A Coruña mercará pisos sen uso e edificios abandonados para o seu parque de vivenda pública

Vivendas municipais no barrio de Labañou da Coruña © Concello da Coruña

“Este goberno entende a vivenda como un dereito fundamental da cidadanía”. A concelleira de Facenda do Concello da Coruña, Eugenia Vieito, expresou así unha das principais prioridades que o goberno local se marca no proxecto de orzamentos de 2017 que vén de entregar aos grupos da oposición. Sen proxectos faraónicos e de elevado gasto á vista, o executivo da Marea prioriza dotar á cidade e á cidadanía de terreos, inmobles e espazos para uso público e/ou social. 

O goberno da Marea prevé aumentar nun 160% o orzamento centrado no dereito á vivenda

Así, e tal e como se tira do proxecto orzamentario, Dereito á Vivenda, un dos seis eixos nos que se centran os presupostos, contará con 5,2 millóns de euros, o que supón un aumento de máis do 160% e 3,2 millóns respecto do orzamentado para este ano que remata. A "liña prioritaria" que debuxa o goberno coruñés céntrase no incremento do parque de vivenda pública, ben sexa a través da compra de solares para construíla ou de inmobles abandonados para destinalos a ela. Serán 2,5 millóns achegados a estes dous últimos obxectivos.

O Concello destinará 2,5 millóns a adquirir novas vivendas públicas e solo para construílas e aumentar un parque que só dispón de 400 na actualidade

O obxectivo é ampliar un parque público que na Coruña abrangue só 403 do total de 100.000 vivendas da cidade. "É un esforzo orzamentario importante, máis tendo en conta que a anterior corporación non fixo nada para aumentar a cifra", explica Xiao Varela, concelleiro de Rexeneración Urbana. O edil explica que o incremento no número de vivendas municipais ten varios obxectivos: o primeiro e evidente é o de garantir espazos habitacionais dignos para a toda a cidadanía, pero tamén "como unha ferramenta de control do mercado de aluguer e da vivenda como ben especulativo". 

Na Coruña  hai uns 450 edificios completamente abandonados, a maioría no centro da cidade

Con boa parte desa partida de 2,5 millóns previstos, a idea do Concello é, por unha banda, mercar pisos "que sexan operativos desde o minuto" ante "a necesidade evidente de vivenda on só en colectivos desfavorecidos senón da xente moza que non ten acceso a un mercado tan caro". Por outra banda, poder facerse con inmobles abandonados. Segundo o inventario que a administración local vén de facer, na cidade hai uns 450 edificios completamente baleiros, a maioría deles concentrados no centro, nos barrios de Peixaría e Cidade Vella. 

A idea do Concello é lanzar un procedemento para poder facerse con eles e lograr así, a un tempo, "darlles aos propietarios unha vía de escape de non ser capaces de rehabilitalos" e conseguir rexenerar certas zonas da cidade, tales como a rúa San Andrés ou Orzán, paradigmas do abandono de edificios inutilizados, moitos deles en pésimo estado.  

O goberno local prepara un concurso de compra de vivenda onde os propietarios poidan ofrecer os seus inmobles ao Concello

A fórmula que prepara o executivo da Marea é a dun concurso de compra de vivenda en concorrencia competitiva onde os propietarios poidan ofrecer os seus inmobles. Dependendo da oferta, o Concello compraría tanto pisos dos que poida dispoñer axiña como edificios abandonados que poida ir rehabilitando nun maior prazo de tempo. Será, con todo, unha cantidade simbólica de propiedades neste vindeiro 2017. "Se a acción é exitosa, manterémola no futuro", explica Varela. 

O Concello pretende ofrecer unha alternativa aos propietarios que non poden rehabilitar os edificios e rexenerar zonas da cidade

 

Aposta pola rehabilitación

Con todo, non é a única aposta clara por facilitar o acceso á vivenda digna que prevé o Concello. Tamén a subvención á rehabilitación de inmobles privados, cuxa partida orzamentaria aumenta nun 55% ao pasar dos 800.000 euros deste ano aos 1,2 millóns do vindeiros, e de mellora da accesibilidade e instalacións de ascensores, que medra un 20% ata situarse nos 1,45 millóns. A isto habería que sumarlle as partidas das áreas de rehabilitación integral (ARI), que inclúen varios barrios da Coruña, e que non foron incluídas aínda no proxecto porque dependen da achega do Goberno central. 

As subvencións á rehabilitación aumentan un 55% no proxecto de orzamentos do goberno local

Ao tempo, o goberno da Marea prevé destinar sobre 120.000 euros á reparación do actual parque municipal de vivenda, outros 150.000 euros en rehabilitación, 90.000 en adquisición e rehabilitación para aluguer social e 250.000 para a oficina de implementación do Plan de Acceso ao Hábitat Digno, co que se prevé acabar cos asentamentos precarios na cidade.

Ademais, o executivo local prevé dedicar outros dos principais investimentos en recuperar terreos para o uso público da cidadanía: conta con achegar 1,4 millóns a adquirirlle á Autoridade Portuaria para uso cidadán os terreos da Solana -en concesión para os vindeiros anos e explotado por unha empresa privada-, así como outro millón máis para a compra das instalacións deportivas da Fábrica de Armas.

O Concello prevé comprarlle por 1,4 millóns á Autoridade Portuaria os terreos da Solana para uso cidadán

O proxecto de orzamento que o goberno coruñés entregou este xoves á oposición para que acheguen as súas propostas antes de que se someta a votación suma 244,78 millóns de euros, o que supón un lixeiro incremento do 0,1% respecto ao de 2016. Nos presupostos, a Marea dá prioridade a seis ámbitos: dereito á vivenda, coidado do espazo público, mobilidade sostible, economía para as persoas, área metropolitana e dereito a unha vivenda digna.

Así, o Concello destaca que o eixo de políticas sociais incrementa o seu peso relativo no total dos orzamentos até o 11%. Neste ámbito, sobresaen actuacións como a Renda Social Municipal, para a que se prevé unha dotación inicial de 2 millóns de euros, o Pacto Social por unha Coruña Libre de Violencias Machistas (170.000 euros), A Coruña como Cidade Refuxio (150.000 euros) ou o reforzo do programa de Canguraxe, para o que de destinan 280.000 euros.

Alén disto, o goberno coruñés mantén a súa aposta pola mobilidade sostible e prevé destinar 436.000 euros a investimentos en seis vías ciclables da cidade, ademais de 264.000 máis para novas estacións do servizo de BiciCoruña.

Xiao Varela, concelleiro de Rexeneración Urbana da Coruña © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.