A Deputación de Lugo ofrece fondos para que o HULA atenda infartos as 24 horas

Vázquez, Besteiro e Méndez, en rolda de prensa CC-BY-SA Deputación de Lugo

"A consellería de Sanidade xa non é unha interlocutora válida. Esta proposta é para Feijóo". A Deputación de Lugo vén de asumir a proposta lanzada pola Federación Veciñal Lucense no proceso de elaboración dos orzamentos participativos da institución e disponse a ofrecerlle á Consellería de Sanidade os fondos necesarios para abrir o servizo de hemodinámica do hospital Lucus Augusti tamén en horario de tarde para que así o centro hospitalario lucense poida atender infartos durante as 24 horas, evitando así os traslados de doentes á Coruña.

Na mesma semana en que o departamento que dirixe Rocío Mosquera evitou por segunda vez informar o Valedor do Pobo sobre as queixas do colectivo veciñal, que pide dende hai meses os datos de mortalidade por infarto da área sanitaria lucense, o presidente da entidade provincial, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou que no vindeiro pleno o grupo socialista impulsará unha moción a través da lle ofrecerá ao Goberno galego "financiar a posta en marcha do servizo de Hemodinámica 24 horas". A iniciativa, resalta, irá dirixida á Presidencia, e non a Sanidade.

"Porei en coñecemento de Feijóo o acordado no pleno" e así "rematarán as escusas de mal pagador", sinalou Besteiro nunha comparecencia ante a prensa coa vicepresidenta da Deputación, Lara Méndez, e o presidente da Federación Veciñal, Jesús Vázquez, quen asume "a paternidade da medida" por ser unha das propostas veciñais aos orzamentos. Esta achega económica, a xuízo de Vázquez, sería "un acto de valentía e xustiza" ante "a negativa do Goberno galego" xusto cando se fan "catro anos do compromiso público de Feijóo" para dotar o HULA de "servizos básicos nun prazo de tres meses". "En pouco tempo -augura- virá á provincia a celebrar algún mitin, polo que lle pedimos que pida perdón aos lucenses por castigarnos durante tanto tempo".

A iniciativa foi incluída nos orzamentos participativos pola federación veciñal, que insta a Feijóo a "pedir perdón"

Ata o pasado ano, resalta o dirixente veciñal, Lugo "nin sequera tiña Hemodinámica" actualmente tena, pero "con horario de oficina". Asemade, resalta, "seguimos sendo a única provincia galega que non conta con radioterapia e medicina nuclear". "Non telas é un capricho e un castigo institucional", critica Vázquez, polo que, reitera, a plataforma cidadá non vai "parar ata ter todos os servizos". Ese é o motivo, di, polo que van repartir 10.000 bandeirolas e camisolas vermellas nunha nova acción de protesta.

Feijóo desdeña a medida e cuestiona os datos

 

Esta medida, di Besteiro, chega "por compromiso coa veciñanza" pero tamén polos "reveladores datos do INE sobre mortalidade e as indubidables valoracións dos expertos". Os datos máis recentes, resalta, indican que "a mortalidade por infarto agudo de miocardio en Lugo duplica a media estatal". "Non son datos da Deputación, son do INE", salienta Besteiro, quen insta a reparar tamén en que "en Pontevedra, onde o servizo é ininterrompido, prodúcense 33 mortes por cada 100.000 habitantes" e en Lugo esta cifra ascende ata as 76.

Feijóo asegura que "en Pontevedra ten o mesmo horario que en Lugo", pero os datos son provinciais e inclúen tamén a Vigo

Os datos ofrecidos por Besteiro foron, precisamente, aos que Feijóo se aferrou horas despois para desdeñar a súa proposta. "Parece ser que din que unha das razóns polas que propón abrir pola mañá é porque en Pontevedra hai menos casos", sintetizou o presidente ao remate da reunión do Consello da Xunta, para acto seguido sentenciar que "en Pontevedra [o servizo de hemodinámica] ten o mesmo horario que en Lugo e en Ourense", só pola mañá. Feijóo obvia, non obstante, que os datos non se refiren ás cidades, senón ás provincias, e que na provincia de Pontevedra se ubica o servizo de hemodinámica de Vigo, que si atende casos as 24 horas. Non en van, é alí onde son derivados os pacientes de Ourense.

Alén da cuestión horaria o titular do Goberno galego atribúe a proposta de Besteiro ao "período electoral municipal" e, asemade, culpa "a conselleira socialista en anteriores lexislaturas", en referencia á titular de Sanidade do bipartito, María José Rubio, de que a hemodinámica funcione en Lugo só polas mañás. "A conselleira socialista abriu unha sala en Ourense e lla negou a Lugo, e en Ourense a puxo en xornada de mañá e ningún socialista plantexaba que abrise as 24 horas; me sorprende que o que fan eles para Ourense sexa correcto e se a poñemos en Lugo non sexa correcto", reprocha.

Vázquez, Besteiro e Méndez, en rolda de prensa CC-BY-SA Deputación de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.