A esquerda aproveita o segundo debate para garantir goberno alternativo con Feijóo ausente

Un intre do debate electoral na Cadena SER © Cadena SER

O ata agora voceiro parlamentario do PP e número un do partido pola Coruña, Pedro Puy, foi recoñecido nos últimos anos como un dos deputados máis solventes do Parlamento. Pero tamén un dos que transloce maior sensación de incomodidade á hora de defender posturas do seu partido que escapan da xestión para se internar en terreos espiñentos como o da corrupción. A Puy correspondeulle este venres unha desas empresas pouco confortables, substituír a Alberto Núñez Feijóo no segundo debate electoral da campaña entre aspirantes á Presidencia, o organizado pola Cadena SER. E, como cabía agardar, as forzas da esquerda aproveitaron a ocasión para presentárense como alternativa e, entre continuas mencións á ausencia, torpedear o representante da dereita con varios deses asuntos delicados, a comezar polo caso Baltar.

Coa lembranza do debate da CRTVG aínda ben presente, o encontro conducido pola xornalista Pepa Bueno comezou centrado na área de autogoberno, no que PSdeG, En Marea e BNG discreparon en cal debe ser a aspiración última do país -reforma constitucional, ampliación de traspasos, autodeterminación- e reprocharon que o contador das transferencias estea a cero dende a etapa do bipartito. Pero axiña o intercambio dialéctico se situou onde era previsible. "Alberto Núñez Desertor", chanceou Villares, "non se atreveu a comparecer porque perdeu o pasado luns", afirmou Pontón. E iso é tanto, engadiu Leiceaga, "como non cumprir os seus compromiso con Galicia" e responde a que "quere coidar a súa imaxe en España", e evitar a exposición nun medio de difusión estatal.

PSdeG, En Marea e BNG lamentan a "ausencia" e "deserción" do líder do PP

O actual titular da Xunta foi nestes anos "o presidente da historia" de Galicia "que máis control soportou", retrucou Puy, antes de que o resto de candidatos empregase a ocasión para trasladarlle a audiencia o que, ao seu xuízo, é o retrato máis certeiro do candidato á reelección. "Aos españois e españolas que están escoitando, non llelo recomendo", ironizou a candidata do Bloque, quen advirte que por tras da "propaganda" hai unha "xoia" que, por exemplo, "rescatou as axudas" para os colexios do Opus Dei que segregan por sexo. O líder popular, sinala Villares, "someteu a poboación a políticas de sufrimento" e por iso, para o candidato socialista, só accedeu a debater "nunha institución controlada polo PP".

De Baltar á Hepatite C

Co campo de xogo situado na ausencia de Feijóo, PSdeG, En Marea e BNG apostaron por combinar unha defensa de cadanseu perfil político mentres respondían afirmativamente ás preguntas a respecto dun eventual entendemento postelectoral e, sobre todo, procuraban levar a Puy ao devandito terreo incómodo. A moderadora preguntou polo apelido que paira sobre a campaña popular, Baltar, e Leiceaga, Pontón e Villares aferráronse a el no que, posiblemente, foi o treito máis complexo para quen aspira a seguir na bancada do Goberno.

Leiceaga: "O caso Baltar indica que Feijóo prefire, antes de exemplaridade, apoio político en Ourense"

"O que hai é un rexeitamento dunha denuncia", xustificou Puy, en referencia ao arquivo da demanda contra José Manuel Baltar pola banda da Fiscalía de Ourense, se ben a continuación o barón ourensán pasou a estar denunciado no xulgado e, xusto despois, investigado -antiga imputación- por presuntos delitos de suborno e tráfico de influencias, sen desbotar a xuíza o acoso sexual polo presunto ofrecemento de emprego a cambio de sexo. "Fagan con Baltar o mesmo" que con Rita Barberá "e posiciónese contra o machismo, desautoríceo publicamente", retou Villares, que lembra as escoitas publicadas por eldiario.es como proba do acontecido. Tamén a esas gravacións apela Pontón, quen esixe coñecer "por que Feijóo non lle pode pedidr a dimisión. Que sabe, que poder ten?".

Pontón: "Feijóo non lle pode pedir a dimisión a Baltar; que sabe, que poder ten?"

"O caso Baltar -sintetiza Leiceaga- o que indica é que Feijóo prefire, antes que a exemplaridade, o apoio político en Ourense". A dirección galega do PP, afirma o candidato socialista, precisa "os votos" que só Baltar pode manter. "Un dos motivos da degradación da clase política e da súa mala prensa é este tipo de actuacións", reprochou Puy. "En Galicia -agregou- as persoas máis destacadas" que tiveron que dimitir "por corrupción foron do PSdeG", xustificou.

Villares: "A xente ten dereito a saber que se denegan medicamentos con decisións que son prevaricación"

A infrutuosa petición de explicacións polo caso Baltar compartiu espazo no debate coa denuncia da Fiscalía ao Sergas pola presunta denegación de medicamentos para a Hepatite C por motivos orzamentarios. "A xente ten dereito a saber que se denegan medicamentos con decisións que son prevaricación", esgrimiu Villares, nun contexto no que Puy, como antes Feijóo, subliña que o xulgado non mantén a acusación de homicidio imprudente que si formulou a Fiscalía. "Terá noticias pronto do xuíz", dixo o popular.

Posible pacto fronte á "ausencia"

Puy procurou, sen éxito, o xurdimento do "voceiro do multipartito" que esixira Feijóo

O debate transitaba polos seus momentos máis intensos cando se aproximou ao remate e a moderadora convidou os participantes a dirixiren unha pregunta a algún dos outros candidatos. Puy tentou, sen éxito, provocar o xurdimento do "voceiro do multipartito" que esixe Feijóo e o resto de candidatos dirixíronse, precisamente, ao "ausente". Previamente, con fórmulas diversas, garantiran o entendemento se o PP non ten maioría absoluta.

"As forzas que estamos en disposición de facer avanzar a sociedade temos que poñernos de acordo", admitiu Leiceaga, quen coida que "o presidente debe ser socialista, porque dá máis estabilidade e confianza". "Que nintuén teña dúbidas de que garantimos un proxecto alternativo a Feijóo", mantivo Villares, quen asegura que En Marea non secundará unha "irresponsabilidade" como a acontecida no Estado. O BNG, asegura Pontón, estará tamén pola formación dunha alternativa de esquerda a quen agora xa é, tamén, "un candidato de plasma".

Gravación íntegra do debate

Villares, Pontón, Leiceaga e Puy, con Pepa Bueno ao inicio do debate © Cadena SER

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.