A emigración republicana e galeguista chama a "impedir" nas urnas "o auxe do neofascismo"

Festa do 88º aniversario da República da Federación de Asociacións Galegas © FAGRA

A Federación de Sociedades Galegas na República Arxentina (FAGRA) está a piques de cumprir cen anos. Nada en 1921 en Bos Aires, a emblemática institución republicana e galeguista da diáspora celebrou esta fin de semana a 88ª edición da Festa da República para conmemorar o 14 de abril, un multitudinario acto marcado polas vindeiras eleccións xerais do día 28 e polas chamadas de alerta do colectivo ante “o auxe do neofascismo” e a necesidade de “impedilo” nas urnas

A Federación de Sociedades Galegas na República Arxentina alerta do "auxe do neofascismo" e chama a "impedilo" nas urnas

A que foi casa común de Suárez Picallo, Castelao, Luís Seoane ou Alonso Ríos e de toda a intelectualidade republicana, galeguista e nacionalista mantén un compromiso político que non dubida en manifestar, como fixera cando o seu influxo foi clave nas ideas de progreso que achegou a Galicia nos anos 20 e 30 do século pasado. Agora, érguese outra vez ante uns comicios que consideran claves no Estado.

Diego Martínez Duro, presidente da Federación de Asociacións Galegas na República Arxentina © FAGRA

“Non nos imos xogar só un goberno nas próximas eleccións, o que está en xogo en España é que se restaure un partido neonazi, que ten as peores raíces fascistas que hai hoxe en España”, advertiu no acto o presidente da FAGRA, Diego Martínez Duro, que alertou sobre Vox ante a posibilidade de que “obteña varios escaños e termine pactando con PP e Ciudadanos”. “Tomemos consciencia aqueles que podemos votar para impedir isto porque se van coartar liberdades”, insistiu. 

"Está en xogo que se restaure un partido neonazi", di o presidente de FAGRA, que alerta de que un pacto do PP con Vox podería provocar que "Galicia perdese a oficialidade do seu idioma"

Martínez Duro, lonxe de ambigua linguaxe, censurou que a dereita “axitase vellos temores e monstros” tras a moción de censura que botou do poder “os descendentes dos golpistas, o PP”. E advertiu das consecuencias dunha posible derrota da esquerda: “Se gañase Pablo Casado, co apoio de Vox, Galicia podería perder mesmo a oficialidade do seu idioma”. 

A FAGRA chamou a votar para impedir a vitoria da dereita e a extrema dereita nunhas eleccións xerais na que apenas o 5% do voto emigrante galego participará. Rematado o prazo do voto rogado para as persoas inscritas no CERA, foron aceptadas 21.110 para poder participar o próximo 28 de abril. 

Festa do 88º aniversario da República da Federación de Asociacións Galegas © FAGRA

O presidente da Federación advertiu, ademais, que a “casa emblemática, galeguista e republica” seguirá a loitar pola liberdade e a instauración da República no Estado español e lembrou que a FAGRA achegou dous deputados nas Cortes republicanas (Suárez Picallo e Alonso Ríos) que defenderon o Estatuto galego que o golpe militar “truncou” ao igual que “o soño dunha España igualitaria e con respecto para todos os pobos que viven dentro do Estado”. “Sabemos de onde vimos e en que dirección imos ir”, rematou Martínez Duro nun acto na que un grupo de gaitas interpretou o himno galego e o de Riego e no que unha coral cantou Ay Carmela ou O Carro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.