"A dependencia económica institucional da prensa local galega lévaa a defender o mantemento do statu quo"

Francisco Cortez-Lobão Sineiro CC-BY-SA Cedida

As eleccións locais de 2015 trouxeron a vitoria de candidaturas municipalistas na Coruña, Compostela e Ferrol e, en cambio, noutras cidades como Vigo, Pontevedra ou Lugo mantívose a cor política  das alcaldías. Como en calquera campaña electoral, os medios de comunicación xogaron un importante papel e tratándose de eleccións municipais os xornais locais tiveron unha influencia destacada. A tese de doutoramento As eleccións municipais de 2015 na prensa escrita galega. Tratamento do novo escenario político, analiza a cobertura que La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Progreso e La Región realizaron deses comicios.

"Estes xornais o que fan é limitarse a manter un panorama institucional no que están cómodos. E creo que non é tanto unha cuestión ideolóxica como de dependencia económica institucional"

O seu autor, Francisco Cortez-Lobão Sineiro, que hai uns días acadou a cualificación cum laude na súa defensa na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, afonda na actitude destes medios ante o novo escenario político, marcado pola emerxencia de novos actores, analizando os temas tratados e o espazo e tratamento outorgado a cada formación e asunto. O traballo destaca a gran "dependencia institucional" destas cabeceiras e en xeral da prensa local e rexional galega, na que prima unha representación mediática conservadora que procura manter o statu quo da correlación de forzas do sistema político galego.

O autor tamén subliña o abuso do xornalismo declarativo e de pezas que se limitan a recoller versións e non feitos contrastados, adeamais da escasa capacidade de integrar no discurso informativo a pluralidade de actores sociais, partidarios e institucionais. Falamos con Francisco Cortez-Lobão Sineiro.

Destacas a dependencia institucional das cabeceiras locais galegas. Isto fai que o seu discurso sexa necesariamente conservador, defensor do statu quo existente en cada lugar?

Si, estes xornais o que fan é limitarse a manter un panorama institucional no que están cómodos. E creo que non é tanto unha cuestión ideolóxica como de dependencia económica institucional, que os leva a defender o mantemento deste statu quo. Por exemplo, hai medios que teñen un tratamento da información moi distinto ideoloxicamente en función dos niveis administrativos, como é o caso do Faro de Vigo, que ten un comportamento moi proclive a destacar as virtudes do Goberno municipal de Abel Caballero, socialista, pero que tamén ten unha actitude moi amistosa cara ao que era naquel momento o Goberno central popular presidido por Mariano Rajoy, especialmente a través da figura da ministra Ana Pastor.

Marea Atlántica, celebrando a súa vitoria electoral en maio de 2015 CC-BY-SA Marea Atlántica

Son medios, polo tanto, que nese ano 2015, no que o bipartidismo estaba sendo posto en cuestión pola emerxencia de novos actores políticos, se posicionan do lado dos dous grandes partidos? Como se percibe na cobertura que realizan das eleccións?

Iso vese a tres niveis. O primeiro ter que ver coa presenza que ten cada partido nas páxinas dos medios, que é moi superior nos casos de PP e PSOE; o terceiro partido en presenza era moi distinto en cada xornal, tendo algunha cabeceira un enfoque máis estatal e polo tanto correspondendo esta terceira posición a Podemos, representado aquí polas mareas locais, mentres que noutras o terceiro partido con máis cobertura era o BNG. 

O segundo nivel ten que ver co establecemento dos temas, pois nestes medios tende a falarse daqueles temas que máis lles interesan ás administracións coas que teñen unha mellor relación; por exemplo, o caso do aeroporto no caso do Faro de Vigo, un tema no que o Goberno municipal se atopa cómodo. 

