Santiago, 23 de xuño de 1982. O Parlamento de Galicia celebra a súa derradeira sesión no Pazo de Xelmírez, sede do arcebispado de Santiago, debatindo a súa primeira lei, a de fixación da sede das institucións autonómicas. Minutos despois das once e media da mañá comeza o pleno e o deputado coruñés Francisco Vázquez, que concorrera ás eleccións cun cartel no que a súa imaxe figuraba no centro dunha gran bandeira galega, pide saber se vai ser cumprida a petición que lle realizou por telegrama á Presidencia da Cámara para que o pleno "fose radiado e televisado para coñecemento da opinión pública". Vázquez exprésase en castelán e así o fará durante todo o debate. O seu ton é grave, está "en xogo a viabilidade da autonomía", proclama. El, di, non defende postulados "localistas".
O que estaba sobre a mesa era un proxecto de lei do goberno de Gerardo Fernández Albor con tan só dous artigos no que se designaba a Compostela "como sé do Parlamento, da Xunta, do seu presidente e das consellerías". Mentres, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia "terá a súa sé na cidade da Coruña". Para Paco Vázquez esta era "a solución menos eficaz". "A Xunta ten que estar ubicada na Coruña [La Coruña, na intervención orixinal] porque os datos mandan", sinalou, antes de debullar os metros cadrados de oficinas oficiais e o número de funcionarios da cidade herculina. O que para Vázquez era un "capricho" aprobouse con 60 votos a favor e 8 en contra e o deputado augurou unha "resposta seria e severa da cidadanía da Coruña". "O meu escano vai estar ao servizo da Coruña", "a sorte da Coruña será a miña sorte", advertiu, mentres describía "unha Galicia morta".
Vázquez augurou "unha Galicia morta" ao aprobarse que A Coruña non sería a capital
Un ano despois daquel pleno que rematara pasada as dúas e media da madrugada, en 1983, Paco Vázquez arrasaba como candidato do PSOE á alcaldía da Coruña aferrado á bandeira do mesmo localismo que naquel histórico pleno asegurou non defender. A marxinación fronte a Santiago ou o "centralismo" da Xunta foron algúns dos lugares comúns de Vázquez durante as máis de dúas décadas que presidiu o Pazo de María Pita. Dez anos despois das últimas eleccións municipais que gañou Galicia vive un rexurdimento das leas localistas ao calor dun dos temas favoritos de Vázquez, os aeroportos, se ben o incendio agora parte de Vigo e atopa resposta na capital.
Caballero cuestiona a capitalidade, Currás retruca
Cos tráficos dos tres aeródromos en caída libre e cuns orzamentos públicos que agora non permiten subvencionar con alegría ás compañías aéreas o alcalde vigués, Abel Caballero, opta dende hai semanas por resucitar o argumentario do agravio comparativo a respecto de Compostela que tan bos resultados electorais lle proporcionou ao seu compañeiro de filas. Co pano de fondo das axudas autonómicas a Lavacolla Caballero anunciaba hai poucos días a súa "intención" de promover unha moción para que "Vigo reciba os dous millóns de euros que a Santiago lle chegan en concepto de plus de capitalidade e que en Vigo serían por tratarse da urbe máis importante de Galicia". A capitalidade, di, só implica "funcionarios, museos e investimentos". A súa "lóxica", mantén, é "impecable".
Caballero censura os cartos que Santiago recibe por ser capital e o alcalde compostelán amaga con declaralo "persoa non grata"
Consideracións como que Compostela "está no século XV" ou o cuestionamento da existencia do Consorcio de Santiago alimentaron nos últimos tempos unha lea na que o rexedor compostelán, Ángel Currás, entrou sen que Caballero tivese que realizar moitos esforzos. As declaracións do socialista son "impresentables" para o sucesor de Gerardo Conde Roa, quen esixe "respecto para a cidade de Compostela". O alcalde de Vigo, di, debe "deixar de insultar, de meterse coa cidade de Santiago de Compostela". En caso contrario, asegura, "optaremos por presentar unha proposición de persoa non grata".
Neste contexto, e a menos de dous anos das eleccións municipais, todo semella indicar que as leas localistas, desta volta a conta dos aeroportos, non tenderán a desaparecer, senón máis ben todo o contrario. Mentres, a Xunta prepárase para recibir o plan estratéxico de aeroportos polo que vai pagar 28.000 euros e o Ministerio de Fomento elabora un documento propio con idéntica finalidade. A "Galicia única" pretendida polo gabinete de Alberto Núñez Feijóo cando chegou ao Goberno semella que seguirá agardando.