Continuar a tendencia familiar a pasar por riba do marco legal vixente seguirá a saír barato á familia de Francisco Franco. Os herdeiros do ditador seguen a gozar do Pazo de Meirás como residencia privada case 80 anos despois da súa incautación e ignoran recorrentemente as escasas obrigas que impón a súa condición de ben de interese cultural (BIC), fundamentalmente no que atinxe á obriga de abrilo ao público un mínimo de catro días ao mes. Poucos despois de que unha delegación do Parlamento constatase no histórico edificio que, cando se producen, as visitas ao público "omiten" o relato histórico ligado á ditadura, a Xunta vén de confirmar que a sanción á que se enfrontan os Franco por obstaculizaren a apertura terá un impacto irrelevante na súa saneada economía: un máximo de 6.000 euros.
Ao fío dos atrancos máis recentes ás visitas, o pasado febreiro, PSdeG e BNG formularon senllas preguntas ao Goberno a respecto da súa "valoración" sobre o cumprimento da lei en Meirás, así como sobre as medidas que tiña previstas para garantir, cando menos, o acceso do público nos termos que marca a normativa. A resposta a ambos cuestionamentos chegou a pasada semana a Cámara e nela a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural explica que, tras recibir "tres denuncias con carácter formal" e "algunhas outras por medios de público e notorio coñecemento", xa "realizou xestións previas para acreditar os feitos denunciados".
Dentro desas "dilixencias previas", detalla a Consellería, a Xunta dirixiuse á familia do ditador -"á propiedade do inmoble"- para "comunicar" a "posible comisión dunha infracción administrativa en materia de patrimonio cultural". "Tanto a reiteración do incumprimento como o alcance da sanción serán as que se determinen da necesaria tramitación dun expediente en aplicación da lexislación vixente tanto en materia de patrimonio cultural como do réxime xurídico das administracións públicas", evidencia.
A Xunta confirma que ten en marcha un expediente por incumprimento do réxime de visitas, sinalado como infracción leve na lei de patrimonio cultural
Aínda que a Xunta constata que o expediente aínda non está pechado, si di "poder informar" a PSdeG e BNG de que a sanción aos herdeiros do ditador sería a contemplada para as infraccións sinaladas no artigo 129 da lei de patrimonio do pasado 2016, na que se encaixa como infraccion leve "o incumprimento da obriga de facilitar a visita pública (...) ás zonas que se determinen de forma específica nos bens de interese cultural". Atendendo a ese texto legal as infraccións leves implican unha multa de 300 a 6.000 euros, polo que esa sería a contía máxima da multa aos Franco por pecharen Meirás mentres, por exemplo, se gaban da propiedade espoliada na prensa do corazón.
Investigacións recentes cifran o patrimonio dos herdeiros do ditador nuns 500 millóns de euros
A xuízo do Goberno galego cómpre ter en conta que "esta sanción é unha novidade da actual lei, xa que nin na estatal nin na anterior lei galega estaba contemplada". En rigor esta afirmación é certa, pero non o é menos que a anterior lei de patrimonio, impulsada polo Goberno de Manuel Fraga en 1995, xa deixaba marxe á sanción para "os propietarios, posuidores e demais titulares de bens declarardos de interese cultural" que non "facilitasen a visita pública a estes nas condicións que se determinen" e que "en todo caso, será gratuíta durante catro días ao mes". Aquela norma consideraba unha infracción leve "o incumprimento de calquera obriga de carácter formal contida nesta lei", o que abría a porta a aplicar un réxime sancionador máis rigoroso. Non en van, as infraccións leves estaban multadas con ata 10 millóns de pesetas, isto é, uns 60.000 euros.
Así e todo, tanto as multas previstas na anterior lei como na vixente non serían, de chegar a aplicárense, un especial quebranto económico nas finanzas da familia de Franco. Non en van, diversas investigacións cifran nuns 400 millóns de euros os fondos acumulados polo xeneral golpista e estudos xa publicados neste século como o debullado no libro Los Franco, S.A., do xornalista Mariano Sánchez, apuntan a un patrimonio que, entre o entramado empresarial da familia e outras propiedades, entre elas o propio Pazo de Meirás, roldaría os 500 millóns de euros.