O terceiro nivel atinxe á construción dos marcos interpretativos e dos atributos cos que se refiren a cada partido político; por exemplo, La Voz de Galicia adoita referirse ás mareas como “amalgama de actores políticos” ou a referencia a Martiño Noriega como “el aún alcalde de Teo”, mentres que no caso de PP e PSOE non hai construcións tan pexorativas ou interpretativas, incidindo na “estabilidade”.

"Cando o lector máis progresista collía La Voz o marco que se lle presentaba era unha dicotomía entre o vello, que era o PP, e o novo, que eran as mareas. Creo que a estratexia lles saíu ao revés"

Nalgúns casos, como Vigo ou Ourense, as estratexias do Faro de Vigo (pola vitoria de Abel Caballero) ou de La Región (pola vitoria do PP) semellan ter sido exitosas. Porén, chama a atención que o PP perdeu as alcaldías das tres cidades da provincia da Coruña, que pasan a ser gobernadas polas mareas, precisamente no territorio no que La Voz de Galicia é máis forte. Errou a estratexia deste xornal?

No caso das tres cidades da provincia da Coruña, creo que La Voz de Galicia aplicou o marco da estabilidade versus esa 'descoñecida nova política' con demasiado éxito. Quero dicir que cando o lector máis progresista collía La Voz o marco que se lle presentaba era unha dicotomía entre o vello, que era o PP, e o novo, que eran as mareas. Creo que a estratexia lles saíu ao revés: tentaron demonizar tanto, presentando de forma tan negativa e tan insistente, a estas forzas políticas que ao final fixeron que o público que podía moverse entre tres papeletas distintas (mareas, PSOE e BNG) optase polas mareas. Evidentemente non lle quero quitar o mérito aos actores políticos que obtiveron as alcaldías, pero creo que en parte foi un efecto non buscado por parte dunha cobertura conservadora e defensora do statu quo por parte de La Voz de Galicia.

Non entra no campo de análise da túa tese, pero semella que esa estratexia negativa dalgunhas cabeceiras mantívose durante os catro anos seguintes, ata chegar as eleccións de 2019, nas que as mareas perden as tres alcaldías...

Sería interesante facer unha comparativa coa cobertura mediática no ano 2019 e tamén analizar como foi o comportamento deses medios locais no mandato municipal 2015-19. Non descarto facelo no futuro. De igual xeito, sería moi interesante ter a oportunidade de falar con lectores e lectoras de prensa de varias cidades galegas, para coñecer en que medida os discursos e estratexias deses medios tiveron impacto. A miña tese céntrase na análise de contidos, pero a min gustaríame poder ampliar a investigación a un estudo de grupo, afondando no público como receptor pero tamén como canalizador, polas súas relacións interpersoais, dese tipo de mensaxes. O campo de investigación é amplísimo.

Abel Caballero amosa o bastón de mando tras volver ser investido alcalde de Vigo © Concello de Vigo

"A dependencia institucional destas cabeceiras modula e influencia completamente o desempeño dos xornais, tanto no que atinxe aos temas que se escollen, ao espazo que se lle dá a cada tema e a cada partido, e a como se representa cada actor"

Na tese fas unha revidindicación dun xornalismo "que fale do que importe". A clave pasaría por guiarse por criterios xornalísticos e non por esas dependencias económicas que se establecen con poderes económicos ou con administracións?

Si, a dependencia institucional destas cabeceiras modula e influencia completamente o desempeño dos xornais, tanto no que atinxe aos temas que se escollen, ao espazo que se lle dá a cada tema e a cada partido, e a como se representa cada actor. Todo discurso xornalístico é unha reconstrución da realidade para adecuala narrativamente en base a un interese comunicativo. E aí é onde creo eu que ten que poñerse o foco: o interese comunicativo debe guiarse polo xornalismo e non por outras cousas, vinculado a un interese social, do público lector. Non creo que todo xornalista deba ser un activista, pero si que creo que todo xornalista ten que ser honesto e moverse co seu propio punto de vista e isto moitas veces non se fai. 

