Tal día coma hoxe de hai 30 anos, o 28 de xullo de 1992, Fidel Castro chegou entre unha enorme multitude á parroquia e Armea, en Láncara. Acompañábao Manuel Fraga, presidente da Xunta dende dous anos antes, e con eles ía unha enorme comitiva na que se mesturaban dende militantes da Unión do Povo Galego e doutras formacións comunistas a incontables membros do PP. Entre uns e outros, membros da escolta do daquela presidente cubano.
O mandatario comunista chegara a Galicia un día un día antes convidado polo propio Fraga, que o recibira con todas as honras malia á incomodidade que a visita espertaba na dirección do PP de José María Aznar. A visita virou en festa e deixou unha manchea de imaxes históricas. Entre elas, a de Castro visitando a casa natal do seu pai, Ángel Castro, na parroquia lancaresa, que tres décadas despois vén de reabrir como museo dedicado á familia e á emigración galega en Cuba.

A restauración da vivenda e a propia creación da Casa Museo Ángel Castro e Centro de Interpretación da Emigración Galega volveu dar lugar a encontros improbables cunha pluralidade política e ideolóxica semellante á daquela visita de hai trinta ano. Aínda que sen o xantar-romaría celebrado en xullo de 1992.
Unha ampla comitiva institucional inaugura a Casa Museo Ángel Castro e Centro de Interpretación da Emigración Galega no trixésimo aniversario da visita do mandatario cubano a Galicia por convite de Fraga
O proxecto impulsouno a Asociación Amistad y Solidaridad Láncara-Cuba, á que a familia Castro lle cedeu a vivenda. Naceu co apoio explícito do Concello, da Deputación de Lugo e mesmo da Confederación de Empresarios da Provincia. Foi inaugurado este 28 de xullo de 2022 pola entidade promotora xunto cunha ampla comitiva institucional encabezada polo presidente da Deputación lucense, José Tomé (PSdeG) e o embaixador de Cuba en España, Marcelino Medina, xunto co tenente da alcaldía de Láncara e deputado provincial, Pablo Rivera (PSdeG).
Xunto a eles cortou a cinta coas cores da bandeira galega o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias (PP). Asistiron, ademais, representantes do Goberno de España, das tres forzas políticas con representación no Parlamento e na Deputación (PP, BNG e PSdeG) e de institucións como o Consello da Cultura a través da súa presidenta, Rosario Álvarez. Tamén representantes da Asemblea Nacional de Cuba, entre outros.
O espazo, explica a asociación, aborda catro temas: "a emigración galega cara ás Américas, a vida de Ángel Castro Argiz, as visitas dos Castro Ruz a Láncara e o seu papel na historia de Cuba". As antigas cortes da vivenda son o espazo expositivo en sentido estrito e conta, ademais, cunha área para proxección audiovisuais.
"Nin a distancia xeográfica nin os distintos avatares da historia puideron separar a galegos e cubanos".
Defende Tomé que "este é un museo especial, porque Cuba ocupa un lugar especial no corazón dos lucenses" e do resto da poboación galega. "No século XX chegaron a Cuba uns 378.000 galegos e galegas e Lugo foi a provincia que máis capital humano achegou". "Case todos -evoca- tivemos un familiar en Cuba, as historias que nos contaban de nenos estaban cheas de alusións ás cores do Caribe, a outros acentos, outras músicas, a outra maneira de ollar o Atlántico" e por iso "nin a distancia xeográfica nin os distintos avatares da historia puideron separar a galegos e cubanos".
Así, sinala o mandatario provincial, este novo museo "será un novo foco para conservar a historia conxunta e será o xermolo para seguirmos traballando xuntos no futuro". Para a subdelegada do Goberno de España en Lugo, Isabel Rodríguez, esta "homenaxe" á emigración galega é "un acto de xustiza" e di esperar tamén que a Casa Museo "sirva para estreitar os lazos de amizade e afecto" con Cuba, onde emigrou "un galego que deixou Láncara para construír unha nova vida en Cuba, onde fundou unha familia que chegou a formar parte dos libros de historia".
