O PP, entre unha maioría absoluta intacta e o limiar da perda do goberno. É o escenario que debuxa a enquisa a pé de urna realizada por TNS-Demoscopia para as televisións públicas autonómicas, segundo a cal os de Alberto Núñez Feijóo obterían entre 38 e 41 escanos. CRTVG.
Segundo este inquérito, existiría un empate técnico entre En Marea e o PSdeG na segunda praza, cos de Luís Villares un chisco por riba. En Marea contaría, segundo o estudo, con entre 14 e 16 escanos, tanto scomo os socialistas. O BNG, pola súa banda, amosaría unha notable resistencia e tería 5 ou 6 escanos. Ciudadanos, mentres, estaría ao bordo da representación, entre 0 e 1.
No que atinxe ás porcentaxes de voto este inquérito sitúa un PP sen erosión ningunha ao remate da lexislatura, con arredor do 45,5% dos votos. En Marea sería a segunda forza, co 19,5% dos votos. Os socialistas estarían moi preto, co 18,9%. O BNG situaríase no 8,8% e Ciudadanos, o 4,4%.