"O xornalismo político en España tende a ser un xornalismo de declaracións, un xornalismo epidérmico, que non afonda na veracidade dos feitos, que non se interesa en construír un relato propio, senón que asume un relato que lle vén dado"

Se o xornalista desaparece, se perde forza e dá demasiado poder as fontes, estas pasan a dirixir o discurso dos medios de comunicación?

O xornalismo político en España tende a ser un xornalismo de declaracións, un xornalismo epidérmico, que non afonda na veracidade dos feitos, que non se interesa en construír un relato propio, senón que asume un relato que lle vén dado, cunha gran dependencia das fontes institucionais e partidarias. Isto non o digo cun interese pexorativo cara aos xornalistas, pois todos sabemos como funciona unha redacción e que hai unha serie de condicionantes, como é a falta de tempo ou a capacidade de acceso á información. 

Esta dependencia das fontes institucionais e o seu poder para marcar o discurso dos medios é importante tamén fóra dos temas estritamente políticos, por exemplo ao falar de infraestruturas ou de temáticas económicas e sociais. E ao final iso tamén é política. Os motivos que levan a un lector de prensa a optar por unha ou outra opción nunhas eleccións son moi variados e neles pode ter unha gran capacidade de impacto o xeito en que estean tratados todos estes temas. Por exemplo, se un xornal está publicando todos os días novas sobre que non se recolle o lixo ou que o Concello non arranxa o pavimento dunha rúa, iso vai ter unha influencia na campaña electoral seguinte. É dicir, os xornais constrúen un discurso político tamén fóra das páxinas que se consideran estritamente políticas.

"Ao final o discurso político nos medios constrúese dende fóra das seccións estritamente políticas"

Ás veces a cobertura dese tipo de temas do día a día pode ter mesmo máis influencia sobre un resultado electoral que a que se faga exclusivamente dunha campaña electoral?

Si, porque ao final o discurso político nos medios constrúese dende fóra das seccións estritamente políticas, de xeito que os asuntos verdadeiramente políticos se trata dende as seccións de economía ou sociedade, que a priori son máis asépticas e menos apelativas. E en cambio a sección política resérvase a un cruce de declaracións ou a un relato demoscópico sobre a situación dos partidos nas enquisas. Tamén a presentacións dos candidatos que entran máis no terreo persoal que no ideolóxico, sobre todo cando competían entre si antigos compañeiros de partido, ou que recorren á linguaxe bélica (“asalto ao fortín”, “duelo de candidatos”). Creo que ao final isto provoca que se evite falar do importante e leva a dar os debates en termos épicos e non políticos, de choque de egos ou de personalidades pero non de choque de proxectos.

"É importante apostar por medios que escapen dese tratamento espectacularizante da política, que ao final non vai á cerna dos temas. O público debe ser consciente do que supón apostar economicamente por un medio de comunicación ou por outro"

Criticas, neste senso, a simplificación coa que se trata a información política, as denominadas "carreiras de cabalos" nas que non se fala de programas, de propostas, e unicamente se destaca quen vai primeiro nas enquisas ou se van gañar "os meus" ou "os teus". Empobrece isto a democracia?

Se queremos que se fale de política na prensa e cumprir o vello soño de crear un público con capacidade de razoamento e conciencia crítica, que poida exercer o seu papel reitor na democracia, é importante apostar por medios de comunicación que escapen dese tratamento espectacularizante da política, que ao final non vai á cerna dos temas. Temos que preguntarnos se cando acabamos de ler un xornal estamos realmente máis informados que antes de lelo. Se a resposta é non, se cadra é o momento de revisar que modelo de prensa temos e cal queremos. Pero isto é algo que nos supera aos xornalistas, pois é algo que debe ser pensado a nivel social, a nivel do público. Para cumprir ese obxectivo hai que comezar a revisar como se financian os medios de comunicación e o público debe tamén ser consciente do que supón apostar economicamente por un medio de comunicación ou por outro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.