A Fiscalía vén de arquivar a primeira das denuncias presentadas contra o presidente da Deputación de Ourense por acoso sexual. Unha muller presentara hai mes e medio a demanda acusando a José Manuel Baltar -tal e como desvelara eldiario.es- de ofrecerlle un emprego a cambio de sexo. Agora, no seu escrito, o fiscal considera que tomando como base a declaración da denunciante e as gravacións e mensaxes achegados por ela, "non existe nas devanditas probas expresión ou manifestación meridianamente clara sobre a vinculación entre unha suposta relación sexual coa promesa de traballo por parte do denunciado". Por iso é polo que decide arquivar o caso.
A Fiscalía arquiva a denuncia porque non ve clara a vinculación entre a suposta relación sexual e a oferta dun posto de traballo
A Fiscalía aclara que "da análise tanto dos SMS como das gravacións presentadas despréndese que existía unha relación de tipo persoal entre a denunciante e Baltar Blanco, aínda que nos mesmos non aparece indicio ningún sobre o suposto trato que vinculara directamente a presunta relación sexual coa concesión dun posto de traballo, circunstancia que ademais non se produciu".
O Ministerio Público resalta que a denunciante é "maior de idade e con plena capacidade"
O fiscal tamén detalla que valorou "a posible existencia de condutas contra a liberdade sexual, suborno e abuso no exercicio da función pública". No primeiro caso, sinala que a denunciante "é maior de idade e con plena capacidade" e que, segundo as súas declaracións, non mediou "usou de forza ou intimidación".
En canto aos outros dous presuntos delitos, lembra que son tipos delitivos "que non poden darse en quen non é autoridade" e advirte de que os supostos feitos producíranse non sendo aínda Baltar Blanco presidente da Deputación. "Ademais, tampouco se está no caso de que se tivese proecedido a realizar a contratación da denunciante", insiste. É por iso polo que cre que os feitos postos de manifesto "non achegan indicios suficientes de existencia de feitos delitivos".
Denuncia no xulgado
Pero a presión xudicial no caso Baltar non acabará aquí. A denunciante declarara xa en dúas ocasións ante a Fiscalía e, dada a actitude que advertía no Ministerio Público, optou pola demanda xudicial. Nesta ocasión, segundo puido saber este diario, o relato dos feitos amplíase e é máis exhaustivo. Así, por exemplo, a denunciante explica no seu escrito que coñeceu a Baltar no marco do congreso no que foi designado presidente provincial do PP en substitución do seu pai, José Luis Baltar, o mesmo no que votaron as 104 persoas que, segundo a Xustiza, foron enchufadas polo patriarca do clan na Deputación poucos días antes do conclave.
A denunciante amósase sorprendida pola actitude da Fiscalía, e afirma que non abordou elementos como as mensaxes de móbil
Sempre segundo o texto da demanda, tras varios contactos telefónicos chegou o encontro nun hotel da capital ourensá que rematou a iniciativa da muller. Ela, afirma, non accedeu a novos encontros e diso, segundo a súa versión, derivou que Baltar abxurase das promesas formuladas, e por iso comezou a gravar conversas como as publicadas. O asunto, asegura, continuou latente cando Baltar xa substituíra o seu pai tamén na presidencia da Deputación, en 2012, chegando a ser recibida, di, no despacho de Presidencia da institución provincial.
A demanda reclama que o barón ourensán sexa citado a declarar como presunto autor de acoso, prevaricación e violencia de xénero
Foi xa nese momento cando, dadas as circunstancias, decidiu emprender accións legais, aínda que unha enfermidade diagnosticada en 2013 impediulle facelo ata agora, primeiro na Fiscalía e despois nos xulgados. A denunciante tentará agora poñer sobre a mesa elementos como as mensaxes de móbil intercambiados co barón ourensán e os cales, asegura sorprendida, non lle foron requiridos polo fiscal, se ben este asegura que os tivo en conta. Deste xeito, está agora en mans do xulgado decidir se ten en conta o que a denunciante presenta como probas e se, como ela reclama, cita a Baltar a declarar.
De ser citado, unha das posibilidades sería que o fixese en calidade de investigado, o que popularmente se segue coñecendo como imputado, por presuntos deltios de acoso sexual, prevaricación e violencia de xénero, os aludidos pola demanda. A ausencia de accións xudiciais contra Baltar foi o parapeto empregado por Alberto Núñez Feijóo para non emprender accións contra el no seo do PP galego nin reclamarlle a súa marcha da presidencia da Deputación.