeira, Beade, Larouco, Chandrexa de Queixa e Pontedeva, mentres que no resto de España hai case catro mil, é dicir, a metade do total. Outros 30 concellos galegos sitúanse entre 500 e 1.000 habitantes e, iso si, atopamos 82 entre mil e dous mil e outros 83 entre dous mil e cinco mil habitantes.
O 64% dos concellos galegos teñen menos de 5.000 habitantes, fronte ao 84% dos concellos do conxunto do Estado. Porén, a gran diferenza atopámola dos municipios menos poboados: apenas o 11,5% dos galegos teñen menos de mil habitantes, fronte á media española do 61,5%.
En Castela e León o 32% dos concellos teñen menos de cen habitantes e o 89% menos de mil
Galicia non é un territorio con concellos pouco poboados e presenta unha estrutura de organización territorial moi diferente á de Castela e León, onde o 32% dos concellos teñen menos de cen habitantes e o 89% menos de mil habitantes. Tamén á de Aragón (29% e 86%), A Rioxa (37% e 83%), Castela-A Mancha (29% e 70%) ou Navarra (17% e 70%).
Territorios como Cataluña teñen 332 municipios con menos de 500 habitantes e mesmo Madrid presenta unha proporción de concellos pouco poboados moi superior á galega.
Tan só Murcia e Canarias amosan unha organización territorial con municipios máis poboados que os galegos; Canarias, con 84 concellos, só conta cun caso no que baixe de mil habitantes, e Murcia, con 45, presenta dúas entidades por debaixo dos mil empadroados.
En cambio, Portugal conta cun número de cámaras municipais (308) moi semellante á existente en Galicia, pero cunha poboación e superficie moi superiores
E que pasa se comparamos a estrutura municipal de Galicia coa doutros países da nosa contorna? Pois atopamos realidades moi distintas se a comparación se establece con Portugal, con Francia, con Italia, Alemaña ou co Reino Unido. Os concellos galegos, neste caso, serían moito máis pequenos e menos poboados que os concelhos portugueses ou que os districts do Reino Unido. De feito, Portugal conta cun número de cámaras municipais (308) moi semellante á existente en Galicia, pero cunha poboación e superficie moi superiores.
A poboación media dos gemeinden alemáns e das comuni italianas é equiparable á dos concellos galegos, aínda que en realidade o tamaño medio dos municipios do noso país é superior. En cambio, Francia presenta unha distribución en 35.000 communes moito menos poboadas que as españolas (e menos aínda que as galegas) e con menos superficie media.