O TSXG censura que se tirasen sen analizar pola Xunta Electoral seis votos nulos que poderían dar un concelleiro a unha formación independente pero que non porían en perigo a continuidade na alcaldía do PSdeG
A cidadanía de Burela que vota na mesa electoral 1.5.U deberá volver a facelo antes de tres meses para elixir novamente os seus representantes municipais. Así o vén de establecer o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que nunha sentenza con data deste mércores divulgada este xoves invalida o escrutinio realizado no seu momento porque os membros desa mesa non enviaron para ser analizados pola Xunta Electoral seis votos declarados nulos que poderían dar o seu primeiro concelleiro na vila a Burela Sempre. A repetición dos comicios non poría en perigo a continuidade na alcaldía do socialista Alfredo Llano, con 6 concelleiros que lle dan unha ampla marxe como forza máis votada ante posibles cambios nesa mesa fronte aos 4 concelleiros do PP e 3 do BNG nunha Corporación de 13 edís.
A constitución da Deputación de Lugo estaba bloqueada á espera desta sentenza e da que onte ratificou a alcaldía de Monterroso para outro independente
Na provincia de Lugo os concellos de Burela e Monterroso non investiron alcalde ou alcaldesa o pasado 15 de xuño, como o resto de municipios, pendentes do resultado de recursos xudiciais interpostos contra os escrutinios, o que implicou á súa vez un atraso na constitución da Deputación de Lugo. En Monterroso o TSXG resolveu este mércores manter a nulidade dun voto que o PSdeG reclamaba para si, o que ratifica que a alcaldía nesa vila será para Independentes por Monterroso, formación que lidera o ex-socialista Antonio Gato. E malia que no caso de Burela o tribunal ordena que se repitan as eleccións nunha mesa, iso non afectará á Deputación. A lei electoral establece que a constitución das deputacións se paralice ata que se resolvan os recursos xudiciais contra os escrutinios, pero establece que se desbloquee o procedemento unha vez emitidas as sentenzas e malia que estas ordenen a repetición dos comicios nalgunha vila.
No caso de Burela, a formación independente Burela Sempre, unha das varias candidaturas impulsadas en diversas vilas polo alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, expulsado do PSdeG, recorreu á xustiza por estimar que algunha das seis papeletas consideradas nulas na mesa en cuestión podía darlle o voto que precisaba para lograr o seu primeiro concelleiro na vila en detrimento do terceiro do BNG, o último en repartirse. O TSXG dálle a razón lembrando que esas papeletas deberon ser incluídas nos envíos que as mesas electorais fan ás xuntas electorais para que estas revisen os escrutinios, algo que non se fixo, o que impediu revisar se eran efectivamente votos nulos.
“Se algún dos 6 votos nulos se validase e pertencese a Burela Sempre, esta formación obtería representación no municipio de Burela", admite o TSXG
“Se algún dos 6 votos nulos se validase pola xunta electoral de zona, e pertencese a Burela Sempre, esta formación política obtería o concelleiro número 13 da Corporación municipal, e polo tanto obtería representación no municipio de Burela, sempre e cando ningún dos votos restantes fose favorable ao BNG”, explica o TSXG. O tribunal engade que “se produciu, polo tanto, unha evidente irregularidade e incumprimento por parte da Mesa Electoral, que, como vimos, estaba obrigada a non destruír as papeletas ás que se negara validez, as cales tiñan que unirse á acta de escrutinio e arquivarse con ela, unha vez rubricadas polos membros da Mesa”.