Marcos Pérez Pena

Unha ducia de concellos galegos que xa non existen

Hai unhas semanas constituíronse as novas corporacións locais nun total de 311 concellos, a cifra resultantes das dúas últimas fusións en Oza-Cesuras e Cerdedo-Cotobade (os dous que faltan, Monterroso e Burela, farano proximamente). Porén, moito antes diso, foron moitos os concellos que desapareceron ao longo do século XX, como xa lembramos nesta reportaxe. Oza, Bouzas, Lavadores, Conxo, Serantes, Xeve, Canedo, Carril, Vilaxoán..., absorbidos na súa maior parte por cidades que estaban a experimentar un gran crecemento urbano.

  1. 01

    Oza

    En 1912 o Concello de Oza integrouse no da Coruña, que ata ese momento ocupaba pouco máis que os actuais barrios de Monte Alto, a Cidade Vella e Pescadería. Oza sumaba daquela case 10 mil habitantes e tiña o dobre de tamaño, pero o crecemento urbano da cidade herculina, unido ás débedas da corporación, obrigaron á fusión por absorción. O desparecido concello tivo primeiro a súa capital no núcleo formado a na contorna da Igrexa de Oza e despois en Monelos, conservándose aínda a derradeira casa consistorial (hoxe un inmoble abandonado) a carón do Parque de Oza.

  2. 02

    Conxo

    Máis recente aínda foi a integración do Concello de Conxo no de Santiago, en 1925. No termo municipal de Conxo, que abranguía boa parte do sur e do leste do actual concello compostelán, naceu por exemplo Rosalía de Castro. E alí tivo lugar, por suposto, o Banquete de Conxo. Non foi a única anexión do Concello de Santiago, que en 1962 incorporou o tamén desaparecido Concello da Enfesta, que incluía boa para da zona rural do norte da localidade

  3. 03

    Lavadores

    O Concello de Lavadores, incorporado a Vigo en 1941, era coñecido durante os anos 20 e 30 como "a pequena Rusia", pola intensa actividade política e sindical dos obreiros e mariñeiros que aquí vivían, un núcleo importante do Partido Comunista e máis da CNT. Ocupaba un total de 56 quilómetros cadrados, dende Teis a Beade e Zamáns, ao longo do Val do Fragoso, e en 1940 sumaba 39.000 habitantes. Nos días posteriores ao 18 de xullo de 1936 conformou unha das zonas de maior resistencia á sublevación fascista en toda Galicia.

  4. 04

    Serantes

    Todas as cidades galegas (agás Lugo) incorporaron durante o século XX algún dos concellos da súa contorna, en procesos de expansión que significaron a fin, por exemplo, do Concello de Serantes, unido a Ferrol dende o ano 1940 cando contaba cuns 20 mil habitantes. Abranguía a totalidade da zona rural da actual cidade naval, así como Caranza, San Xoán ou Santa Mariña. Aínda se conserva a súa Casa Consistorial, que hoxe é un Centro de Saúde.

  5. 05

    Bouzas

    Ademais de Lavadores, o Concello de Vigo creceu coa anexión do antigo Concello de Bouzas, en 1904. Abranguía non só o actual Bouzas, senón tamén Coia, Alcabre, Navia ou Matamá, sumando máis de sete mil habitantes. Aínda se conserva a súa Casa Consistorial, situada na Rúa do Pazo.

  6. 06

    Canedo

    O Concello de Canedo existiu entre 1943 lindeiro co de Ourense, no que se integrou nese momento, no que sumaba uns 10 mil habitantes, ocupando toda a parte norte do actual termo municipal. O Miño marcaba a fronteira entre os dous concellos e o de Canedo experimentou un crecemento moi importante nas últimas décadas do século XIX trala inauguración das estradas a Vigo e a Compostela e a construción da estación de ferrocarril ourensá, que se siutaba no seu termo municipal

  7. 07

    Vilaoudriz

    O Concello de Vilaoudriz funcionou entre 1845 e 1963 en que se fusionou no concello da Pontenova. Vilaoudriz era xa o resultado da fusión dos antigos concellos de Miranda e Conforto. A partir de 1963 o concello resultante foi denominado Puente Nuevo Vilaoudriz, ata que en 1979 mudou o seu nome polo de A Pontenova

  8. 08

    Carril

    O Concello de Carril existou ata o ano 1913, momento en que foi integrado no de Vilagarcía de Arousa, a pesar da oposición da maioría dos seus máis de 3.000 habitantes. A Carril chegara en 1873 a primeira liña de ferrocarril galega (curiosamente con orixe noutro concello desaparecido: Conxo)

  9. 09

    Vilaxoán

    Xunto coa anexión de Carril polo de Vilagarcía, en 1913 chegou tamén a do antigo concello de Vilaxoán de Arousa, que sumaba outros catro mil habitantes (Vilagarcía tiña ao redor de 7.000 e pasou a duplicar esa cantidade). Ao igual que Carril, Vilaxoán mantén unha personalidade propia. Tamén o antigo concello de Saiar (que se integrou no de Caldas de Reis) estivo preto de incorporarse ao de Vilagarcía

  10. 10

    Ponte Sampaio

    A actual cidade de Pontevedra integrou nas últimas décadas do século XIX e nas primeiras do XX un gran número de concellos da súa contorna, que hoxe constitúen boa parte do espazo rural da localidade: Mourente, Alba, Salcedo, Verducido, Ponte Sampaio, Xeve... As dúas fusións máis recentes foron estas últimas. Ponte Sampaio foi concello ata o ano 1960, cando se achegaba aos dous mil habitantes.

  11. 11

    Xeve

    O antigo concello de Xeve, que incluía xa o de Verducido, integrouse no Concello de Pontevedra en 1944, cando sumaba case 3.500 habitantes, abranguendo a actual zona norte da localidade. Consérvase aínda a antiga Casa Consistorial

  12. 12

    Acevedo do Río e Vilanova dos Infantes

    Celanova integrou dous concellos, Vilanova dos Infantes (1927) e Acevedo do Río (1967), que sumaban algo máis de dous mil e de mil habitantes, respectivamente. 
    A lista podería continuar cos antigos concellos de Frea de Eirás e Vilameá de Ramirás, que se fusionaron en 1926 no actual Concello de Ramirás. Ou os concellos de Conzadoiro, Freires e San Adrián, que se integraron no Concello de Ortigueira en 1842.