A crise económica da oposición galega

Colexio electoral en Lugo CC-BY-SA Merixo

Un trompazo electoral non só ten consecuencias puramente políticas para os partidos e organizacións que o sofren. O financiamento dos grupos políticos, sustentado esencialmente nas subvencións derivadas dos resultados electorais, reséntese notablemente ante unha perda abrupta de representación. Tras as pasadas eleccións autonómicas os partidos que obtiveron asento no Parlamento gañaron o dereito a 15.530,93 euros por cada escano logrado, 0,58 euros por voto e 0,16 por elector como axuda para propaganda electoral. O montante total destas subvencións caeu un 20% a respecto da anterior convocatoria, pero non todos os implicados o sufriron igual. Así, o PP viu reducida a súa asignación un 21%, pero o PSdeG tivo que afrontar unha caída do 36% e o BNG, do 35%.

Mentres AGE, que irrompeu por primeira vez na Cámara, tivo unha inxección de 687.645 euros grazas aos seu nove escanos, os socialistas pasaron de obter 1,4 millóns de euros por 25 deputados en 2009 a quedar en 883.581 polos seus actuais 18 representantes. O Bloque, pola súa banda, pasou de 957.287 euros nos anteriores comicios -12 escanos-  a 624.645 que derivan do seu actual grupo de sete deputados e deputadas. Os conservadores, que perderon votos pero sumaron escanos, ingresaron 1,5 millóns de euros, mentres que en 2009 a achega foi de 1,8 millóns.

O PSdeG pídelles unha achega extraordinaria de 1.000 euros aos deputados

Dadas estas circunstancias, socialistas e nacionalistas están a sufrir a súa particular crise económica, que afrontan, esencialmente, a través de dúas vías: a redución de gastos e a reclamación dun maior apoio dos seus cargos institucionais e da súa militancia. A última medida neste sentido chegou hai escasos días nas filas do PSdeG. O voceiro do partido no Parlamento, Abel Losada, recoñecía este luns que a dirección lle solicita unha achega económica puntual de 1.000 euros a cada membro do grupo parlamentario. "Aínda non houbo unha petición formal, pero estase traballando nesa idea", que será asumida no grupo "con absoluta normalidade, sendo conscientes de que os ingresos do partido diminuíron de maneira importante nesta lexislatura" non só polas subvencións electorais, senón tamén polas procedentes do Parlamento, que antes se repartían "entre tres" e agora, "entre catro".

O Bloque apóiase nos cargos institucionais e solicita unha cota voluntaria adicional á militancia

Esta petición chega despois de que, de maneira ordinaria, a achega mensual dos deputados e deputadas ao partido pasase dun 5% a un 10% do seu salario -uns 500 euros-. A estas medidas engadiuse o recorte de persoal formulado dende a sede federal do PSOE, que tamén tivo a súa tradución en Galicia en forma de despedimentos, dun ERE e dunha baixada xeralizada de salarios.

As reducións de persoal chegaron tamén pola banda do BNG, onde os despedimentos foron considerados "dolorosos" pero "inevitables" por parte dos seus máximos dirixentes. Os cargos institucionais nacionalistas, que xa viñan achegando un 10% do seu salario á organización -ademais doutras achegas puntuais-, son un dos puntais nos que a formación frontista se apoia para pasar o temporal financeiro, que o tamén o levou a prescindir de parte das instalacións que empregaba en réxime de alugueiro. Ademais, o Consello Nacional acordou solicitarlle á militancia unha cota extraordinaria de entre 10 e 1.000 euros, da que fican excluídas as persoas que se vexan na "imposibilidade de asumila". Esta "contribución económica voluntaria" é unha "forma lexítima de autofinanciamento", explicaba hai poucas datas a deputada Carme Adán. "Outros fináncianse con sobres", subliñou.

Colexio electoral en Lugo CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.