A Cátedra do Camiño de Santiago e as peregrinacións, impulsada pola Xunta e a USC para “a difusión dos valores asociados coa peregrinación e inherentes ao Camiño” e na que as dúas institucións públicas permiten que a Igrexa teña capacidade para nomear e vetar o equipo directivo, comeza o seu funcionamento este luns. Faino máis dun ano despois da sinatura do convenio que a creou e a catro meses do remate da súa vixencia cunha serie de catro conferencias no Centro de Recepción de Peregrinos da rúa Carretas de Santiago. Na súa presentación, o deán da Catedral, Segundo Pérez, salientou a importancia da iniciativa para a “dimensión profunda” da peregrinación “máis aló da cantidade de xente que veña” xa que “do cuantitativo xa se encarga o Xacobeo e Turismo”.
O deán da Catedral salienta a súa importancia para a “dimensión profunda” da peregrinación “máis aló da cantidade de xente que veña” xa que “do cuantitativo xa se encarga o Xacobeo e Turismo”
A Cátedra do Camiño e as peregrinacións foi anunciada polo propio presidente Feijóo hai máis de un ano, no Consello da Xunta do 28 de xullo de 2016. O convenio para a súa posta en marcha asinárono a directora de Turismo, Nava Castro; o reitor da USC, Juan Viaño; e o deán da Catedral, Segundo Pérez, o 19 de agosto do ano pasado sen que daquela transcendese. A Xunta incluíuno no seu rexistro de convenios un mes máis tarde, o 16 de setembro, pero non foi ata catro meses despois, o 19 de decembro, que o Goberno galego convocou aos medios de comunicación a un suposto “acto de sinatura do convenio” entre as mesmas tres persoas. Nese acordo contémplase que a Cátedra está financiada con 40.000 euros procedentes da Axencia Turismo de Galicia, mentres que a Catedral limítase a facilitar a súa sede no Centro de Recepción de Peregrinos da súa propiedade pero tamén remodelado hai dous anos con fondos autonómicos.
Malia que o convenio contempla que pode ser renovado cun novo acordo entre as partes, como así ratificou a Xunta este luns, o seu prazo inicial de vixencia remata o 31 de decembro deste ano. Este luns, un ano despois de asinado e a catro meses do seu remate, as tres partes que o subscribiron compareceron para informar das primeiras actividades da nova Cátedra. Consistirán nunha serie de catro conferencias a cargo de profesores universitarios sobre representacións artísticas vinculadas ao Camiño de Santiago.
Segundo a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a Cátedra “dá resposta a unha vella aspiración da sociedade galega”.
Na rolda de prensa, tanto a directora de Turismo, Nava Castro, como o director da Cátedra, o profesor de Historia na USC Domingo González Lopo, xustificaron a demora dun ano na posta en marcha das actividades nos traballos necesarios para organizalas. Tamén avanzaron que, tras estas conferencias, a Cátedra organizará en outubro un seminario co gallo do 30 aniversario do nomeamento do Camiño como primeiro itinerario cultural europeo e colaborará cun Congreso sobre a materia que se celebrará en novembro. Igualmente, anunciaron a creación dun premio para traballos de investigación sobre o Camiño. Segundo Nava Castro, a Cátedra “dá resposta a unha vella aspiración da sociedade galega”.
Pola súa banda, en plena polémica sobre os efectos prexudiciais do turismo de masas, e despois dun verán no que a Xunta seguiu a presumir del ao tempo que evidenciaba os seus efectos en espazos como as illas Cíes, o deán da Catedral, Segundo Pérez, realizou unha intervención na que salientou a importancia da Cátedra do Camiño para a “dimensión profunda” da peregrinación.
Para o deán, a Cátedra e o Centro de Recepción de Peregrinos que a alberga están “máis aló do número e da cantidade de xente que veña, é a forma que temos de acollela e sobre todo de descubrir a dimensión profunda que conleva”. Segundo dixo, do outro aspecto da peregrinación, do “cuantitativo”, “xa se encargan o Xacobeo e Turismo de medilo”. Precisamente o pasado xoves a Xunta presumía dun novo récord de peregrinos coa chegada de 200.000 nos oito primeiros meses do ano, un 4% máis que no mesmo período do ano pasado.