A CUP tenta separar a acción parlamentaria do movemento

Imaxe da asemblea nacional da CUP CC-BY-SA El Diario

A CUP, unha das grandes sorpresas electorais das pasadas eleccións, celebrou este fin de semana unha Asemblea Nacional extraordinaria para adaptar a organización á nova realidade. En moi pouco tempo, a Candidatura de Unitat Popular multiplicou por cinco a súa presenza nos concellos e, ademais, conseguiu entrar no Parlament con tres deputados.

Este aumento de representación é todo un éxito pero tamén leva riscos. E, cando menos hai un, que a CUP considera demasiado perigoso: que o traballo que supón estar no Parlamento hipoteque toda a organización. A CUP é un partido de alma municipalista e moito máis próximo á rúa e os movementos sociais que ás institucións. Pero despois de moitos debates, cando o president Artur Mas sorprendeu a todos anunciando que adiantaba as eleccións, a CUP decidiu que non renunciaría a tentar entrar no Parlament. Como xa pasara nas municipais, os votantes responderon e o ascenso da CUP foi espectacular. Tres deputados. Pero agora o risco é que a dinámica do Parlament e a forza da actualidade arrastre a todo o movemento e o converta no que máis critica: un partido político tradicional.

Este aumento de representación é todo un éxito pero tamén leva riscos. E, cando menos hai un, que a CUP considera demasiado perigoso: que o traballo que supón estar no Parlamento hipoteque toda a organización

Para evitalo, unha das decisións que tomou nesta Asemblea Nacional é a creación do Grupo de Acción Parlamentaria (GAP), que fará de ponte entre as diferentes sectoriais da CUP e os tres deputados. Deste xeito, a organización separa os dous ámbitos e mantén a súa estrutura de base, xa que calquera militante pode formar parte das distintas sectoriais e, por tanto, pode ter contacto directo co GAP. Cando o movemento conseguiu entrar no Parlament xa creou un grupo similar, pero era provisional. Coa Asemblea Nacional deste domingo o grupo consolidouse e decidiuse que persoas o forman e que tarefas terán. "Todo iso é unha experimentación constante", resumía un membro da CUP, que traballa no Parlament.

Unha parte da militancia quería que este novo órgano tivese máis autonomía, de modo que o resto de organizacións que están na órbita da CUP (o que se coñece como Alternativa de Esquerdas) poderían ter máis voz. Finalmente con todo, o GAP dependerá da Comisión Política.

A Asemblea Nacional, que se celebrou en Olot (Xirona) e contou con 700 participantes, tamén serviu para renovar o secretariado, que é o encargado de levar á práctica as decisións que toma o Consello Político, que se reúne unha vez ao mes. O novo secretariado, que nun partido tradicional sería a Executiva, fórmano 13 persoas, seis mulleres e sete homes. A diferenza do GAP, onde as comisións sectoriais terán moita influencia, esoutro órgano está moito máis vinculado ás comisións territoriais.


Sen TV3 por culpa do traballo

No próximo Consello Político, a CUP escollerá as persoas liberadas, é dicir, as que cobrarán por dedicarse á organización. Contando os tres deputados, só haberá dez liberados, unha cifra mínima se se compara co resto de formacións parlamentarias

Todos os partidos políticos celebran as súas reunións executivas os luns pola mañá. Isto facilita a tarefa dos xornalistas e permítelles ás formacións, que sempre convocan rolda de prensa, difundir publicamente o que decidiron na reunión. O Telenotícies de TV3, por exemplo, fala cada luns de todas as executivas. Faino por orde de representación parlamentaria, pero despois da quenda de Ciutadans, acaba a noticia. E é que a CUP non se reúne nunca o luns pola mañá e non fai rolda de prensa. "É certo que perdemos visibilidade, pero non nos podemos reunir o luns pola mañá porque nós traballamos e o luns estamos no traballo", explicaba un dos membros do novo secretariado. As reunións celébranse pola noite, que é cando todos os integrantes xa saíron do traballo.

Este funcionamento é moi loable, xa que queda claro que os membros do secretariado non usan a política para enriquecerse, pero este militante recoñece que expón grandes retos porque hai moito traballo por facer polo momento político e económico que vive Catalunya e porque a entrada ao Parlament supón un esforzo adicional.

No próximo Consello Político, a CUP escollerá as persoas liberadas, é dicir, as que cobrarán por dedicarse á organización. Contando os tres deputados, só haberá dez liberados, unha cifra mínima se se compara co resto de formacións parlamentarias. Un militante da CUP recoñecía que o traballo é moito e que os riscos son elevados pero aseguraba que a solución é moi fácil: "Mentres continuemos fomentando a participación, todo irá ben".

Imaxe da asemblea nacional da CUP CC-BY-SA El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.