A Coruña: do primeiro goberno do PP á enchenta de 'Pokémon' e corrupción

Praza de Maria Pita Dominio Público Praza Pública

Hai agora catro anos, e xusto un día antes das eleccións municipais, o Deportivo descendía a Segunda División tras máis de vinte anos ininterrompidos na máxima categoría do fútbol español. Un día despois, o PP conseguía por primeira vez ser a lista máis votada na Coruña e alcanzar a maioría absoluta que lle daba o goberno por primeira vez. Despois de seis maiorías absolutas de Francisco Vázquez e logo dun bipartito entre PSdeG e BNG, Negreira convertíase en alcalde nunha cidade deprimida pola desfeita do seu maior referente deportivo. Catro anos máis tarde, o equipo branquiazul volverá definir o seu futuro un día antes dos comicios e o actual alcalde tentará revalidar un goberno que, segundo todas as enquisas, só podería lograr co apoio dalgunha outra forza da dereita.  

Negreira intenta seducir a Ciudadanos e mesmo ao PSOE consciente de que é improbable que repita a maioría absoluta

Os inquéritos non prevén maioría absoluta e o panorama político na cidade pouco ten que ver co de hai catro anos. A irrupción da Marea Atlántica, á que as enquisas sitúan con posibilidades de encabezar a alternativa cun 20% de apoio, provoca que Carlos Negreira non rexeite pactos con case ninguén. Só a plataforma cidadá e o BNG parecen excluídos dun posible acordo que o PP mesmo abriu ao PSOE. Pero é a Ciudadanos a quen os populares lle fan as beiras, conscientes de que ben seguro precisarían o seu apoio para manterse na cadeira.

Pero non todo parece tan doado. A corrupción que abrangue a boa parte dos anteriores membros do goberno local e mesmo integrantes da lista popular poderían ser un atranco insuperable para este posible acordo se Ciudadanos cumpre coas súas promesas. De feito, unha denuncia por acoso laboral pode resultar determinante agora. O pasado martes, a xuíza declarou como imputadas as concelleiras Rosa Gallego e Begoña Freire, que repiten na candidatura. E o partido de Albert Rivera comprometeuse a non pactar con ningunha listaxe que inclúa imputados. 

A xuíza implica o alcalde na "axencia de colocación" de "enchufados" que o PP montou presuntamente no Concello

Imputados houbo moitos. E Julio Flores, número dous do PP local nestes últimos catro anos e tenente de alcalde de Negreira, é o máis sinalado. O rexedor deixouno caer e xa non vai na lista electoral, unha decisión que dixo ser persoal. Pero os investigadores da operación Pokémon -e da súa póla coruñesa, a Pikachu- insisten en detectar unha rede de presunto "tráfico de influencias" no Concello durante os últimos catro anos canalizado a través, precisamente de Flores. As últimas informacións feitas públicas respecto dos datos atopados nos ordenadores municipais amosan o intercambio de currículos, recomendacións e agradecementos cun único obxectivo: os enchufes e favores persoais a través de empresas públicas ou contratadas pola administración local. E polo medio, escuros casos de detencións irregulares, acoso e noticias falsas

A xuíza De Lara implicou a Negreira na "axencia de colocación" de "enchufados" coa que definiu a trama. Sospeita que os enchufes de Julio Flores tiñan o "consentimento" do alcalde e investiga posibles delitos de "tráfico de influencias e suborno" e mesmo aclara que o número dous do goberno local tiña unha "lista par contratar" e que "non actuaba illadamente", senón co "coñecemento" do rexedor. 

A loita e mobilización social contra os desafiuzamentos e as multitudinarias marchas contra os recortes desmontaron tópicos sobre a cidade

Foi un dos grandes escándalos que marcou os últimos catro anos nunha cidade que saltou aos medios estatais e mesmo internacionais por varios conflitos arredor dos desafiuzamentos. O intento de desaloxo da anciá Aurelia Rey, paralizado pola cidadanía activa e por un bombeiro, Roberto Rivas, que se converteu en símbolo da rebeldía ao negarse a colaborar cos despexos, asumir a sanción e implicarse logo na loita do Ofimático. Aló, tamén a xente actuou para parar o derrubamento dunha polémica urbanización que ameaza con acabar de destruír San Vicente de Elviña, un dos últimos núcleos rurais que queda na cidade. 

As mobilizacións por aqueles desafiuzamentos -pero tamén inmensas manifestacións contra os recortes ou pola folga xeral- racharon cos tópicos dunha cidade que saíu á rúa como nunca o fixera. Como tamén naquel 15M previo á vitoria de Negreira, cando o Obelisco foi ocupado durante semanas polos indignados. 

Daquel 15M ou do Nunca Máis di xurdir a Marea Atlántica. O que presume de ser o maior espazo de confluencia estatal e que xunta sete partidos no seu apoio (desde Podemos ata Compromiso por Galicia pasando polas forzas de AGE) deu o seu último golpe de efecto esta mesma semana co ateigado mitin no que Pablo Iglesias, Yolanda Díaz ou Antón Sánchez amosaron o seu apoio ao aspirante a alcalde, Xulio Ferreiro, profesor da Universidade e sen afiliación partidaria que lidera a que di chamarse "candidatura da xente do común, do 99%".

É a Marea a grande irrupción nesta campaña, tan diferente á de hai catro anos. A plataforma cidadá aspira a liderar o cambio á espera dun PSOE que semella loitar tamén por ese liderado da alternativa e dun BNG -activo e gabado mesmo polo PP polo seu traballo e compromiso coa cidade e as súas loitas- que pode ver reducido o seu apoio ante a confluencia pero que aspira a ser chave. Pouco parecido a aquel maio de 2011, agás que o Deportivo segue loitando por escapar do inferno de Segunda e que Francisco Vázquez decidiu volver apoiar o candidato socialista... de Lugo. Na Coruña, nin están nin o esperan. Algúns prefiren que nin se pronuncie. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.