Os populares votan en conta da proposta de Fernando de Abel Vilela como adxunto á Valedora do Pobo, rompendo así o tradicional acordo polo que o principal partido da oposición pode escoller un candidato para este posto
Fernando de Abel Vilela, profesor de Dereito Administrativo proposto polo BNG para ocupar o posto para o ocupar o posto de adxunto á Valedora do Pobo, non accederá ao cargo polo veto do Partido Popular. A Comisión de Peticións do Parlamento de Galicia votou este venres pola mañá a súa designación, que contou cos votos favorables de BNG e Democracia Ourensana, o voto en contra do PP e a abstención do PSdeG.
A votación confirma o veto do PP, expresado xa nos últimos días, e leva á ruptura do tradicional pacto polo que o principal grupo da cámara escolle á persoa que dirixe a institución pero o principal grupo da oposición designa un adxunto ou adxunta (anteriormente coa denominación de vicevaledor ou vicevaledora). Este acordo resultou ata agora case que imprescindible, pois o Valedor ou Valedora debe ser elixido por tres quintas partes do Parlamento, é dicir, por 45 deputados e deputadas (na actualidade o PP ten 40).
Prado cualificou a Fernando de Abel Vilela, profesor de Dereito administrativo e membro da directiva de Adega, de "activista" e afirmou que non cumpre coas condicións legais para o cargo, a pesar de que así o acreditou a Mesa do Parlamento
En decembro coñeceuse a proposta do PP para que recuncase no cargo a actual Valedora, María Dolores Fernández Galiño, para o que ofreceu ao BNG un acordo para que a formación fixese a súa proposta para a figura de adxunto ou adxunta, escollendo os nacionalistas a Fernando de Abel Vilela, un candidato cuxa idoneidade legal acreditou a mesa do Parlamento, unha acreditación asinada como corresponde polo presidente da cámara, Miguel Santalices.
Paula Prado: Fernando de Abel Vilela, "un activista"
Porén, este venres o PP consumou o veto a Fernando de Abel Vilela cos mesmos argumentos que xa fora apuntando nos últimos días. A voceira popular, Paula Prado, cualificou o profesor de Dereito Administrativo de "activista" e subliñou especialmente a súa vinculación á organización ecoloxista Adega, da que é membro da súa directiva, ocupando tras a súa asemblea do pasado outubro a vogalía de Dereito Ambiental.
De Abel Vilela vén asesorando xuridicamente a diversos colectivos e entidades sociais de toda Galicia en contra de proxectos empresariais con impacto no territorio, como os parques eólicos. Así o fixo, por exemplo, coa fábrica de Altri a petición de Adega.
Olalla Rodil cualificou a negativa do PP de "veto político sen precedentes", unha decisión que "racha o consenso histórico" existente dende os inicios da autonomía
Prado, que cualificou a Adega de "marca branca" do BNG, afirmou que Fernando de Abel Vilela é "un activista que pasou de empresario do eólico a activista do eólico" e dixo que se trataba dun "candidato sen ningún tipo de formalismo nin consenso", acusando o Bloque de non ter realizado a proposta de xeito adecuado. "Que imos esperar dos do non", aproveitou para espetar. "Pretenden chamar consenso á imposición dun candidato que non contan co apoio da cámara", afirmou, esquecendo a norma non escrita que rexe no autogoberno galego dende hai décadas. Ademais, afirmou que Fernando de Abel Vilela non cumpría as condicións legais para ocupar o posto debido ao seu vencello a Adega, a pesar de que nos últimos días a Mesa do Parlamento si acreditara esta legalidade.
Paula Prado recoñeceu que Fernando de Abel Vilela ten un "currículo respectable", pero engadiu que "temos que rexeitar a este candidato non polo currículo que presentaron, senón polo que non presentaron". E defendeu que a Valeduría do Pobo traballa "dende a independencia e o rigor, non dende o activismo". Na súa breve intervención tivo mesmo tempo para criticar a Pedro Sánchez, do que dixo que, dende que accedeu ao Goberno do Estado optou por introducir nas institucións a "comisarios políticos e non perfís independentes", crítica que fixo extensible neste caso ao BNG.
Rodil preguntouse "que lle molesta ao PP? Que defenda o medio ambiente e o territorio?"
Olalla Rodil: "O PP non veta un candidato do BNG, veta o pluralismo da sociedade galega porque non a toleran"
A intervención de Paula Prado foi a derradeira, pero xa previamente a voceira do BNG, Olalla Rodil, anticipara o voto contrario dos populares, anunciado nos últimos días. Rodil cualificou a negativa do PP de "veto político sen precedentes", unha decisión que "racha o consenso histórico" existente dende os inicios da autonomía e pediu aos populares que "respecten os acordos que rexen neste país dende hai 40 anos".
Rodil preguntouse "que lle molesta ao PP? Que defenda o medio ambiente e o territorio?". "Optamos por un perfil vinculado ao dereito público para que contribuíse á Valeduría do Pobo. Iso é o que lle molesta? Que faga ben o seu traballo?, dixo a deputada, que defendeu a "traxectoria académica impecable" de Fernando de Abel Vilela. "Non soportan que defenda este país fronte aos abusos das administracións pública, que é a función da Valeduría do Pobo", afirmou.
Rodil concluíu que con esta decisión o PP "non veta un candidato do BNG, veta o pluralismo que existe na sociedade galega porque non a toleran"
A deputada nacionalista lembrou que nos últimos anos outros adxuntos e adxuntas á Valedora do Pobo tiveron unha clara militancia política, como María Xosé Porteiro (cuxo labor alabou) ou Antonio Pol, "sen que iso fora un problema".
Rodil concluíu que con esta decisión o PP "non veta un candidato do BNG, veta o pluralismo que existe na sociedade galega porque non a toleran". Lembrou que a posición do Bloque como líder da oposición con 25 deputados "non é unha concesión do PP, é unha expresión da vontade política da cidadanía galega". "O PP quere controlar todas as institucións, queren poñer os seus e vetar os demais", dixo finalmente Rodil, que rematou criticando que os populares "demostran que non son unha forza política na que se poida confiar".