A dirección do PSdeG concorda coa necesidade de renovar "ideas e persoas"

García, en rolda de prensa CC-BY-NC-SA PSdeG

"É obvio que hai cousas nas que nos equivocamos". A dirección do PSdeG toma tamén posición de cara ao proceso de reflexión interna que rematará nun congreso nacional extraordinario con data aínda por definir. Mentres os sectores críticos coa actual cúpula socialista comezan a organizárense e, ao tempo, xa comezan a xurdir os primeiros nomes como potenciais aspirantes á secretaría xeral -caso por exemplo do presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro-, o secretario de organización do partido, Pablo García, asegura concordar con quen reclama renovación "de ideas e persoas" para o novo ciclo da formación.

Despois de que, nunha entrevista na Cadena SER, o voceiro dos socialistas no Parlamento apelase a esa remuda no ideario e nos dirixentes, García asegura "compartir totalmente" esa visión dada a existencia de erros na etapa que agora se pecha. Partindo da base de que as únicas persoas que non se equivocan "son as que non fan nada", o número dous de Pachi Vázquez afirma que a actual dirección é consciente da necesidade de cambios, dado que Feijóo "perde votos" pero o PSdeG "non é quen de canalizar o descontento" que "existe" no país nin de mostrarse ante a cidadanía como "alternativa".

García asegura concordar na necesidade de "cambios" e cre que "as ideas van asociadas ás persoas"

Hai que "cambiar cousas" e "as ideas van asociadas ás persoas", admite García, nun contexto no que asegura que o proceso se realizará "sen présa, pero sen pausa", con "tranquilidade" e dende o convencemento de que "o partido é sabio" para tomar as decisións máis axeitadas. Neste sentido, e ante as voces que sitúan a Besteiro como posible aspirante ao liderado, o secretario de organización asegura ter o "máximo respecto" tanto cara ao tamén secretario xeral do PSdeG lugués como cara a calquera outro militante que dea un paso á fronte, porque "todos os afiliados son elixibles".

Cincuenta días dende as eleccións

Pablo García abordaba a situación interna do PSdeG a preguntas dos xornalistas nunha comparecencia de prensa na que o socialista realizou un balance dos primeiros cicuenta días transcorridos dende a segunda vitoria electoral de Alberto Núñez Feijóo, máis dun mes no que o presidente, di, dedicou o tempo a "celebrar a vitoria do PP" e a estar "en Arxentina, no Brasil, en Madrid e en Barcelona" pero "deixándose ver bastante pouco por Galicia", onde non realizou "ningunha proposta" para abordar problemas como os "8.524 parados máis" que hai rexistrados dende o 21 de outubro.

"Os problemas dos galegos son suficientemente graves" como para "nomear un goberno excepcional", coida o socialista, quen reprocha que Feijóo optase pola "continuidade pura e dura", co único cambio de prescindir de Javier Guerra en Industria para situar no seu lugar a "un amigo persoal" do presidente -en referencia a Francisco Conde- quen, di, ten o "listón moi baixo" para realizar a súa xestión. O líder popular, conclúe García, compuxo un goberno de escaso nivel para poder aplicarse o "refrán" de que "en el país de los ciegos, el tuerto es el rey", ironiza.

García, en rolda de prensa CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.