O 6 de decembro é, segundo o calendario de días festivos vixente en todo o Estado, o Día da Constitución, e nel conmemoráse o referendo da Carta Magna española, celebrado nese día en 1978. Corenta e sete anos antes en Galicia celebrouse outra 'constitución', menos lembrada na actualidade pero de importancia para o país dada a súa influencia, por exemplo, na loita polo Estatuto de Autonomía de 1936, base para o acceso ao réxime autonómico posterior ao franquismo. Esta 'constitución' foi a do Partido Galeguista (PG) que, convocada como "VII Asambreia do nacionalismo" tiña como obxectivo fundamental, segundo deixou escrito Alexandre Bóveda, a "unificación da laboura galeguista en toda Galiza".
Ao abeiro da dinámica iniciada na primeira asemblea nacionalista de 1918, auspiciada polas Irmandades da Fala e celebrada en Lugo, os grupo de galeguistas de Pontevedra -entre os que estaba o propio Bóveda, ademais de Cruz Gallástegui, Filqueira Valverde e moitos outros- foi, xunto co da Coruña, o gran animador do proceso previo á asemblea, á que concorreron dende outros puntos do país persoeiros como Valentín Paz Andrade, Manuel Lugrís Freire, Antonio Alonso Ríos, Álvaro das Casas ou o propio Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Durante unha xornada preparatoria e dúas máis da propia asemblea, os galeguistas definiron o seu modelo organizativo e os principais obxectivos polos que loitarían no contexto da II República Española, acabada de estrear apenas oito meses antes.
O xermolo do PG está nas asembleas nacionalistas impulsadas polas Irmandades da Fala
Co dereito de autodeterminación como horizonte, o obxectivo político máis inmediato polo que decidiu loitar o PG foi o Estatuto de Autonomía no marco republicano. Xunto a estas grandes liñas, da asemblea de Pontevedra emanou un primeiro "programa de acción" para comezar o traballo político desta primeira organización unitaria do nacionalismo. No seu limiar os membros fundadores do partido incluíron, moi sinteticamente, a súa definición do país: "unidade cultural", "pobo autónomo", "comunidade cooperativa", "célula de universalidade".
Estatuto e fin das deputacións
No que se pode considerar como primeira proposta programática do PG é posible atopar reivindicacións moi propias da época xunto con outras que aínda permanecen vivas no debate político galego. Así, por exemplo, no que atinxe á "organización de Galicia" os galeguistas reclamaban a "creación dun organismo galego con base exclusivamente democrática e con facultades deliberantes para rexir, con autonomía integral, os intereses de Galicia". A "aspiración mínima e inmediata" sería que ese organismo lograse a "atribución do máximo de facultades que a Constitución da República concede aos territorios autónomos".
A creación dun organismo galego de goberno tería que traer consigo "a conseguinte supresión das deputacións"
A posta en marcha dun organismo de goberno autónomo para Galicia tería que traer consigo, a xuízo dos galeguistas, a "conseguinte supresión das deputacións provinciais", "plena autonomía municipal, recoñecendo a personalidade administrativa da parroquia rural e da comarca" e a "incorporación a Galicia das terras colindantes que teñan comunidade étnica, histórica e lingüística con ela, sempre que se determiñen a isto por medio do plebiscito". Algúns destes principios ficarían tamén reflectidos, pouco despois, nos traballos de elaboración do Estatuto.
Democracia directa e veto á corrupción
O mesmo documento bosquexaba tamén unha proposta de funcionamento político ordinario para o país, a comezar pola "igualdade de dereitos políticos para a muller" e a "incapacidade dos que, podendo, non rendan función útil á colectividade, para seren elixidos para cargos políticos". Abordábanse tamén neste apartado cuestións aínda pendentes na actualidade, como "unha fórmula que permita os emigrantes ter representación directa na organización política de Galicia", a "representación proporcional, con grandes circunscricións" ou a "adopción de procedimentos eficaces que eviten a corrupción electoral e o falseamento da vontade popular". Todo isto produciríase nun contexto de "práctica da democracia directa" nas institucións galegas, con mecanismos como o "referendo" e o "concello aberto".
Os galeguistas reclamaban "igualdade de dereitos políticos para a muller", "procedimentos para evitar a corrupción electoral" e un "imposto progresivo sobre a renda"
Nun escenario no que os responsables políticos terían, a xuízo do PG, que ter "responsabilidade económica" se lles causasen "dano aos particulares" dende a Administración, o programa galeguista abordou tamén cuestións sectoriais, como necesidade de que se aplicasen en Galicia "as normas internacionais da lexislación do traballo", incluíndo o "recoñecemento dos dereitos sindicais" e a "eliminación dos menores de 16 anos do traballo industrial". Do mesmo xeito, propúñanse "medidas lexislativas que favorezan a organización cooperativa e sindicación" no agro galego, a "repoboación forestal patrimonio de Galicia" ou a "regulamentación da edificación rural en orde á hixiente e de acordo co arte paisán". Para isto último estableceríanse "estímulos económicos".
A concentración parcelaria, a fin dos foros, o arrendamento de fincas ou a "exención da contribución" dos predios dos pequenos propietarios eran outras das iniciativas daquel primixenio programa galeguista, que non esqueceu iniciativas fiscais como o "dereito de expropiación nos casos de ocultación fraudulenta" ou a "creación dun imposto progresivo sobre a renda", plans para a "galeguización do ensino" ou cuestións tan específicas da época como a "igualdade de dereitos civís para a muller casada no caso de emigración do marido".